A Xunta impulsa a finalización do novo dicionario da Real Academia Galega

“A Consellaría de Educación e a Real Academia Galega (RAG) asinaron onte un convenio de colaboración para avanzar na investigación do galego. Este novo acordo entre ambas institucións abordará tres vertentes do galego: a terminolóxica, a lexicográfica e a sociolingüistica. Trala sinatura, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reiterou o “compromiso” da Xunta no avance das investigacións en torno ao galego. Pola súa banda, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, agradeceu o “entendemento” coa Xunta aínda que pediu máis fondos para a Academia. Un dos traballos máis importantes que se levará a cabo a partir deste acordo é a investigación terminolóxica. O novo proxecto do Termigal, que xa traballa neste aspecto, suporá o “avance nos traballos terminolóxicos da RAG”. O Termigal, servizo de terminoloxía científico-técnica en lingua galega, verá aumentado o seu ámbito de traballo durante o próximo ano. Ademais da atención ás consultas terminolóxicas, o Termigal encargarase de recoller e preparar a terminoloxía galega de botánica. Tamén elaborará a parte galega do dicionario de terminoloxía económica do Vocabulaire Panlatin du Marketing Économique da Rede Realtier. Os traballos relativos o ámbito lexicográfico centraranse na finalización da nova edición do dicionario da RAG no que se comezou a traballar no ano 2001. E a actualización do versión bilingüe –castelán-galego– do dicionario. Este convenio afondará na situación actual do galego na sociedade. Trátase dunha investigación sociolingüística sobre o galego na actualidade, a súa evolución e os cambios que sufriu o idioma o longo da historia. Dentro deste convenio recóllese tamén o fomento de proxectos para levar o galego ao estranxeiro. É o caso do XXIV Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia que se desenvolve durante este mes na USC e no que participan 90 estudantes de vinte países. (…)” Vía Xornal. Tamén en Cultura Galega.

O ILG esixe discriminación positiva para o galego

‘Nun discurso contundente e diáfano, a directora do ILG, Rosario Álvarez, leulle a cartilla ao presidente Núñez Feixóo e ás demais autoridades, tanto da Xunta coma do parlamento, as deputacións e os Concellos. “Sen discriminación positiva e maior peso do galego no ensino, o futuro da lingua é complicado”, afirmou. Álvarez considerou no seu discurso de aceptación da Medalla Galicia para o instituto que dirixe, que o galego está a vivir un momento de gran dificultade e subliñou a orixe do problema. “Perante o desafecto de certos sectores sociais e a deserción de certas autoridades, esa crise agravarase até cegarlle o camiño do porvir”. No mesmo acto, o outro galardoado coa Medalla Galicia, o investigador en Xenética Anxo Carracedo, reclamou maior apoio ao desenvolvemento científico. Tras criticar a falta de recursos para a ciencia en Galiza, recordou a “débeda histórica” do Estado co noso país a ese nivel. “Recibimos menos apoio que outros territorios e pola contra os científicos galegos demostran día a día que saben ofrecer moito máis do que reciben”.’ Vía A Nosa Terra. Tamén en El Progreso e Galicia Confidencial.

‘Institucións culturais propoñen que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se lle dedique ao escritor Carlos Casares’

“Tres institucións culturais propuxeron que o Día das Letras Galegas do ano 2013 se dedique á figura de Carlos Casares. O Museo da Limia, o Centro de Cultura Popular da Limia e a Fundación Carlos Casares irán da man para que o escritor natural da comarca ourensá da Limia sexa homenaxeado dentro de dous anos. Representantes do tres institucións culturais compareceron o venres 22 de xullo ante os medios de comunicación no Liceo Recreo Ourensán. No acto estiveron presentes o escritor Delfín Caseiro; Xosé Badas Fernández, do Centro de Cultura Popular da Limia; e Xoán Xosé Jardón Pedras, representante do Padroado do Museo da Limia. As tres institucións culturais promoverán durante o curso académico 2011-2012 unha serie de actividades culturais con motivo do décimo aniversario da morte do escritor, que se cumprirá o próximo ano. Delfín Caseiro explicou que estas actividades pretenden “preparar, crear ambiente e crear estado de opinión” sobre a figura de Carlos Casares para “ter como consecuencia e obxectivo” que se dedique o Día das Letras Galegas ao autor limiao”. Vía Galicia Hoxe. Tamén en Xornal e Cultura Galega.

“Xosé Luís Méndez Ferrín reclama que a Real Academia Galega se equipare ás outras academias”

‘”De todas maneiras -continuou Xosé Luís Méndez Ferrín– a diferenza entre o que percibe a Academia Galega e o que perciben a vasca e o Instituto de Estudios Cataláns, e xa non digamos a Academia Española, segue sendo enorme e ten que ser acurtada esa diferenza; iso é o que sostemos publicamente e que o mellor pedimos ao delegado”. Pero non foi preciso nin facer a petición formal porque chegou a inmediata resposta de Cortizo: “Nesa batalla imos estar xuntos. Vou defender o que el ten dito [dixo, indicando a Ferrín], non me atrevería a outra cousa [bromeou]”‘. Vía La Voz de Galicia.

O Instituto da Lingua Galega recibirá a Medalla de Ouro de Galicia

‘O presidente da Xunta de Galicia anunciou o nome dos galardoados este ano coa Medalla de Ouro de Galicia, a máxima distinción do Goberno galego: por unha banda, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e, por outra, o profesor e investigador médico Ángel Carracedo. O mandatario autonómico destacou o labor dos galardoados nesta edición coa Medalla de Ouro de Galicia “na protección do legado glorioso de Galicia e na dedicación para seguir engrandecendo este legado no futuro”. Feijóo referiuse así ao “gran labor que está a desempeñar o ILG desde hai xa catro décadas polo idioma, para que este sexa un elemento de cohesión social e por ampliar o estudo, coñecemento e a investigación da nosa lingua.” Ademais incidiu no “papel determinante do ILG na restitución cordial do idioma nos primeiros anos de autonomía, facilitando o labor da Real Academia Galega e axudando a que os gobernos puideran desenvolver unha política lingüística”.’ Vía Galaxia. Tamén recollido en Galicia Hoxe, El País, Cultura Galega e Galicia Confidencial.

A obra de Castelao será declarada Ben de Interese Cultural (BIC)

“A decisión de declarar BIC a obra de Castelao foi aprobada pola Consellería de Cultura e Turismo o pasado 28 de xuño a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, o procedemento, será comunicado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. Nos próximos días a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, a continuación, abrirase un período de información pública durante un mes co obxectivo de que os interesados poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, insistiu na tardanza, pero aceptou que, finalmente, se dera o paso: “Cando unha cousa está mal feita é agradable o día no que se fai algo ao xeito. Realmente, é do pouco bo que fai a Xunta” (…) Vía Xornal de Galicia.

Xosé Neira Vilas doa á Real Academia Galega 304 documentos epistolares

“O escritor e académico Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) entregoulle onte á Real Academia Galega, 304 cartas orixinais, algunhas manuscritas, outras mecanografiadas, que lle remitiron máis de 30 galeguistas desde 1956. Fíxoo onte nun sinxelo acto ante o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o secretario, Xosé Luís Axeitos. Entre as persoas coas que mantivo correspondencia, e que se reflicte na documentación entregada, figuran Xosé María Álvarez Blázquez, Avilés de Taramancos, Eduardo Blanco Amor, Xesús Canabal, Ricardo Carvalho Calero, Manuel Colmeiro, Carmen e Rafael Dieste, Salvador Espriu, Celestino Fernández de la Vega, Ben-Cho-Shey, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Domingo García Sabell, Nicolás Guillén, Manuel María, Sebastián Martínez Risco, Xoán Naya, Xosé Núñez Búa, Laxeiro, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Xaime Quesada, Manuel Rey Ponte, Maruxa e Luís Seoane, Agostinho da Silva, Luis Soto, Luis Tobío, Carlos Velo ou Mariví e Ramón de Valenzuela.” Vía Galicia Hoxe.

Ramón Villares: “A cultura non é un trasto inútil”

Camilo Franco entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Pero podemos falar do fin dunha etapa de facer xestión cultural?
– Ramón Villares (RV): O Consello [da Cultura Galega] non marca etapas. Pero un cambio si que hai. Desde a perspectiva do propio Consello tamén hai un cambio porque a institución naceu cunha vontade preservacionista, quizais propia dunha cultura etnográfica e moi letrada. Foi evoluíndo. Introduciu as novas tecnoloxías, a cultura científica, e estamos nun punto distinto. Temos que ir adaptándonos, pero non só o Consello, todo o sector. Todo mudou moito, os medios de comunicación, o xeito no que se moven os contidos, o audiovisual. Incluso a maneira en que nos contan os relatos. E temos que operar sobre eses cambios. Agora estamos posiblemente na crise, entre algo que morre e algo que nace. Temos a conciencia dese tránsito. Canto menos pensen os demais por nós, moito mellor.
– LVG: Unha das conclusións da Reflexión é que hai demasiadas infraestruturas culturais e moitos menos contidos.
– RV: Nos últimos anos confiamos demasiado nos continentes. Porque é o máis fácil. Temos que pensar moito máis nos contidos. É fácil de dicir e difícil de facer. Ten unha tradución política directa. Tamén sucede, e sobre isto nunca se reflexiona desde a perspectiva cultura, que temos unha poboación máis dispersa que a media e iso tamén inflúe. Aínda non pensamos ben o custe que supón esta dispersión. Porque esta dispersión fai que sexa máis difícil cadrar a oferta e a demanda.”