A xanela de Gálix. Fran Alonso

Entrevista a Fran Alonso en Gálix:
“(…) – Gálix (G): Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
– Fran Alonso (FA): A maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado español está a resultar canónica. A maior debilidade está na súa dependencia do sistema educativo e no baixo nivel de vendas por impulso ou espontáneas que existe nas librarías.
– G: Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución.
– FA: Creo que ao longo dos últimos anos a LIX galega evolucionou moi positivamente, superando vellos tabús, abríndose tematicamente, medrando en concepción, en ambición, en calidade e en relación para converterse nunha literatura que merece ser exportada e lida internacionalmente.
– G: Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
– FA: Os límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego, que é unha porcentaxe moi ampla da poboación lectora galega. Tamén é certo que a LIX ten unha maior potencialidade para introducirse nas casas a través do sistema escolar que a literatura de adultos. Evidentemente, hai moito camiño por percorrer para que todos os lectores e lectoras galegos se recoñezan na súa LIX; como dixen antes, continúa demasiado apegada ao ámbito escolar e ese feito é especialmente grave na adolescencia e coa literatura xuvenil, porque a LIX galega non está presente por vontade propia entre os adolescentes nos seus foros de debate, nas redes sociais nin nos ámbitos lectura xuvenil non académicos, como si que o está a LIX en castelán. (…)”

Rianxo: presentación de O libro secreto da filosofía, de José Carou

Rianxo: Actos Castelao 2024

Entrevista a Fina Casalderrey no Diario Cultural da Radio Galega

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Este 2024 Fina Casalderrey é finalista de dous dos premios máis importantes do mundo na literatura infantil Hans Christian Andersen e Astrid Lindgren. Neste Diario Cultural entrevistamos a escritora Fina Casalderrey e a David Cortizo, o presidente de Galix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Pode escoitarse aquí.”

Ramón D. Veiga: “É moi importante saber rirse, de 
todo e de nós mesmos, buscar a chispa”

Entrevista a Ramón D. Veiga en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): A que cres que se debe o éxito de Miñoca entre os mestres?
– Ramón D. Veiga (RDV): Para os mestres pode ser unha boa ferramenta porque ten pouco texto, letra maiúscula e altas doses de humor, entón atrae os cativos. Supoño que tamén lles chamará a atención a expresividade dos personaxes.
– FV: Que tedes Miñoca e máis ti preparado para a visita aos nosos pequenos xornalistas?
– RDV: Ademais de falar do libro, imos facer un pequeno obradoiro de iniciación ao cómic. A partir da figura de Miñoca, imos aprender a facer que estea contenta, triste, enfadada…Cando rematemos, teremos unha páxina de cómic feita por nós mesmos.
– FV: A banda deseñada está de moda.
– RDV: Creo que cada vez hai máis editoriais e autores que apostan polo cómic precisamente polo que falabamos: ao ter menos texto, ofrecen unha lectura máis doada para empezar. Os personaxes de Miñoca, por exemplo, son figuras coas que os nenos poden identificarse: os nenos están hoxe enfadados e aos cinco minutos arranxan o problema, son moi sinceros e van sempre por diante.
– FV: Agora que o dis…: “Para ser amigos abonda cunha boa pizza carbonara”. Non hai mellor mensaxe ca esa?
– RDV: (Ri) Si, a ver, moitas veces enfadámonos e perdoámonos pola cousa máis tonta, a Miñoca pásalle igual. Ela descobre a pizza no primeiro capítulo e trama case todo o que trama para conseguila. Miñoca une tres elementos que funcionan moi ben cos cativos: a risa, a pizza e falar de caca.
– FV: Dirías que o humor é o que máis te define como autor?
– RDV: Si. Creo que é moi importante saber rirse de todas as situacións, as veces non se pode, pero sempre hai que tratar de buscarlle a chispa, a todo e a nós mesmos. Tampouco sei se é algo innato, eu nunca fun serio, sempre fun o que intentaba facer rir á clase.
– FV: Por que literatura infantil?
– RDV: Empecei a profesionalizarme como escritor cando naceu a miña filla e empecei a contarlle contos polas noites e a inventar historias e personaxes con ela. Non sei se é máis fácil ou máis difícil, a min é o que me sae. O que si teño claro é que os nenos e as nenas son un público máis crítico que os adultos: se non os enganchas na primeira páxina (ou incluso na portada) xa non seguen. (…)”