Ribadeo: presentación de Tres mulleres galegas de armas tomar

O martes 24 de abril, ás 20:00 horas, na Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza a presentación do libro Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña, de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, publicado en Baía Edicións.

Chantada: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O luns 23 de abril, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Chantada, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá, xunto ao autor, André Sánchez Labandeira.

De viaxe con Paz Andrade

“Tal día coma hoxe, en 1898, nacía Valentín Paz Andrade. O ilustre polígrafo e empresario caracterizouse, entre moitas outras cousas, pola súa faceta de incansable viaxeiro. Ben sexa polos intereses das súas empresas, ben pola representación en cargos internacionais ou chamado polos emigrantes, Paz Andrade viaxou con moita frecuencia ás Américas e deixounos unhas saborosas crónicas nas que se revela o seu curioso espírito.” Vía Cultura Galega.

Ferrol: comeza a Feira do Libro coa presenza de Xosé Neira Vilas

O xoves 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde se presentará, a partir das 20:30 horas, o libro 100 anos do Himno Galego, de Xosé Neira Vilas, publicado por Edicións Embora. O autor lerá previamente, ás 19:30 horas, o Pregón oficial co que dará comezo a Feira.

Pontevedra: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O xoves 19 de abril, ás 20:30 horas, no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, interveñen, xunto ao autor, Miguel Anxo Fernández Lores e Nacho Carballal.

Santiago: presentación de Globalización e imperialismo cultural

O martes 17 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Globalización e imperialismo cultural, compilado e traducido por Manuel Outeiriño, publicado en Galaxia, quen participará no acto xunto a Carlos Lema e Antón Figueroa.

A Coruña: presentación de A represión franquista na comarca da Coruña

O venres 13 de marzo, ás 20:00 horas, no Hotel Meliá María Pita (Praia do Matadoiro) da Coruña, terá lugar a presentación do libro A represión franquista na comarca da Coruña, publicado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, coa participación de Emilio Grandío e Xurxo Pantaleón.

David Rodríguez: Palabras para a guerra en curso

Entrevista a David Rodríguez en El País:
“De todas as tarefas que impón o neoliberalismo rampante, David Rodríguez (Vigo, 1975) escolleu a das palabras. O primeiro e decisivo campo de batalla. A linguaxe política, mais non a que enmascara o secuestro da democracia, senón aquela á que se refería Jacques Rancière en O tempo da igualdade. A dos guerreiros e os artesáns que, ao se apoderaren das palabras que non estaban destinadas a eles, crean un suxeito novo, o suxeito “pobo”. Por aí quere ir Retomando a palabra (Estaleiro, 2012), unha escolma do blog que mantén na rede dende 2005 como O Funambulista Coxo. Oitenta artigos nunha caixa de ferramentas sen tornos nas portas nin grillóns na lingua. (…)”

Santiago: presentación de Álvaro Cunqueiro. Remuíño de prosas

O venres 30 de marzo, ás 12:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida de Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntase Álvaro Cunqueiro. Remuíño de prosas, publicado na Colección Cadernos Ramón Piñeiro desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.