A Coruña: XXVII edición de Galeusca, do 29 de outubro ao 1 de novembro

Organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, os encontros Galeusca chegan á súa XXVII edición, congregando na cidade da Coruña, entre os días 29, 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro, a escritores e escritoras da AELG, da Euskal Idazleen Elkartea e da Associació d´Escriptors en Llengua Catalana.
As sesións da XXVII Congreso Galeusca celebraranse na Biblioteca de Estudos Locais (rúa Durán Loriga s/n.) da Coruña, baixo o epígrafe Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro.
O XXVII Congreso Galeusca promoverá neste 2010 o debate ao redor da importancia das nosas literaturas en lingua propia como subministradoras de contidos para unha fértil industria cultural que a todos e todas sen excepción preocupa e interesa, pois na lingua e na literatura susténtase a identidade senlleira dun pobo, unha historia pensada e debuxada tamén polos seus escritores e escritoras, voces reveladoras dunha viaxe colectiva cara un país con futuro propio. Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o programa:

Venres, 29 de outubro:
Chegada das delegacións
22:00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).

Sábado 30 de outubro
10:00-11:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura e o audiovisual, coordinada por Raúl Veiga:
Héctor Carré
• Harkaitz Cano (elaboración do relatorio) | Ander Iturriotz (relator)
Manel Bonany

11:30-12:00 Pausa café
12:00-13:30 Mesa redonda: As viaxes na literatura, coordinada por Xulio L. Valcárcel:
Anxo Angueira
• Urtzi Urrutikoetxea
Ignasi Riera
14:15 Xantar (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).
17.00: Percorrido Rosaliano pola Coruña, por Diego Pardo Amado (con saída na Rúa do Príncipe,3 –Cidade Vella–).
18.30: Recepción na Casa do Concello da Coruña (Praza de María Pita, 1).
22.00 Cea (Restaurante A Penela –Praza de María Pita, 12–).

Domingo 31 de outubro
10:00-11:30 Asemblea da Federación Galeusca.
11:30-12:00 Pausa café.
12:00-13:30 Mesa redonda: A literatura como fornecedora de contidos da industria cultural: a literatura como modelo de convivencia de vellos e novos soportes, coordinada por Tati Mancebo:
Marcos S. Calveiro
• Nikolas Zimarro
Guillem-Jordi Graells
14.15 Xantar (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).
19:00-20:00 Recitado/Lectura de textos + Música:
Olalla Cociña e Dores Tembrás
Nikolas Zimarro
Miquel Bezares
Xabier Díaz (música).
22.00 Cea (Restaurante Ruído en la cocina –Praza de María Pita, 1B–).

O luns 1 de novembro regresarán as delegacións invitadas.

Visita dos gañadores do premio literario Urruzuno ao Roteiro Fiz Vergara Vilariño

O luns 6 de setembro visitarán o roteiro literario-artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño os gañadores da última edición do prestixioso premio literario vasco URRUZUNO, convocado polo goberno vasco entre os alumnos de secundaria para coidar a calidade da lingua e a literatura en euskera. Virán acompañados do escritor e bertsolari Xabier Paya e percorreran as terras do Fiz na procura de comprender o seu universo literario desde o espazo físico que o acompañou durante a maior parte da súa vida. E poderán descubrir as interpretacións que dos lugares e dos poemas do Fiz realizaron os trece artistas plásticos que instalaron as súas obras nese museo ao ar libre no que se converteu Lóuzara.

Galeusca 2009: conclusións

Na sesión de clausura do GALEUSCA 2009, Cesáreo Sánchez Iglesias leu as seguintes conclusións:

«Os escritores galegos, cataláns e vascos, reunidos en Arantzazu do 9 ao 12 de outubro de 2009, baixo o lema “Hizkuntza txikiak, erronka handiak, Petites literatures, grans desafiaments, Literaturas minorizadas, grandes desafíos”, tras os debates correspondentes, adoptaron as seguintes conclusións:

1. Realizar as adecuacións necesarias ao desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vocalías, unha en cada asociación, encargadas de:

a) Profundar e implementar os contidos propios da Federación Galeusca, así como preparar a asemblea anual, na que se realizará o balance das actividades realizadas, recollido no correspondente informe de xestión.

b) Asegurar o debate e o posicionamento público a respecto das iniciativas que positiva ou negativamente inflúan no desenvolvemento das respectivas culturas nacionais.

c) Desenvolver durante todo o ano actividades conxuntas de interese profesional de acordo co plan de actividades de cada unha das asociacións.

2. Avanzar nos temas de propiedade intelectual e dereitos profesionais nos seguintes aspectos:

a) Valorar como moi positivos os novos contratos tipo pactados entre as asociación de escritores e o gremio de editores cataláns, recomendando a súa difusión e utilización futura.

b) Incidir conxuntamente nos traballos da subcomisión parlamentar que estuda a revisión da Lei de Propiedade Intelectual.

c) Propor tamén a actuación, como Federación e a través de European Writers’ Council, nos debates sobre lexislación e directivas europeas de propiedade intelectual, en especial as relacionadas co ámbito dixital, libro electrónico, novos formatos, etc.

Así mesmo, a Federación Galeusca, na súa defensa da liberdade de expresión, ante a próxima celebración do xuízo oral contra a dirección de Euskaldunon Egunkaria, quere facer chegar a súa solidariedade aos imputados e facer pública a súa esixencia de arquivo da causa.

Apoiamos as mobilizacións que se van celebrar en Galiza, Euskadi e Países Cataláns na defensa dos dereitos lingüísticos. Neste sentido, mostramos o noso total desacordo coas accións regresivas respecto á normalización lingüística adoptadas polo actual goberno galego.

Finalmente, a Federación Galeusca, no exercicio rotatorio da presidencia, comunica que Guillem Jordi Graells (Presidente de AELC) é relevado por Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente de AELG), quen organizará o próximo encontro anual desta Federación.»

Galeusca 2009: os contidos das mesas de traballo

Lugar dos obradoiros de traballo: Centro Gandiaga en Arantzazu

P1010016MESA A

Resolveuse realizar as adecuacións necesarias ao desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vocalías, unha en cada asociación, encargadas de:
a) Profundar e implementar os contidos propios da Federación Galeusca, así como preparar a asemblea anual, na que se realizará o balance das actividades realizadas, recollido no correspondente informe de xestión.
b) Asegurar o debate e o posicionamento público a respecto das iniciativas que positiva ou negativamente inflúan no desenvolvemento das respectivas culturas nacionais.
c) Desenvolver durante todo o ano actividades conxuntas de interese profesional de acordo co plan de actividades de cada unha das asociacións.

MesaBMESA B

En relación cos dereitos de autor destacouse o papel das asociacións en defensa dos dereitos dos seus asociados en canto ao asesoramento xurídico-legal. Asemade, as asociacións formularon unha serie de recomendacións aos escritores e escritoras respecto da formalización contractual da cesión de dereitos.

As asociacións reclamaron o seu activo papel nos novos retos que se abren no ámbito dos soportes dixitais, así como na posíbel modificación lexislativa da vixente Lei de Propiedade Intelectual. Ao tempo, reivindicaron a súa participación na reforma do marco legal europeo relativa aos dereitos de autor.

MesaCMESA C

En relación co concepto de socialización, o relatorio e posterior debate xirou en torno aos formatos para a dinamización da lectura. Neste sentido tivo lugar a presentación do libro-disco Bularretik Mintzora. Kantak, poemak, ipuinak, que pode ser traducido como “Do peito á palabra”. Trátase dun método para aproximar os máis novos ao mundo dos libros que ten en conta a relevancia emotiva da lingua como experiencia íntima desde as primeiras fases de formación. Canda as letras de cancións, poemas e xogos infantís este disco fornece material musical e rítmico que tamén foi estudado desde a súa relevancia durante a xestación. Tentando resolver as carencias detectadas en moitas familias actuais a respecto destes materiais poéticos e musicais en éuskaro, este libro-disco pretende facilitar a relación positiva entre lingua e psicoloxía infantil.

Por outra parte, tamén foron presentados varios métodos de animación á lectura, entre os que destacaron os “Salóns temáticos”, constituídos por un espazo físico configurado a modo de circuito lúdico que integra materiais literarios e artísticos diversos.

P1010025MESA D

En relación co concepto de difusión dos contidos literarios en linguas minorizadas, propúxose a necesidade de establecer estratexias que favorezan a socialización e o contacto co público dun modo horizontal. Un xeito de comunicación en que os contidos, partillados a través das redes sociais, permite a visibilización da cultura e a oferta literaria das linguas minorizadas dun xeito eficiente. Esta estratexia, unida á utilización do software libre, contribuiría á difusión de novos e necesarios referentes culturais para unha sociedade que valora o coñecemento.

Ao mesmo tempo, considerouse imprescindíbel non perder de vista que estamos a vivir un retroceso da cultura en espazos gañados para ela en anos precedentes. Neste sentido apelouse á conveniencia de apostar por proxectos que seduzan os cidadáns propoñéndolles que sexan protagonistas do futuro do país.

Gabinete de prensa da AELG (correo AELG)