Amador Castro Moure gaña o Premio Torrente Ballester coa novela Pronto hei de volver

Desde a Deputación da Coruña:
“A novela Pronto hei de volver vén de alzarse como gañadora da XXXIV edición do Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña. A obra impúxose entre os 55 exemplares recibidos na modalidade de lingua galega, e, unha vez aberta a plica, o autor resultou ser Amador Castro Moure.
O xurado, que se reuniu esta no Pazo de Mariñán, estivo composto por Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e o gañador deste premio na edición 2021, Raúl M. Santos, e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto. Como secretaria actou a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz, e tamén estivo presente a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira, sen voz e sen voto.
Pronto hei de volver é, segundo salientou o xurado no seu informe “unha novela moi interesante desde o punto de vista discursivo” e que “aborda o tema da emigración desde un punto de visa novidoso”. Convén indicar que o autor, Amador Castro Moure, é un escritor galego nacido en Chantada pero afincado en Barcelona desde a nenez.
O xurado tamén anotou sobre esta obra que “destaca a elección da protagonista como unha identidade subalterna”, mentres que sobre o estilo salientou “a súa prosa precisa, luminosa no uso da imaxe e hábil no uso do rexistro oral”.”