A Coruña: Carvalho Calero. De puño e letra, exposición-homenaxe da AS-PG

Do 2010-10-30 Carvalho Calerosábado 30 de outubro ao martes 30 de novembro, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panaderas, 12) da Coruña, estará aberta a exposición Carvalho Calero. De puño e letra, organizada pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega con motivo do centenario do seu nacemento, como homenaxe ao autor da primeira historia da literatura galega. A inauguración será o sábado 30 de outubro ás 12:00 h.

Santiago: Foro Encrucillada, Repensar a Teoloxía. Recuperar o cristianismo, en homenaxe a Andrés Torres Queiruga

A revista Encrucillada homenaxea ao escritor Andrés Torres Queiruga, un dos teólogos galegos con máis peso no mundo católico celebrando nos vindeiros 28, 29 e 30 de outubro o seu tradicional Foro de Relixión e Cultura (que celebra a súa XXV edición) en Santiago de Compostela. Nesta edición, Encrucillada quere render, tamén, unha homenaxe ao seu antigo director, Torres Queiruga, quen se xubila este mesmo ano, pasando a ser profesor emérito da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Participarán nesta homenaxe compañeiros e escritores como Victorino Pérez Prieto, Xesús Ferro Ruibal ou Xosé Luís Barreiro Barreiro. O programa e emprazamentos pódense descargar neste enlace.

A Estrada: acto de homenaxe e recordo a Xoseme (Xosé Manuel Mosquera Carbón)

O domingo 10 de outubro celebrarase un acto de homenaxe e recordo a Xoseme (Xosé Manuel Mosquera Carbón), poeta da Estrada nacido en 1960 e morto en 1982, autor do poemario Dame a túa man, na editorial A Fouce. O programa está formado por:
18:00 h. Cemiterio de Moreira (A Estrada). Ofrenda floral e recordo. Intervención poética e execución musical a cargo do gaiteiro Xián Herrera.
19:30 h. Sala Caixanova (A Estrada):
– Saúdo, benvida e agredecemento por parte da Presidenta da AC Vagalumes Clara Iglesias.
– Proxeccíón de DVD sobre Xoseme.
– Recitado de poemas alumnos do IES nº1 da Estrada.
– Intervención de: Paulo Porta, Xoán Herrera, Amancio Liñares, Xosé Manuel Malheiro, Olimpio Arca.
– Testemuñas de amizade (compañeir@s de Xoseme).
– Intervención musical do grupo Penadona (ao que pertenceu Xoseme).
– Intervención de familiares de Xoseme.
– Intervención da Vpte da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Antía Otero.

Organizado pola Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada.

A Coruña: recital poético-musical na entrega dos premios do I Certame de Curtas para Rosalía

O luns2010 09 convite rosalia 20 de setembro, a partir das 20:30 h., no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, celébrase a entrega de premios do I Certame de Curtas para Rosalía de Castro, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. No acto haberá un recital poético-musical en homenaxe á poeta coa participación de Anxo Angueira, Abe Rábade e Guadi Galego.

A Coruña: homenaxe a Manuel María en Monte Alto

Dentro das Festas do barrio de Monte Alto, organizadas pola Asociación de Veciños, onde viviu os seus últimos anos na Coruña Manuel María, este sábado 11 a partir das 12:00 h. celébrase unha homenaxe popular ao poeta, que inclúe o descubrimento dunha placa conmemorativa e un recitado de poemas ao pé da casa onde estivo vivindo (na rúa Javier Fonte, 1).