Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Onte estiven por Terras de Fornelos de Montes, o concello no que nacera o 9 de abril de 1916 o narrador e poeta Manuel Lueiro Rey, a quen se homenaxeaba co gallo da Convocatoria do I Premio de Poesía que levará o seu nome e que será fallado alá polo abril próximo. Con tal motivo, tivo lugar un acto literario no salón Multiusos do concello no que participaron diversos oradores amenizados pola Coral San Lourenzo do propio Fornelos, sesión que se viu complementada por un Outlet do Libro Galego que levou adiante naquela vila o grupo de Editores de Compostela e que gozou de grande acollida entre a veciñanza. (…) Cómpre salientar que o acto literario foi todo un éxito, tanto pola centenar asistencia ao mesmo coma, sobre todo, polo feito de ter sido arroupado por numerosos familiares do homenaxeado (algúns dos seus fillos, xenros e noras, amais de netos e sobriños políticos) e, tamén si, por contarse entre o público diversos persoeiros e autoridades que sería longo enumerar, mais que resumirei na persoa de Mariví Villaverde, a heroica escritora galega compañeira de fatigas do chorado Ramón de Valenzuela, unha das voces senlleiras da nosa escrita do pasado século. (…)”
Arquivo da categoría: Homenaxes
Agustín Fernández Paz: Coherencia e compromiso
A
edición galega do ABC publicou o pasado domingo un perfil de Agustín Fernández Paz escrito por Moncho Paz. O texto, titulado Coherencia e compromiso, pode descargarse aquí en pdf“. Vía Xerais.
“Nestes tempos convulsos para o noso país, que mellor que reivindicarmos a ousadía de Rosalía”
Artigo en Sermos Galiza:
“A
Casa da Matanza, en Padrón, acolle este domingo a partir das oito do serán a conmemoración dos 127 anos do pasamento da poeta silenciada. Música, versos e discursos ao redor da súa figura farán parte do acto organizado pola fundación que leva o seu nome. Falamos con quen a preside, Anxo Angueira.
“É inmortal, segue a falarlle ao pobo galego xeración tras xeración, e aínda hoxe di cousas novas”. Quen fala é Anxo Angueira, un rosaliano por convencemento e de paixón que leva mes e medio á fronte da fundación que leva o nome da poeta silenciada. Se ben lembra que “a súa figura e o seu discurso pasaron por distintas épocas”, recoñece o profesor a beatificación oficial que se fixo de Rosalía, desposuíndoa do perfil arisco, espiñento. E reméxese en contra. “A sacrilización ou canonización da autora impediu ver o perfil máis activo, mais este discurso foi mudando”, incorporando a lectura social, política, feminista e estética. “Os redutos onde fica a idea da Rosalía nai e santiña son xa moi escasos”. (…)
Programa do acto na Casa da Matanza. 15 de xullo, 20:00 horas:
– A palabra de Rosalía. Declamación de Ana Blanco.
– Xesús Alonso Montero.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
– Poetas con Rosalía: Xavier Rodríguez Baixeras, Marica Campo, Cándido Duro, Mario Regueira, Lorena Souto e Dores Tembrás. Presenta Dolores Vilavedra.
– Actuación de Najla Shami, que interpretará pezas musicais con letra de Rosalía de Castro.
– Peche do acto: o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira Viturro.
Crónica posterior no mesmo medio, Sermos Galiza.
Alba de Gloria no Pico Sacro 2012, o sábado 21 de xullo
“Diante
do desleixo e desprezo cara a nosa cultura, a Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 21 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. (…) O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida da escritora Marta Dacosta. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta da Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.”
Máis información e inscricións nesta ligazón.
Vigo: homenaxe a Roberto Vidal Bolaño
O cine na obra de Agustín Fernández Paz
“Durante a celebración da Homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz proxectaronse as principais películas ás que Agustín fai alusión na súa obra, rendendo tributo ao cine. A montaxe, que agora reproducimos, preparárona Martin Pawley e Eloy Domínguez.” Vía Xerais.
Esgueva, O Carballiño: IV Insua dos Poetas, adicada a Celso Emilio Ferreiro, o 28 de xullo
O
sábado 28 de xullo, ás 12:00 horas, na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño. Estrada do Carballiño a Lalín -OU-902-, km. 94,5) terá lugar a IV edición da Festa da palabra, adicada a Celso Emilio Ferreiro no centenario do seu nacemento. Terá lugar un acto literario, a inauguración da escultura Irmaus de Manuel Penín e a entrega dos Premios Sete Carballas. Ao remate, celebrararase un xantar de confraternidade e ourensanía.
Santiago: homenaxe institucional a Xaime Isla Couto
“O
xoves 5 de xullo, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia organiza unha homenaxe institucional a quen foi cofundador da Editorial Galaxia en 1950, o ilustre galeguista Xaime Isla Couto, falecido en Vigo o pasado 25 de abril. No acto intervirán, ademais do presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Editorial Galaxia, o rector da Universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia. (…)” Vía Galaxia.
Lugo: comeza o Ano Ben-Cho-Shey
“Nun
acto convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o xoves 28 de xuño, inaugurouse o Ano Ben Cho-Shey, dedicado a este insigne galeguista, coa primeira das actividades que incluíu, ademais da intervención do delegado de Cultura da Deputación, a intervención de Xoán Ramiro Cuba, coordinador do Ano Ben Cho-Shey, así como unha proxección de fotografías: Lugo na cámara de Ben-Cho-Shey (importantes documentos fotográficos que son testemuñas históricas dunha época) que foi comentando e analizando o propio Xoán Ramiro Cuba, xunto á intervención musical a cargo de Antón Castro e unha lectura dramatizada de textos inéditos do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, a cargo de Tereixa Campo e Paloma Lugilde. (…)
Xoán Ramiro Cuba, pola súa banda, destacou que “máis que homenaxealo postmortem o que pretende a Área de Cutura coa organización deste ano é dar a coñecer a todo os galegos e galegas a vida e a obra de Ben-Cho-Shey, queremos que Galiza coñeza esta figura tan inxustamente esquecida e arrecantada e recoñeza a verdadeira dimensión deste intelectual que traballou sempre por amor a Galiza cun compromiso esforzado e inquebrantable. Dese compromiso e dos seus froitos dános unha idea moi clara Xosé María Álvarez Blázquez cando di: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun P. Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado”.” Vía Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Homenaxe a Fernández Paz: “Contigo, Agustín, somos nación”
Crónica
da Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Rosa Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. “Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas”, aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. “É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor”, lembrou Paco Martín. (…)
“Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como “embaixador da nosa identidade”. Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. “Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos”, asegurou.
Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por ProLingua. “É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación”, asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos. (…)”
