Yolanda Castaño: “Noutras épocas supostamente as mulleres aspiraban a seren mantidas, agora é a nosa fobia máis radical”

Entrevista de Ana G. Liste a Yolanda Castaño en Praza:
“(…) – Praza (P): Nestes poemas d’A falsa autónoma hai uns ecos moi presentes da pandemia e do que supuxo para vostede como creadora e como traballadora da cultura.
– Yolanda Castaño (YC): Creo que non só para min, que este libro apela a calquera creador ou creadora, pero tamén a calquera traballadora da cultura no sentido máis amplo posible. Incluso estou recibindo bastantes comentarios de traballadoras autónomas doutros sectores. Penso que a clase traballadora se está polarizando moito entre traballadoras indefinidas estables e inestables. En xeral, creo que todas temos claro que a pandemia serviu bastante para sacar a relucir todas as vulnerabilidades do sector cultural e de certos traballos efectivamente inestables. Que non puidésemos traballar e, polo tanto, non puidésemos recibir ningún tipo de diñeiro rebelouse como unha situación moi vulnerable para moitas persoas e provocou moitas reflexións.
– P: Agora que volve sobre o libro para presentalo, como o sente? Porque parece que hai moito ímpeto nestes versos, e moita forza.
– YC: Hai moitas emocións neste libro, dende a rabia ata o desespero; pero tamén reflexións que xa viñan de atrás e seguen vixentes que, máis alá da vivencia subxectiva, aluden ao sistema económico no que seguimos afogadas, inmersas e cun horizonte pouco esperanzador. Preocúpame profundamente a deriva deste turbocapitalismo voraz, salvaxe e perverso. Creo que libro fala moito sobre este sistema económico e a experiencia do traballo tal e como se entende hoxe: a autoexplotación, a débeda… cuestións que seguen aí.
– P: E esa obriga de ser produtiva constantemente, que menciona no poema Norias de obediencia.
– YC: Na que estamos absolutamente todas e todos inmersos. É como unha maquinaria insaciable, e iso é o perigoso. E as implicacións emocionais, que creo que se están vendo na taxa de problemas de saúde mental que se están acusando, é un saldo que nos ten que preocupar profundamente. É moi difícil escapar do imperioso mandato da produtividade, sobre todo por esa cara perversa do sistema que che fai como vítima e parte ao mesmo tempo.
– P: A falsa autónoma ten unha relación estreita con Economía e poesía. Rimas internas, premio Ramón Piñeiro de ensaio en 2023, que publicou en Galaxia?
– YC: Claro, están bastante emparentados. Foron bastante paralelos e as reflexións que están aí me acompañaron durante moitos anos. Pareceume un exercicio interesante e estimulante esa transcodificación que trata de levar os contidos por unha banda ao código ensaístico e pola outra á linguaxe poética, por forza bastante distante entre elas e con características moi de seu cada unha delas, pero que poden dalgún xeito ser complementarias. (…)”

A Coruña: encontros literarios do clube de lectura da UDC Nébeda, con Ánxela Lema París

O 24 de abril, ás 16:00 horas, na Sala Xoana Torres da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Ànxela Lema París, doutora e profesora na Facultade de Filoloxía da UDC, participará nos encontros literarios do club de lectura Nébeda da UDC. Falará de identidades non hexemónicas, das alianzas entre o capitalismo e as monogamias, de maternidades non-monógamas e de moito máis, da man dunha das coordinadoras do libro O cento voando. Amores, alianzas e non-monogamias.

Entrevista a Abraham Pérez na revista Quiasmo

Entrevista a Abraham Pérez na Revista Quiasmo:
“(…) – Quiasmo (Q): Quem é Abraham Pérez?
– Abraham Pérez (AP): Ben, coido que esta debería ser a resposta máis sinxela de dar, porén semella, sen coñecer o que vén por diante, das máis complexas. Penso que todo ten un contexto e os datos, imos dicir oficiais, din que nacín en Lugo no ano 1990. En calquera caso, creo que a figura delimitada é o menos relevante. Considero que somos algo semellante a unha pasaxe: un espazo polo que pasan moitas cousas e, en consecuencia, iso tan precario que denominamos identidade, entendido coma un construción definida e rematada, non é máis que o conxunto das lecturas, visualizacións, escoitas e relacións sociais (todo isto nun amplo senso) que establecemos durante a vida. Sen esas coordenadas e sen o contexto no que se posibilitan, coido, sería falsear unha realidade. Somos algo aberto e en constante elaboración. Unha especie de coexistencia de presente, pasado e futuro.
– Q: Como a poesia e as artes, por exemplo… Que é o te achega a essa faceta criativa?
– AP: Se a lectura é, para min, un modo de estar no mundo, orixe do coñecemento e, claro, do estudo, a escrita é un modo de comprensión do mundo, de aclararmo (ou, cando menos, intentalo) sabendo que sempre está abocada ao fracaso.
– Q: Como levas a cabo o teu trabalho criativo?
– AP: O estudo é a parte central do traballo. Sen estudo rigoroso non habería posibilidade de tentar facer unha obra coherente. No meu caso, as distintas pezas, os distintos textos, son froito de moito traballo formal. Certo é que non penso se vou escribir un conxunto de poemas ou un libro de carácter máis narrativo, senón que o que acontece é que grazas a ese estudo e da preocupación arquitectónica, comezan a xurdir vestixios a partir dos cales comezo a traballar. E, desde aí, que é un proceso longo, empezo a puír, a recortar, a eliminar cousas que sobran, até, como digo sempre, que a obra comeza a facer un escorzo. O momento da reescrita, ou mellor, da depuración é o traballo que máis tempo me leva. Durante o mesmo, chega un punto de equilibrio entre a forma e o contido que xa posibilita que camiñe por si soa, é necesario abandonala. E é aí onde se manifesta a ambivalencia, as distintas capas de lectura, o punto de humor –soterrado- e burla.
Outra cousa é o ritmo de publicación. No meu caso, non adoitan cadrar. Ás veces publícanse varias obras en relativo pouco tempo, mais a súa existencia é froito de moitos anos de traballo. Sucede que, ás veces, xúntanse e parece que un produce, no lugar de crear. (…)”

Pilar García Negro: “Castelao contravén unha cegueira histórica coas mulleres”

Entrevista de Sandra Faginas a Pilar García Negro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Podemos falar dun Castelao feminista?
– Pilar García Negro (PGN): Teño bastantes reservas para aplicar o adxectivo feminista, porque hoxe está tan devaluado! Sempre lembro unha sentenza moi axustada de Xosé Chao Rego, grande escritor, que dicía: «Os homes deixamos de ser machistas teóricos para converternos en masculinistas prácticos». Iso ten moito de verdade. No caso de Castelao hai un mérito indiscutíbel, porque contravén unha tendencia histórica e milenaria de moitos autores varóns sobre as mulleres, que se concentra en dúas palabras: cegueira e xordeira. E o que eu denomino tamén a práctica da ventriloquia. Personaxes femininos na literatura universal hai a esgalla, pero o que proxectan é a fantasía masculina. Fala o ventrílocuo, non elas.
– LVG: Non é o caso de Castelao.
– PGN: Non. Porque el salva ese obstáculo, ao igual ca outros autores superlativos doutras literaturas. Lemos A Celestina, de Fernando de Rojas, e aí son elas, tanto Celestina como Areúsa quen se expresan e se defenden. Ou Cervantes, no Quixote, no famoso discurso de Marcela, que é un auténtico manifesto da liberdade, da autonomía de conduta e da non submisión ao desexo masculino.
– LVG: En Galicia existen antecedentes neste aspecto?
– PGN: Si, contamos cunha tradición intelectual que cómpre coñecer. O padre Feixoo, moitos anos antes da Revolución francesa e da famosa declaración dos dereitos da muller, publicou o discurso XVI do seu Teatro crítico universal, que é Discurso en defensa de las mujeres, así de directo. Cunha defensa rotunda da nosa capacidade intelectual. O seu discípulo, o padre Sarmiento, con toda a clareza vaise referir tamén a que falta por ter escrita a metade da moral porque só a escribiron os homes. E di o mesmo da medicina. Ademais, defende que os oficios non teñen, como diriamos hoxe, marcas de xénero.
– LVG: Castelao é continuador desa tradición apuntando ás mulleres traballadoras.
– PGN: El ten unha sensibilidade particular para ver e escoitar as mulleres traballadoras e das clases populares, que son a inmensa maioría que recolle nas súas viñetas, nas súas estampas, no seus debuxos. Fainas protagonistas. E iso é transversal, porque vémolo en Cousas da vida, no Álbum Nós, n’Os álbumes de guerra, onde hai estampas absolutamente estremecentes con protagonistas femininas. Despois, claro, Castelao é fillo do seu tempo e de todas as circunstancias que marcan o contexto histórico no que viviu. Iso non escurece o que veño de comentar, que é relevante, porque na intelectualidade española coetánea ou máis amplamente contemporánea, hai cousas que caen das mans. Marañón xustifica a inferioridade intelectual feminina e o fatum biolóxico. Ortega y Gasset, Unamuno… En fin. (…)”