Nace Letra en Obras, unha web para promocionar autores novos

“O colectivo Letra en Obras pon a funcionar hoxe un proxecto web homónimo para promocionar os escritores novos. O primeiro proxecto é o libro 17 letras sen día (en formato pdf e epub e con licenza Creative Commons), con 17 relatos de autores novos, que se presentou o 17 de maio na Libraría Couceiro de Compostela. A autoría dos dezasete textos correspóndelles a Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga, Andrés Carrasco, Raquel Boo, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández, Brais Zas, Alberto Rodríguez, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda.” Vía Galicia Hoxe, Galicia Confidencial e Culturagalega.

Freixanes: “A grande épica dos galegos sodes vós” (anuncia Mar Maior, o selo de Galaxia no exterior)

“(…) Antes de lle deixar paso á presentación multimedia, o editor [Víctor Freixanes] anunciou a creación dun selo co que Galaxia vai capitalizar a presenza mundial dos galegos e galegas da emigración: “Mar Maior é un proxecto no que dende a editorial vimos traballando dende hai tempo. Trátase dun selo editorial que proxectará a cultura galega e Galicia a través da rede social dos galegos no mundo”, explicou.
Freixanes lembrou que “a Galicia exterior existe” e engadiu que “debemos saber aproveitala para construír as nosas plataformas de difusión. Unha cultura que non é quen de estar presente no mundo da globalización, en diálogo coas outras culturas desenvolvidas, é unha cultura con problemas, e a cultura galega ten cartas para xogar nesta partida (…)”.
A nova completa pode verse aquí.

A Coruña: actividades literarias no Achegarte 2011

Xa se fixo público programa de actividades do Achegarte 2011, que se desenvolverá no Palexco da Coruña con estes horarios:
Sábado 2 de abril: de 11:30 h. a 14:30 h., e de 16:30 h. a 22:00 h.
Domingo 3 de abril: de 11:30 h. a 14:30 h., e de 16:30 h. a 21:00 h.

Como xa sinalamos, a AELG terá unha presenza propia. O sábado e o domingo, de 17:00 a 21:00 h., diversos autores lerán a súa obra no stand da AELG, dentro da actividade Lecturas compartidas. Deixamos aquí as actividades literarias previstas, así como a programación completa: Programa Achegarte 2011.

Obradoiros. Para os obradoiros o público pódese apuntar no Achegarte ou garantir a súa praza inscribíndose previamente nas Bibliotecas Municipais da Coruña:

* Sábado 2:
* 12:00 h. Obradoiro de escrita creativa e reciclaxe de camisetas.
* 13:00 h. Concurso Tinta de Lura: canto sabes de literatura?. (Agasallo de camisetas e libros aos gañadores).

* Domingo 3:
* 11:30 h. Creación de personaxes de banda deseñada. Kiko Dasilva.
* 12:30 h. Obradoiro de animación á lectura. Reverso.

Presentacións:
* Sábado 2:
* 12:00 h. Entrega do premio Meiga Moira. Baía Edicións.
* 12:30 h. Presentación de Normal. Luís Caparrós, vicerrector da UDC.
* 13:00 h. Noente Paradise. Ugia Pedreira.
* 13:45 h. Presentación das novidades editoriais de Demo Editorial. Manel Cráneo.
* 17:00 h. 25 aniversario de O misterio das badaladas de Xabier P. DoCampo. Conversa de Óscar Sánchez e Manuel Bragado co autor e co ilustrador (Xosé Cobas), Xerais.
* 17:30 h. Animación Abrapalabra!, con Antón Cortizas e o mago Carlos Coira. Galaxia.
* 18:00 h. Presentación do Boletín da Real Academia Galega Xosé María Álvarez Blázquez, con Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos.
* 18:30 h. Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, con Pilar García Negro. Laiovento.
* 19:30 h. Presentación de Meubook.
* 21:00 h. Colección de ensaio Supertextos. 2.0 Editora.

* Domingo 3:
* 11:30 h. Páxinas de Carricanta. Ana Mª Fernández. Ilustrador D.N.L.
* 14:00 h. Lectura dramatizada de collage, de Esther f. carrodeguas. Edicións Barbantesa. Con Raquel Nogueira como Alicia e a colaboración especial de Antonio Mourelos como Alberto.
* 17:00 h. Planeta Mincha. Manel Cráneo.
* 17:30 h. Divírtete co paxaro Rodribico. Baía Edicións.
* 18:00 h. Presentación do programa E-ducando. AS-PG
* 18:30 h. Conclusións do foro sobre o estado da cultura. Tati Mancebo.
* 19:00 h. Antoloxías Poéticas Sonoras. Xosé María Álvarez Cáccamo e Chus Pato. Edicións do Cumio.
* 19:30 h. Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, Federica Montseny. Trifolium. No acto participan Eliseo Fernández, Enrique Sánchez e Xan Arias.
* 20:30 h. Presentación de Señardade da luz: a obra poética de Manuel María, de Miguel Mato.

Audiovisuais:
* Sábado 2:
* 18:00 h. Curtas de animación de OQO Editora: Corre corre, cabaciña; A princesa do Caurel; A bruxa regañadentes; Os sete cabritos e Un gato na árbore.
* 19:30 h. Entrega de premios e proxeccións Curtas para Rosalía. AS-PG.
* Domingo 3:
* 12:30 h. Proxección de Contra a morte. Documental sobre Lois Pereiro. IBCinema.
* 17:30 h. Pase promocional da película A casa da Luz (esta última no Teatro Rosalía [con convite]).
* 20:15 h. Presentación do guión de O divino ferrete. Reverso.

Cara a cara. Dous creadores e un xornalista conversan sobre os seus últimos traballos, sobre o proceso e o contexto da creación, os públicos, os medios, …
* Domingo 3: Alberto Ramos fala con Manuel Rivas e Mercedes Peón; Iolanda Casal fala con Uxía e Xurxo Souto.

Espazos vertebrados. Experiencias e actividades de asociacións e colectivos culturais, organizados e/ou vertebrados nos últimos tempos. Na Sala de Conferencias:
* Sábado 2:
* 16:30 h. Fundación Manuel María.
* 19:30 h. Presentación do selo Pulp Books. Rinoceronte.
* 20:00 h. Presentación da nova colección “Alcaián“. Urco Editora.
* 20:30 h. Casa de Manuel Antonio en Rianxo. Xosé Luís Axeitos e Grupo Revisión.

* Domingo 3:
* 20:00 h. Presentación do programa E-ducando. AS-PG.

Mesas de debate. Na Sala de Conferencias:
* Sábado 2:
* De 12:30 a 14:00 h. Situación do teatro infantil en Galiza.
* Domingo 3:
* De 12:30 a 14:00 h. A escrita de guión audiovisual en Galiza.

Teatro.:

* Sábado 2:
* 12:30 h. Recital de poesía satírica galego portuguesa, por Celso Parada, do Teatro do Morcego.

Encontros sectoriais. No Kiosko Alfonso:
* Sábado 2:
* De 11:30 a 14:00 h. Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Xestión e xestores culturais en Galiza.
* Domingo 3:
* De 11:30 a 14:00 h. Federación de Asociacións Galiza Cultura. Encontro Nacional de Asociacións Culturais.

Chat ao vivo. Sala de audiovisuais:
* Domingo 3:
* De 19:15 a 20:00 h. Lino Braxe.

Lugo: entregados os Premios da Edición 2010

O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.