Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro

Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:

Venres 12 de outubro:
13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.

Parlamento das Letras: Paula Carballeira

Entrevista de Armando Requeixo a Paula Carballeira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Paula Carballeira (PC): Eu creo que as nosas letras aínda son novas e que lles falta tempo para asentarse entre as letras doutros países con igual consideración. Fáltalles coñecemento e recoñecemento entre @s lector@s. Creo que lles sobran as miradas nostálxicas ao pasado e que debería haber máis miradas ao presente e ao futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– PC: Penso que o noso presente literario é moi valioso. Temos diversidade, temos calidade e temos autores novos e autoras novas que achegan a súa maneira de ver as cousas, o que é moi necesario para ter unha literatura viva. Coido que imos ter que traballar cada vez máis para que toda esa calidade e diversidade chegue aos lectores e ás lectoras, da mesma maneira na que creo que temos que ir eliminando a barreira autor/a – lector/a e fomentar encontros e debates onde intercambiar ideas e unirnos na construción dunha cultura forte. (…)”.

Vilaboa: presentación da triloxía Dragal, de Elena Gallego

O venres 6 de outubro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Municipal de Vilaboa (Casa da Cultura de Riomaior), preséntase a triloxía Dragal, de Elena Gallego, publicada en Xerais. O acto está organizado por Vilaboa Comunicación e contará coa participación da propia autora.

Noia: presentación de Trampa de luz, de Agustín Agra

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultural Avilés de Taramancos de Noia (Rúa Luís Cadarso, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Noia presentan o número 77 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, e a obra Trampa de luz, de Agustín Agra. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Milagros Torrado e Rafael García Guerrero.

O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso

Entrevista en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): O cullarapo Croque ten unha orixe moi particular. Amais de ser o seu primeiro libro a nivel individual, tamén pasa por ser o primeiro que se edita en galego baixo iniciativa crowfunding.
– Miguel Ángel Alonso Diz (MAAD): No 2009 nace miña filla e ata esa data eu non escribira nada para o público infantil. O cullarapo Croque xurde da necesidade de comunicarme con ela, de trasladarlle certos valores e de facelo no noso idioma. Tamén xurde froito dun proceso de reflexión sobre o noso momento e as nosas circunstancias sociais. E por que crowfunding? Foi sinxelamente por unha cuestión económica. Creo que O cullarapo Croque é un libro moi ben editado, dunha calidade máis que aceptable, e iso para A Porta Verde do Sétimo Andar supuña un gran custo económico. (…)
– FL: Os nenos están máis habituados a escoitar contos que poesía. É doado escribir versos para un público sumo esixente?
– MAAD: Alfonso Láuzara preguntoume nunha ocasión se eu era consciente da miña predisposición natural cara a poesía infantil. Non sei se é doado ou non escribir versos para nenos; eu pódoche dicir que no meu caso a poesía flúe dun xeito moi natural. Eu comecei a escribir poesía para nenos cando naceu a miña filla, e da necesidade de lle explicar determinadas cousas xurde todo. Logo chegamos ao proceso da escrita, de ourive, de pulir os versos e traballar as palabras. E iso é unha tarefa moi esixente que aprendín de Mª do Carme Kruckenberg. Hai que ser respectuoso e honesto co oficio e cos nenos. Son máis intelixentes do que a xente pensa. Eu non gusto desa poesía infantil que se queda no superficial, con rimas doadas e versos sen fondo. Non ten sentido. Eu busco atrapar o neno, engaiolalo a través desa musicalidade que el ten tan ben aprendida a través das cancións de berce e as cantigas. Eu son moi partidario de vincular música e poesía, aspecto fundamental para achegar certas cousas aos rapaces. (…)”.

Marcos Calveiro: “Palabras de auga transcorre nun non lugar, no medio dunha sabana erma e seca”

Entrevista a Marcos Calveiro en Diario de Pontevedra, desde Xerais:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): E grazas a literatura hoxe é todo o que non puido ser…
– Marcos Calveiro (MC): Todo. Sendo escritor podes ser calquera cousa que non fuches quen de ser.
– DP: Tamén lle permite viaxar: á Venecia do século XVIII, ao México de Pancho Villa, a Irak… e, no último, Palabras de auga, a África.
– MC: Si, para min escribir unha novela non deixa de ser unha viaxe. Mentres escribes tamén es lector, documéntaste, les un montón de información, etc. Ese proceso é do que máis me gusta da novela e normalmente é moito máis longo que o proceso de escrita. E logo eu, ademais, son dos que non tomo notas. Leo todo o que cae nas miñas mans, métoo aí no disco duro da miña cabeza e logo vouno soltando. Eu non puxen un pé en Venecia, non coñezo o medio oeste americano onde está ambientado Rinocerontes e quimeras e México, cando escribín Centauros do Norte, non o coñecía. Tampouco África, onde transcorre Palabras de auga. Se tivera que escribir unha novela ambientada nun instituto de aquí, resultaríame moi complexo imaxinar ou fabular, incluso enganar ó lector, porque a ficción non deixa de ser un engano, xogar un pouco co lector e facerlle trampas. (…)
– DP: Moitas das súas novelas céntranse no tránsito da adolescencia á vida adulta e levan mensaxe…
– MC: Si, pero iso non é intencionado. Hai quen di que a literatura infantil e xuvenil ten que educar en valores e mesmo quen di, erroneamente, que non é literatura. Eu fago literatura. Cando comezo unha novela non teño nin a máis remota idea de se vai ser para adultos, para nenos máis pequenos ou unha novela para adolescentes. Escribo a historia como me pide o corpo e logo ó final decido. (…)”.

Elena Gallego: “Gustaríame escribir un best-seller en galego”

Entrevista a Elena Gallego en Sermos Galiza, desde Xerais:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coa triloxía Dragal crea un universo propio. Como nace o proxecto lite­rario?
– Elena Gallego (EG): Cando comezo a escribir Dragal que­ría demostrar que podiamos facer fantasía en galego con personaxes, maxia e un universo propio. Cando rematei o primeiro libro dinme con­ta de que precisaba continuar, tamén para darlle máis vida a ese volume inicial. Falo do último dragón gale­go, dun rapaz que se transforma en dragón, introduzo maxia, alquimia ou cabaleiros que teñen continuidade no segundo e no terceiro libro. A mara­billa de ter un dragón na casa non se pode abandonar. O proxecto era contar nos tres volumes a historia do último dragón galego. (…)
– SG: De Harry Potter non anda algo cansa, de que a comparen con Rowling?
– EG: En absoluto, todo o contrario! Hai moi­tos rapaces que o único que leron foi Harry Potter e iso tamén acontece agora con Dragal. Para min o exem­plo de Rowling foi un aliciente para es­cribir. Entra dentro desa serie de obras que fan que @s rapac@s lean, algo que tamén era o meu obxectivo. Cando escribín Dragal pretendía que o meu fillo lese e soubese que ese mundo de fantasía tamén o había en galego. (…)
– SG: A triloxía ten moitos elementos que poderían facer dela un best-seller, a atracción do medievo, o misterio, o segredo, a aventura, as catacumbas… que aparecen noutras obras con moi­to éxito. Buscou facer unha obra pa­ra gustar?
– EG: Tiña un público lector a quen quería gustar e a quen lle custaba enganchar se non era con libros que el quería. Era o que precisaba. Acción, perso­naxes que contaban, fórmulas para que estivese contenta como escrito­ra e como autora. Ao tempo non quería quedar nunha obra que non transcen­dese, buscaba que ao rematar á per­soa lectora lle quedasen varias ideas. Que atopase maxia, historia, tradición e enganches para seguir aprendendo e buscando, por exemplo, atoparse coa Traslatio, unha historia con dra­gón incluído. Na novela quero abrir novas portas.”

A Coruña: coloquio con Francisco Castro sobre Chamádeme Simbad

O xoves 20 de setembro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil da Coruña (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), dentro da conmemoración do Día Internacional de Alzheimer, terá lugar un coloquio con Francisco Castro arredor do seu libro Chamádeme Simbad.

Vigo: presentación de As meigas de Lupa, de María Solar

O xoves 20 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro As meigas de Lupa, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Fran Alonso e a rapeira Aid.