Lugo: presentación da revista oral O pazo das musas

O xoves 29 de setembro, a partir das 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), presentación do número 27 da revista oral O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo). O sumario é o seguinte:

– Portada musical: Cada vez que considero (trad., arranxo de Fernando G. Jácome), por Tundal (3 minutos).
Memoria das mulleres invisibles de 1936: Maruxa Mallo no mar do exilio, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Vals dos Ribas de Miño (trad.), por Tundal (3 minutos).
A obra de Maruxa Mallo no Museo Provincial de Lugo: por María Quiroga Figueroa (10 minutos).
– Música: Por ir de noite/ Vals de Brea (trad., arranxo de Xan Fuertes), por Tundal (3 minutos).
– Poesía: Lenzos de emocións, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Música: Romance (trad.), por Tundal (3 minutos).
Memoria das mulleres invisibles de 1936: O desgarro da represión: Mercedes Núñez e Syra Alonso, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Pasei pola túa porta (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Exposición virtual: De unha obra abandonada, por María José Santiso (10 minutos).
– Música: Pandeirada de Viveiro (trad.), por Tundal (3 minutos).
Memoria das mulleres invisibles de 1936:Modernas e de vangarda: Mª Luz Morales, Amparo Alvajar e María Casares, por Carme Vidal (10 minutos).
– Poesía: Chaira, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Opinión: Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo: por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical: Maneo de Fontela (trad.), por Tundal (3 minutos).

Foz: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O venres 23 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura (Avenida da Mariña, 16) de Foz, presentarase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, publicado en Sotelo Blanco. No acto, organizado pola Asociación A Pomba do Arco de Foz, participará, acompañando ao autor, Xosé Ramón Fernández Pacios.

A Coruña: actividades do venres 5 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do venres 5 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que estará aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación do libro infantil O espantallo, de Xosé Agrelo, publicado pola editorial Toxosoutos.
19:30 h. Presentación do libro Guerra civil. Que pasou en Galicia e en España, de Federico Cocho, publicado por Xerais. Xunto ao autor, participan Carlos G. Reigosa e Manuel Bragado.
22:30 h. Recital no Handicap Café (Rúa Salgado Somoza, esquina Curros Enríquez), na Coruña: A noite de poesía: Os fillos de Mary Shelley, coa participación de Yolanda Castaño, Luis Alberto de Cuenca, Luisa Castro, Pedro Ramos e Fernando Marías.

A Coruña: actividades do luns 1 na Feira do Libro

Estas son as actividades literarias máis destacadas previstas para o luns 1 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolverá, como todos os anos, nos Xardíns de Méndez Núñez, até o vindeiro mércores 10 con horarios entre as 11:00 e 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas:

19:30 h. O escritor e académico Xosé Neira Vilas, asinará exemplares dos seus libros.
20:00 h. Presentación do libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, e actuación de Clara Pino.
20:30 h. O profesor Jorge Mira asinará exemplares do seu libro A ciencia no punto de Mira, publicado por Auga Editora.
20:45 h. Presentación dos libros Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas e Aníbal Otero. Lingüística e política en España na guerra civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicados por Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado.

Carlos Callón: “Hai moito por descubrir na Idade Media galega”

Entrevista a Carlos Callón en A Nosa Terra:
‘(…) – A Nosa Terra (ANT): Na fiinda do libro [Amigos e sodomitas] repara en que na investigación histórica moitas veces o máis complicado é crebar inercias e preconceptos para poder “ver” a auténtica realidade.
– Carlos Callón (CC): Ese exercicio é moi necesario. Ao preparar esta obra encontreime con que había unha falsificación da historia da sexualidade e unha falsificación da historia de Galiza. A documentación é clara sobre determinados asuntos pero moitos estudosos obvian o que ven e impoñen o seu criterio. E por iso se silencia a loita da nobreza galega por maior independencia no reinado de Afonso X de Castela –con Estevan de Castro á cabeza, acusado de sodomita– ou se traduce sistematicamente a Gallaecia dos textos por Reino de León.
– ANT: Tendo en conta esas carencias da historiografía, hai moito por descubrir na historia de Galiza?
– CC: Hai moita descubertas por facer para os historiadores da Idade Media galega. Aínda hoxe pesa máis a ideoloxía que o rigor académico e iso fai que as conclusións históricas sexan falsas. No caso de Amigos e sodomitas xa houbo críticas poñendo a pedir pan o libro tres meses antes de que fose editado. Curiosamente, neste intre vemos que os estudos históricos minorizados, marxinados nos grandes centros de estudo, son os que meirande rigor académico teñen. (…)
– ANT: O roubo do Códice Calixtino alertou sobre a situación do noso patrimonio medieval.
– CC: Está caendo a cachos. Os documentos ou están sen coidados como no caso do códice ou foron levados para Madrid, caso do Tombo de Celanova. O caso desoutro códice tamén é interesante. A pesar de ser unha fonte documental fundamental da Galiza medieval tivo a súa primeira edición na década do 1990 e dixitalizouse, en fotos, hai só uns meses. Pero estes casos son simbólicos do que pasa co románico ou con outras mostras históricas ou artísticas, abandonadas, sen protección pública, ao coidado de institucións que non o resgardan senón que simplemente o patrimonializan.’

Carlos Callón: “Tralo armario da Idade Media”

“Co ensaio Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, o filólogo e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón (Ribeira, 1978) achégase ao descoñecido mundo da homosexualidade na Idade Media galega. Para Callón, na Alta Idade Media existía un clima moito máis propicio á homosexualidade que comezou a crebarse, a instancias do poder relixioso, na Baixa Idade Media, entre o século XI e o XV. Paseamos con Callón polas rúas de Compostela para coñecermos máis en detalle algunhas das interesantes historias deste libro nos mesmos espazos nos que sucederon, hai centos de anos. A Compostela medieval está chea de referencias históricas que permiten comprender a evolución do pensamento da Igrexa e da sociedade cara a homosexualidade ao longo de centos de anos. Carlos Callón deseñou un roteiro que permite coñecer historias persoais e cambios culturais a través das pedras e rúas da cidade vella de Compostela (…).” Pódese consultar o artigo completo en Cultura Galega.

Santiago: actos da Asociación Cultural O Galo para o luns 18 de xullo

O luns 18 de xullo, a Asociación Cultural O Galo súmase aos actos de lembranza desa data coas seguintes actividades:
– Ás 12:00 h., na Praza do Toural, conxuntamente co Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, exporanse algunhas das estampas de guerra de Castelao, no ano no que ademais celebramos o 125 aniversario do seu nacemento, exposición que se tentará manter na rúa até o domingo 24 de xullo.
– Ás 14:00 h., na Alameda de Santiago, terá lugar un acto de homenaxe popular apoiado polo Galo e o Ateneo de Santiago ás irmás Fandiño, ás Marías, como lembranza tamén a todas as persoas que sufriron a represión do fascismo desde o 18 de xullo do 36. Contarase con intervencións poéticas e musicais, ademais de coa presenza das flores de todas as cores que os e as asistentes levarán ás irmás Fandiño.

Ribeira: presentación de Amigos e sodomitas, de Carlos Callón

O sábado 2 de xullo, ás 19:00 horas, no Ateneo de Ribeira, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco, dentro dos actos de celebración do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.

Cacheiras (Teo): presentación de A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge

O venres 1 de xullo, ás 20:30 horas, na Mediateca Municipal O Grilo de Cacheiras (Teo), preséntase o libro A historia secuestrada polo franquismo, de Manuel Monge, publicado en Laiovento, dentro das actividades que A Oliveira de Teo realiza para a recuperación da Memoria Histórica. No acto participará, acompañando ao autor, Francisco Pillado.

Nigrán: presentación das Actas do Congreso Emigración e educación (1900-1936)

O mércores 22 de xuño, ás 13:00 horas, no IES Escolas Proval de Nigrán, presentarase o libro que recolle as Actas do Congreso Emigración e educación (1900-1936). Iº Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009), organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, e que recolle as aportacións, entre outros, de Ramón Villares, Antón Costa ou Xosé Manuel Beiras, coordinados polo profesor Xosé Manuel Malheiro.