Teresa Moure: “A linguaxe é a principal arma para cambiar a sociedade”

“Lourdes Varela publica no Faro da Cultura do Faro de Vigo a conversa con Teresa Moure sobre o seu ensaio Queer-emos un mundo novo, publicado en Galaxia, co que obtivo -por segunda vez- o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro. Pódese ler a entrevista aquí.” Desde Galaxia.

Guitiriz: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O sábado 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Escola Habanera de Guitiriz, preséntase Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG, nun acto organizado pola A. C. Xermolos e a A. C. Rosalía de Castro de Barakaldo, e no que intervirá o propio autor.

Celanova: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O xoves 25 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala da Lareira da Fundación Curros Enríquez (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, terá lugar a presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola propia editorial e a Fundación Curros Enríquez, intervirán, xunto ao autor, Luís Ferreiro, José Luís Ferro e Manuel Bragado.

A Coruña: presentación de Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei

A quinta feira 25 de outubro, ás 20:00 horas, no local da Asociación de Veciños da Agra do Orzán (Rúa Entrepeñas, 38) da Coruña, preséntase o libro Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Ramón Freixeiro Mato e Carlos Martínez.

Ramón Nicolás: “Longa noite de pedra non encaixou con parte do establishment galego da época”

Entrevista de Montse Dopico a Ramón Nicolás, en Praza:
“(…) – Praza (P): En Conversas con Celso Emilio Ferreiro, un libro que publicaches no 2009, traballabas xa con cartas, entrevistas e textos do autor de Longa noite de pedra. Naceu nese tempo a biografía [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): A idea de abordar a biografía parte dun traballo que fixen para unha edición facsimilar de Longa noite de pedra, de Xerais, no ano 2002. Previamente traballara sobre O soño sulagado. Pouco despois de acabar a carreira fixera unha busca de textos na hemeroteca do Faro de Vigo… Así, o contacto viña de atrás, e o libro de conversas foi o primeiro paso, pero o proxecto da biografía, en concreto, tomou corpo hai uns sete ou oito anos. (…)
– P: A súa poesía social non foi entendida por todo o mundo na súa época. Citas no libro críticas de persoas que a consideraban panfletaria…
– RN: É certo que o libro Longa noite de pedra non encaixou con parte do stablishment galego da época, que non soubo ver a importancia dun libro que se converteu en parte fundamental da historia da literatura galega. A súa poesía de corte social non era o modelo de Pimentel, nin do propio Aquilino Iglesia. É singular, neste sentido, que Longa noite de pedra demorase tanto en reeditarse, e que non o fixese Galaxia, senón El Bardo, en edición bilingüe. (…)
– P: O seu Viaxe ao país dos ananos sentoulle mal a moita xente, que o entendeu como un ataque a toda a comunidade de emigrantes. Non lle perdoaron, no seu tempo…
– RN: E hai xente que aínda hoxe se sinte ferida e doída por ese libro. E iso que mesmo Seoane recoñeceu que o que Celso Emilio dicía sobre Caracas era moi semellante á realidade de Bos Aires ou doutros sitios. Porque había, si, moitos ananos entre os emigrantes. Hai que ter en conta que os mesmos que o chamaron para traballar na Hermandad Gallega acaban non só expulsándoo, senón facendo o posible para que non atopase outro traballo, para que o botasen do país… Foi unha etapa moi dura para el.
– P: Ademais da dimensión social-realista da súa poesía, reivindicas outras, como a irónica ou a intimista, ás que se lles presta menos atención.
– RN: Creo que foi Alonso Montero quen dixo que Celso Emilio foi, con Quevedo, o gran autor crítico e sarcástico. A parte intimista está en Onde o mundo se chama Celanova, en O soño sulagado, e nalgúns poemas de Longa noite de pedra. En O soño sulagado xa atopamos moitos dos elementos que se desenvolveron en Longa noite de pedra.”

Dieste por correspondencia

Aínda que está recoñecido como un dos autores sobranceiros das nosas letras, especialmente no campo do teatro e do conto, Rafael Dieste foi tamén un agudo pensador e desenvolveu un destacado traballo de dinamización cultural. A pasada semana, a xornada María Zambrano-Rafael Dieste: o legado de dúas figuras insubornables afondaba nas perspectivas menos coñecidas deste autor a partir da súa relación epistolar coa coñecida filósofa. (…)
Para alén do pensamento, as cartas permiten coñecer, como non, visións máis íntimas do personaxe. (…) Axeitos di que nestes textos “poden atoparse moitas anécdotas. Alguna exemplifica como el era, por exemplo que el sempre quixo ter un piano na casa e practicar, aínda que moitas veces tiveron que o vender por problemas económicos. El fala do piano nas cartas como dunha persoas, das súas características. No entanto, nas cartas da súa muller é onde atopamos as referencias ao prezo do instrumento”. En xeral, para o arquiveiro da RAG, esta cartas “Danlle unha dimensión importantísima ao autor, e o epistolario no seu conxunto é un tremendo espazo de dignidade”.” Desde Cultura Galega.

Vigo: Mesa redonda de teatro e ensaio con Quico Cadaval e Carlos Callón, no VII Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 18 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, finaliza o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, cunha Mesa redonda de teatro e ensaio, que contará coa participación de Quico Cadaval e Carlos Callón.

Pontevedra: presentación de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás

O xoves 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11) de Pontevedra, o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o ensaio biográfico Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Constela, Luís Ferreiro (fillo de Celso Emilio) e Manuel Bragado.