Santiago: xornada de actividades arredor do libro Festina lente

O club de lectura Gálix Tendendo Redes pecha ata setembro as súas actividades cunha xornada lúdico-artístico-literaria que pretende poñer de relevo un dos temas máis debatidos ao longo destes meses, o das marxes, é dicir, os territorios de fronteira da Literatura Xuvenil. Para iso escolleron unha obra de ficción pertencente ao xénero da novela histórica, cunha trama de misterio sólida e ben documentada, así como cunha calidade e exixencia literarias interesantísimas. Trátase da novela publicada por Edicións Xerais de Galicia Festina lente do autor Marcos Calveiro. Haberá unha lectura compartida o día 2 de xullo de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega. Ese mesmo día o doutor Carlos Sastre, experto en iconografías medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre arte e literatura ao longo da Historia.

O sábado 4 de xullo poñerán fin a esta primeira andaina inverno-primavera 2009 cunha xornada artístico-literaria polo escenario de Festina lente en Santiago de Compostela, así como cunha actividade de Bookcrossing patrocinada por Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona vella de Santiago de Compostela exemplares desta obra e doutras tanto dos autores escollidos este ano no club de lectura como doutros pertencentes á literatura xuvenil galega. Pechará o día un recital poético que leva como lema Canteiro en Compostela, no cal moitas das nosas poetas e moitos dos nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra. Para apuntarse á actividade do día 4 de xullo é preciso contactar por correo electrónico coa organización en calquera destes enderezos: Gálix / Ánxela Gracián / Tendendo Redes.

Vigo: presentación do novo libro de Xesús Alonso Montero

O vindeiro xoves, 25 de xuño, ás 20:00 horas, nas instalacións do MARCO (antigo cárcere) de Vigo, presentarase o máis recente libro do profesor Xesús Alonso Montero, Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948). No acto acompañarán ao autor Alfonso Álvarez Gándara (decano do Colexio de Avogados de Vigo), Carlos Núñez e o editor Manuel Bragado.

Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil

O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.

A Coruña: Manuel Rivas presenta a Homenaxe á cidade da liberdade (Vídeo)

Os libros arden mal. Homenaxe á cidade da liberdade é un acto que combina literatura, música e memoria da man de Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (cantante de tangos), Gastón Rodríguez (guitarra) e Pulpiño Viascón (voz, gaita e serrucho). Está prevista a participación doutros músicos convidados. Será o sábado a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre e de balde.

Oleiros (A Coruña): presentación do libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950))

O vindeiro venres día 23 de xaneiro, ás 20,00 horas, vaise presentar na Casa do Pobo de San Pedro de Nós (Oleiros-A Coruña) o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) (Editorial Trifolium), do que é autor o investigador e profesor na Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, Carlos F. Velasco Souto.

Estarán presentes no acto de presentación do libro Carlos F. Velasco Souto (autor, profesor de Historia Comtemporánea na Universidade da Coruña), Emilio Grandío (investigador, profesor no Departamento de Historia Contemporánea e de América na Universidade de Santiago de Compostel). (Editorial Trifolium)

A Coruña: lanzamento do libro As Tribos Calaicas: Proto-História da Galiza à luz dos dados linguísticos, de Higínio Martins Estêvez

O 18 de decembro de 2008, ás 20:30 na Livraria Couceiro (Praça do Livro, Enrique Dequit, 12), O Facho convida ao lanzamento do libro As Tribos Calaicas: Proto-História da Galiza à luz dos dados linguísticos, do profesor doutor e académico Higinio Martins Estêvez.

A Coruña: conferencia de Francisco Pillado

«A Agrupaçom Cultural O Facho de A Corunha convida-o assistir aos seus ciclos de palestras públicas do período 2008-9.

Palestra
O vindouro dia 10 de Dezembro, quarta-feira (mércores), o editor e dramaturgo Francisco Pillado Mayor falará dentro do ciclo “Literatura e Naçom”. A sua charla versará sobre “Aspectos da consideraçom da mulher no recorrer da História”.

O 10 de dezembro do 2008 – Hora: 8 do serám
Local: Centro Socio-Cultural Caixa Galiza
Joám Flórez/ – A Corunha» (A. C. O Facho)

Ourense: presentación libro Historia de Ourense, de Marcos Valcárcel

Mañá sábado día 28 de novembro, ás 19:00 no Salón nobre do Liceo de Ourense, organizado por Edicións Xerais de Galicia e O Liceo de Ourense, terá lugar a presentación do libro Historia de Ourense, de Marcos Valcárcel. Intervirán no acto Francisco Rodríguez (alcalde de Ourense), Alfonso Vázquez Monxardín (profesor), Manuel Bragado (editor) e o autor.

O Ateneo Ferrolán dispón da colección completa do diario El Correo Gallego (1878-2008)

A Fundación Barrié de la Maza fixo entrega ao Ateneo Ferrolán da colección microfilmada de El Correo Gallego correspondiente ao periodo comprendido dentre o 1 de agosto de 1878 e o 30 de abril de 1974.
Con esta entrega o Ateneo Ferrolán conta na súa biblioteca-hemeroteca a colección completa do diario El Correo Gallego para o seu uso público. Esta entrega enmárcase no proxecto de posta en valor da hemeroteca e biblioteca do Ateneo Ferrolán financiado pola Fundación Barrrié de la Maza. (Ateneo Ferrolán)