Cuestionario Proust: Román Raña

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Román Raña:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A alegría.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O cariño.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza.
5.– A súa ocupación favorita?
– Viaxar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en Creta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que enfermase un ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Creta.
10.– A súa cor favorita?
– O verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A papoula.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal.
13.– A súa devoción na prosa?
– Otero, Dostoievski, Henry James, Bieito Iglesias.
14.– E na poesía?
– Manoel Antonio, Álvarez Torneiro, Paul Celan, Zbigniew Herbert.
15.– Un libro?
– Danubio, de Claudio Magris.
16.– Un heroe de ficción?
– Odiseus.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Bach, Händel, Telleman, Mozart, Wagner, Richard Strauss.
19.– Na pintura?
– Botticelli, Otto Dix, Petrov Vodkin.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Castelao.
21.– O seu nome favorito?
– Vasili.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Os berros.
23.– O que máis odia?
– O barullo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A memoria infinita.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría e a indignación.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A glutonaría.
30.– Un lema na súa vida?
– Fai ben e non mires a quen.”

Anxos Sumai: “Conseguín escribir con valentía, con absoluta liberdade creativa”

Entrevista de Carme Vidal a Anxos Sumai en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Aínda impactada coa lectura de A lúa da colleita gustaríame saber que lle están a comentar as persoas que len a novela.
– Anxos Sumai (AS): Coinciden en que crea unha grande angustia e familiaridade coa protagonista. A sensación de atmosfera percíbea todo o mundo e iso alégrame, porque escribo sen premeditación mais sei o que busco. O emprego das cores, os obxectos cotiás, mesmo a descripción das pisadas no corredor están no libro para crear esa atmosfera. (…)
– SG: Non hai unha páxina de respiro. A intensidade é un dos obxectivos?
– AS: Busqueina. Quixen provocar en quen le a mesma incerteza que sente Nuria, a protagonista. É moi fácil alterar os límites e que desapareza a sensación de seguridade. Vive nun continuo estado de provisionalidade. Escribín que ela tiña a sensación de habitar nunha sala de espera e que ingresaría nalgún momento. É como eses soños que tes de pequena de ser algo importante de maior e, despois, a idade trae grandes decepcións e decátaste de que a vida é un fraude e cómpre asumir as responsabilidade nós mesmas. (…)
– SG: É das poucas que introduce sexo e drogas na novela. Cre que a nosa literatura adoece de excesivo control?
– AS: Ás veces utilizo imaxes moi duras, mais nin gore nin pornográficas. Creo que trato aos personaxes con sutileza. O que fago é contar a vida e na vida hai sexo e hai drogas. Outros autores tamén o fan, penso agora en Xavier Queipo, Antón Lopo, Xurxo Borrazás… De todas maneiras, paréceme que na literatura en xeral predomina nestes tempos unha vontade por escribir de maneira politicamente correcta. Eu opto por contar a verdade. (…)
– SG: A súa relación coa literatura goza desa intensidade?
– AS: Cando non teño nada que contar prefiro calar. Mais, de todas maneiras, a literatura está sempre presente. Usei mil manobras para non escribir cando intentaba comezar A lúa na colleita. Especialiceime en facer madalenas como noutro tempo ía bailar ás discotecas ou bordaba. A miña relación coa literatura é moi antiga, ven da infancia, pero opto por publicar pouco. Quero estar segura do que publico para poder defender o traballo con confianza. (…)”

Margarita Ledo: “Cómpre tomar partido, non facelo convértenos nun oco máis a transitar”

EntrevistaMargarita Ledo a Margarita Ledo en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): O seu primeiro contacto literario tívoo coa poesía, con aquel Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto. Por que este xénero?
– Margarita Ledo (ML): Porque foi o primeiro que lin en galego quizais, ou porque quería escribir en lingua galega e ese paso termaba dunha escrita na que comprometías o corpo e a fala.
– NG: Aqueles primeiros tempos de poesía, evolucionaron cara a narrativa e despois cara o ensaio. Este último centrado sobre todo na comunicación…
– ML: No ensaio a verdade é que adoito traballar eses obxectos que existen porque se fan para os demais: a foto, a prensa, o cinema, as iconografías do corpo… (…)
– NG: Entón, chegou un momento na súa vida na que aparece o audiovisual e no 2004 dirixe a súa primeira longametraxe, Santa Liberdade, como entra en contacto con este mundo?
– ML: Son estas idas e vidas da docencia e a pescuda ó traballo creativo. Daba aulas de documental, escribía sobre documental e púxenme a facer un documental. Era un documental sobre a utopía, os anos sesenta, a ocupación dun transatlántico para denunciar as ditaduras de Franco e de Salazar, unha acción da que é parte fundamental o exilio galego. (…)”

Ledicia Costas: “Nos meus libros sempre están presentes as persoas diferentes”

Entrevista a Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que lle atraeu esta temática [Recinto Gris]?
– Ledicia Costas (LC): Estiven case dous anos lendo sobre a Segunda Guerra Mundial, vendo documentais e lendo moitas novelas, ensaios e enciclopedias. Dese traballo de documentación empapándome de cousas, saíron esta novela e un libro de relatos titulado Un animal chamado Néboa, que tamén vai publicar Edicións Xerais este ano, centrados na Segunda Guerra Mundial.
– LVG: ¿Que tén a obra de actualidade?
– LC: Están agromando movementos radicais de dereita en Europa e paréceme un fenómeno moi preocupante. Creo que a sociedade en xeral hoxe en día está enferma. Estamos pasando por un momento moi complexo. Escribín a obra por iso. Nos programas de ensino case pasan de longo do holocausto. Creo que é necesario que o profesorado se esmere un pouco neste tema tal e como vai esta sociedade para que o coñezan os estudantes. (…)
– LVG: Que sente cando escribe?
– LC: Tomo a escritura como un traballo. Escribo moitas horas ao día. Fago una xornada laboral practicamente completa. Non creo nas musas. Creo no traballo e na evolución a base de horas diante do ordenador, do dicionario e da lectura.”

Rosalía Fernández Rial: “Concibo a creación poética, e a vida, desde a reivindicación do colectivo”

Entrevista de Montse Dopico a Rosalía Fernández Rial en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Ningún amante sabe conducir ten unha primeira parte de versos, unha segunda de prosa poética e unha terceira que se achega ao teatro. O teu poemario anterior, Vinte en escena, estruturábase sobre 20 actos… É a mesma procura da confluencia entre artes?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É verdade que, no meu discurso artístico, busco moito a interdisciplinariedade. Os meus grandes referentes son a poesía, o teatro e a música, aínda que tamén poida haber influencia das artes plásticas, por exemplo. Mais teatro, música e poesía son a base da estrutura, e tamén do fondo, do contido.
– MD: Ningún amante sabe conducir é un poemario de amor, cunha forte carga erótica. Unha historia contada a través da colisión, do accidente automobilístico como metáfora. Por que?
– RFR: Porque é unha paixón desatada, que conduce irremediablemente cara ao accidente, e iso condiciona a propia forma dos poemas: a presenza da velocidade… É o desexo como instinto, unha paixón irracional, na que a voz lírica parece ás veces que se volve un pouco louca… Esa é a idea. (…)
– MD: Hai humor, xa desde o título, en Ningún amante. E tamén nos nomes dos poemas, que parecen sacados dun manual de conducir. Iso si que non estaba nos poemarios anteriores, non si?
– RFR: Pois é verdade. Hai unha irreverencia, un atrevemento, unha tendencia antipoética como che dicía. Poemas con versos curtos, moi directos, moi contudentes. Porque é como un paso máis, un atreverse máis, unha ruptura: é sexo máis que ampr, é ironía xa desde o título… É como un darlle a volta ao poético. (…)”

Cuestionario Proust: Rosa Enríquez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rosa Enríquez:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade e a perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade e o sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan honestas e queiran partillar tempo comigo.
4.– A súa principal eiva?
– A dificultade para estar con moitas persoas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Gústanme moitísimo o cinema, a literatura e a música.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar coas persoas que me agradan e rir a cachón.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a saúde.
8.– Que lle gustaría ser?
– Encantaríame ser unha fotógrafa excelente, por exemplo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste que vivo, mais noutras condicións moito mellores para a clase traballadora e para o idioma.
10.– A súa cor favorita?
– O malva.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A margarida é ben bonita. Aparece libremente, sen máis. Como non agradecerlle o seu modesto esplendor?
12.– O paxaro que prefire?
– A bubela.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf.
14.– E na poesía?
– Gústanme tantxs poetas!! Rosalía, Keats, Aimé Césaire, Lautréamont, Rimbaud, Panero, Anne Carson, Ferrín, Olga Novo, Chus Pato, Ginsberg, Goytisolo, Riechmann, Novoneyra…
15.– Un libro?
– O espectador emancipado, de Rancière.
16.– Un heroe de ficción?
– Non acredito nos heroes.
17.– Unha heroína?
– O mesmo.
18.– A súa música favorita?
– O rock encántame. Tamén o jazz.
19.– Na pintura?
– Como che dixen, gustaríame ser unha fotógrafa excelente, así é que prefiro elixir fotógrafas, no canto de pintoras. Creo que Nain Golding e Diane Arbus, fixeron un traballo ben interesante.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Insisto, non acredito nos heroes nin nas heroínas, mais, como vexo que esta cuestión se repite, permitireime a licenza de mudar o de “heroína” por muller admirada. Así é que, escollo a Rosalía de Castro. Debeu ser ben fatigoso lidiar coa misoxinia da época. Admiro pois a afouteza e resistencia de seu ante esa violencia constante ao seu redor.
21.– O seu nome favorito?
– Mira ti que cousa, gústame moito un nome eúscaro: Necane.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Que me falen cando intento escoitar algo que está a dicir outra persoa.
23.– O que máis odia?
– A xente finxida, petulante e, sobre todo, pusilánime. O silencio constrúese, en gran medida, coa complicidade dos/das pusilánimes.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler e os Reis Católicos foron ben desprezábeis, poño por caso. Hai algúns máis, conste.
25.– Un feito militar que admire?
– Máis que un feito militar, admiro as revolucións protagonizadas polo pobo, porque, por duras que fosen, constituíron un punto de inflexión importante para construír algo novo. A Revolución Francesa é un bo exemplo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O “ollo fotográfico”, xa che digo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Acompañada dunha persoa moi querida para min.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Procuro que sexa o entusiasmo, mais non sempre o consigo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inseguridade.
30.– Un lema na súa vida?
– Cuestionar as regras, e, sempre que vulneren a dignidade das persoas, rompelas.”

Xabier López: “Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Xabier López en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cadeas é unha novela cunha estrutura que pon en cuestión o propio concepto de novela. Varios relatos van saíndo coma ponlas dun esquelete central: o encontro dun escritor cunha parella de lectores. De onde xorde esa estratexia narrativa?
– Xabier López (XL): Dunha reflexión vital que se fai literaria: a vida é unha novela ou unha sucesión de relatos? E da reflexión ao xogo: cantos relatos caben nunha novela? Cantas novelas caben nun relato? Recoñezo que buscaba acender un debate sobre os límites da narración cos demais escritores e sorprendeume que se crease maior comunicación cos lectores que con outros literatos sobre este aspecto. Ás veces leo cousas sobre a narrativa que me fan pensar que temos un pensamento sobre a novela algo atrasado: novela é todo o que queiramos que sexa unha novela.
– B: A figura do lector está moi presente na novela. Nese esquelete central un escritor atopa unha lectora cun libro seu na praia, acaban por coñecérense e o autor pasa unha noite ceando no chalé dela e do seu home, tamén lector e fan do escritor. Estes lectores da novela son tratados con bastante crueldade.
– XL: Esa parte do libro é unha parodia sobre esa relación entre o escritor e os seus lectores. E recoñezo que tiña certo medo á reacción de quen collese o libro e reparase nesa relación. Mais fiquei moi sorprendido. Primeiro porque a novela gañou o Xerais, que é un premio que dan os lectores e logo porque as persoas que len o libro e mo comentan vexo que entenderon ese punto de vista humorístico e esaxerado.
Eu quería reparar na busca do escritor polo seu lector tipo, esa figura difusa que non sabemos que existe pero que está acompañando o escritor cando escribe. Para quen escribimos? Quen queremos que nos lea? E se, como pasa en Cadeas, o lector que nos encontramos non é quen pensabamos a priori que podería ler os nosos libros? Supoño que os escritores que venden moito acaban por ter algún tipo de coñecemento directo dos seus lectores mais no caso galego, a pregunta xeral é: hai alguén aí? Alguén espera para ler o que temos que dicir?
– B: Alguén hai. Os libros véndese. Mais quizais non tanto coma esperan os escritores.
– XL: Mais ese non é un problema especificamente galego. A maioría, a gran maioría dos libros en español venden unha media de mil exemplares. E vender esa cantidade xa se considera un éxito. Hai unha evidente crise no mercado global do libro, está en cuestión a cadea entre a produción de libros como obxectos e o desexo dos lectores por adquirilos. O problema é que a literatura galega suma a esa crise a súa propia condición de mercado minorizado. Ás veces somos un pouco duros con nós mesmos, as nosas letras como sistema son relativamente novas. Existe literatura galega desde hai 150 anos, máis ou menos. E non tivemos unha ortografía máis ou menos consensuada até a década do 1980. Pensemos en todo o que se leva feito en 35 anos. E en troques estamos sempre cuestionándonos, esixíndonos cousas que noutros contextos moito máis favorables nin se formulan. E esa autoesixencia tamén se trasladou aos lectores. En galego cultivouse un lectorado fiel, militante, que valora os escritores en virtude da súa pertenza, implícita ou explícita, a unhas siglas políticas hexemónicas dentro do nacionalismo. E cando ese autor sae desas coordenadas, os lectores deixan de comprar os seus libros. Nos últimos tempos intentouse facer outro tipo de mercado, independente do proceso de construción nacional. Pareceu por un tempo que si se podía asentar mais hoxe en día xa non teño tan claro que haxa espazo para todos. (…)”