Inmunda escoria, de Ricardo Gurriarán

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968, de Ricardo Gurriarán será presentado mañá, mércores 7 de abril, ás 19:30 horas no Salón Nobre de Fonseca en Santiago. O acto contará coa participación dos prologuistas da obra, Vicente Álvarez Areces (Presidente do Principado de Asturias) e Senén Barro (Reitor Magnífico da USC), ademais de Víctor Santidrián (Director da Área de Historia da Fundación 10 de marzo), Manuel Bragado (Director de Xerais) e do propio autor.

A Coruña: presentación dun libro de Victorino Pérez Prieto

Prisciliano

O libro de Victorino Pérez Prieto Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario preséntase mañá mércores 17 de marzo na Biblioteca de Estudos Locais ás 20 horas, con entrada libre. No acto participarán a Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; a catedrática da Universidade da Coruña e autora do prólogo, Pilar García Negro, e o propio autor do libro, Victorino Pérez Prieto.

Vigo: presentación do libro Feministas galegas

O vindeiro mércores 17 de marzo presentarase en Vigo o libro Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha de Mónica Bar Cendón. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Camino Noia, Manuel Bragado e Mónica Bar, e comezará ás 20,00 horas na Libraría Librouro (rúa Eduardo Iglesias, 12 de Vigo).

A Coruña: presentación de Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70

Mañá mércores 3 de marzo preséntase o libro Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70, editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. O acto terá lugar ás 8 da tarde na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras 12), e contará coa presenza de Lois Diéguez Vázquez, director de Programación de Cursos e Publicacións da Fundación Bautista Álvarez; e Francisco Rodríguez Sánchez, doutor en Filoloxía Románica e autor dunha ampla obra investigadora e de ensaio en temas culturais e políticos.

Mañá darase a coñecer o fallo do Premio Vicente Risco

Os concellos de Allariz e Castro Caldelas e as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco comunican que o sábado, día 27 de febreiro, ás 12:30 horas, farase unha rolda de prensa, na sede da Fundación Sotelo Blanco, en San Marcos, Santiago de Compostela, onde o xurado da XV edición do PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS dará a coñecer a súa decisión. Este xurado estará composto por: Teresa Devesa Graña, concelleira de Cultura do Concello de Allariz; Fernando Acuña Castroviejo, profesor da Universidade de Santiago; Xosé María Eguileta Franco, Arqueólogo Municipal do Concello de Ourense; Luís Martínez-Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco; e Francisco Fernández Rei, profesor da facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela e académico, que actuará como Secretario. O premio “Vicente Risco” está dotado con 6.000,00 euros para a obra gañadora, que publicará Sotelo Blanco Edicións segundo acordo cos organizadores do premio.

Santiago: presentación do Manual de lexislación educativa

O vindeiro martes preséntase en Santiago Manual de lexislación educativa: Da LOXSE á LOE de Manuel Lama Grande. No acto intervirán Senén Barro Ameneiro –reitor da Universidade de Santiago de Compostela–, Isabel Serna Masiá –inspectora de Educación–, Antonio Puentes Chao –director editorial de 3C3– e o propio autor. Será na Librería Follas Novas a partir das 20 horas.

ProLingua anuncia as localidades nas que se presentará o libro das 55 mentiras…

A Plataforma ProLingua anunciou hoxe a listaxe provisional de localidades nas que se presentará o próximo venres 5 de febreiro o libro 55 mentiras sobre a lingua galega. Son máis de sesenta as vilas e cidades de todo o mundo que acollerán o acto, un fito histórico para o sistema literario galego: A Coruña, A Estrada, Allariz, Baiona, Barcelona, Bethelem, Bos Aires, Bruxelas, Cacheiras, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Carballo, Carnota, Celanova, Cerceda, Chantada, Copenhague, Corcaigh/Cork, Cotobade, Cuntis, Ferrol, Gondomar, Guitiriz, Lalín, Lisboa, Londres, Lugo, Madison – Wisconsin, Madrid, Marín, Melide, Moaña, Monforte, Nablús, New York, Nigrán, O Barco, O Grove, Ourense, Padrón, París, Pobra de Trives, Ponferrada, Ponteareas, Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, Salceda de Caselas, San Martiño de Trebello (Val do Ellas), Santiago, Saraievo, Trintxerpe, Tübingen, Tui, Verín, Viana do Bolo, Vigo, Vilafranca do Bierzo, Vilagarcía, Vilalba e Vitoria/Gasteiz. Tedes máis información no blog de ProLingua.

A Plataforma ProLingua presenta a súa primeira publicación en máis de cincuenta localidades de todo o mundo

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Nos próximos días a Plataforma ProLingua dará a coñecer no seu blogue máis detalles da multipresentación que deste libro se fará simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro –Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.