Desde Nós Diario:
“Escritoras recoñecidas como Chus Pato, Luz Pozo ou Manuel Rivas conforman unha selección de autoras e autores galegos entre os que tamén figuran algunhas voces máis novas da literatura galega. É o caso de Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo.
As súas obras, traducidas ao inglés, pódense consultar no portal internacional de poesía Asymptote, coa colaboración do Consello da Cultura Galega.
Baixo a etiqueta Galician Poetry Feature e a coordinación do tradutor Jacob Rogers, a entidade cultural destaca que coa achega destas escritoras o sitio web “ofrece una mostra ampla de temas, contidos e estilos que amosan a riqueza” da poesía galega.
O Consello da Cultura salienta, ademais, que Asymptote é un dos espazos en liña “de referencia mundial” da literatura de tradución, nun momento de incremento da lectura en soportes dixitais. Trátase dun escaparate mundial de novas traducións que conta con cinco millóns de seguidores. Desde su creación, en 2011, a web recompila obras de 121 países en 103 idiomas diferentes.
Na mesma plataforma, á escolma das escritoras galegas súmase tamén a tradución ao inglés dos poemas de autores como Kathleen March, Erin Moure, Jonathan Dunne ou o propio Jacob Rogers.”
Arquivo da categoría: Internacional
Oxford: encontro con Yolanda Castaño e Keith Payne
Compostela: Ciclo de charlas e libros O mundo desde aquí
Convocatoria da oitava edición da revista Contrapuntos
Está aberta a convocatoria da oitava edición da revista Contrapuntos, unha revista independente con base en California que busca axudar a novos talentos no campo da creación literaria.
Estase distribuíndo a nova convocatoria a nivel internacional, aberta á inclusión de relatos curtos (con prioridade en galego). Esta é a ligazón da convocatoria.
Compostela: presentación de Poesie della chiara certezza, de Uxío Novoneyra
O tránsito da literatura galega cara ao inglés
Entrevista de Daniel Salgado a Jonathan Dunne en Nós Diario (foto: cedida):
“As cifras resultan elocuentes. Cando a editorial Small Stations comezou a traducir literatura galega ao inglés, en 2009, só había 29 libros galegos nesa lingua. Once anos despois, son 105. Corenta e seis deles viron luz en Small Stations, a editorial con sede en Sofía (Bulgaria) que dirixen Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova. Os seus títulos están dispoñíbeis, explican, “a través de 39.000 librarías a un prezo razoábel” e cobren o arco temporal que vai, por caso, de Rosalía de Castro a Teresa Moure e pasa por Celso Emilio Ferreiro, Lois Pereiro ou Anxos Sumai.
Dunne estudou filoloxía clásica na Universidade de Oxford. “Quería modernizar o meu coñecemento aprendendo algunha lingua románica”, relata a Nós Diario vía correo electrónico, “e acabei en Lugo. Atraíame a súa muralla romana e o verde da paisaxe”. Non foi alí onde aprendeu galego, pero si algunhas das súas singularidades gramaticais: xa en Barcelona discutiu duramente cunha profesora de castelán sobre a existencia ou non do pretérito perfecto. “Nunca o escoitara durante un ano de estancia en Lugo”, di. Decidiu coñecer as razóns profundas daquela distorsión: anotouse en clases de galego co escritor Camilo Valdeorras. Así descubriu ademais todo un continente, o da literatura galega.
“Creo na tradución como metáfora da vida. As cousas pasan a través de nós, non somos os seus autores”, responde á pregunta de por que dedicar tantos esforzos ao labor, “e creo que é moi importante a comprensión e a apreciación entre culturas. Sempre quixen situarme nese punto”. Como proba do atinado das súas teses, a recepción especialmente cálida de dous volumes de Small Stations: New Leaves (Follas Novas, 2016) e Galician Songs (Cantares Galegos, 2013) de Rosalía de Castro en versión da poeta canadiana Erín Moure.
“A edición en inglés de Cantares Galegos tardou 150 anos en aparecer!”, afirma Dunne, “e as de Moure foron as primeiras edicións completas en inglés de poemarios galegos da autora” (…)”
A Habana: presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro
O 13 de febreiro, ás 15:00 horas, na Cátedra de Cultura Galega, na Facultade de Artes e Letras da Habana, preséntase Sándalo, de María Xosé Porteiro, publicado por Galaxia.
A Coruña: recital de Tamara Andrés e Hugo Mújica no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 10 de febreiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Tamara Andrés e o poeta arxentino Hugo Mújica. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos febreiro 2020.
“Novoneyra en Estados Unidos: ecopoetry”
Artigo de Daniel Salgado en Nós Diario:
“Uxío Novoneyra (O Courel, 1930-Compostela, 1999) cantou o mundo onde este se chama O Courel. A súa poesía é unha intensificación máxima da atención á materia, e no Courel dos tesos cumes a materia é o mundo. Os Eidos, cuxa primeira edición data de 1955 pero que foi evoluíndo, arrequecendo, despregándose en sucesivas variantes, condensa a súa ollada. É ademais a base The Uplands: Book of the Courel and other poems, o volume traducido pola canadiana Erín Moure que leva Novoneyra ao ámbito anglosaxón. Publica a editorial estadounidense, de Texas, Veliz Books.
“Para min a poesía de Novoneyra é unha poesía con moita resonancia a esta beira do Atlántico, onde nos últimos anos falamos de ecopoetry”, explica Moure a Nós Diario vía correo electrónico, “e tamén da conexión coa terra dos pobos autóctonos”. A etiqueta ecopoesía está a adquirir fortuna crítica e editorial, en paralelo ás mobilizacións globais de alerta contra a mudanza climática. Aí encaixa Novoneyra, segundo a tradutora, aínda que nunha perspectiva máis ampla e politicamente radical: “Eses pobos autóctonos sufriron a colonización europea e seguen a reivindicar o seu dereito de vivir e de custodiar a terra, gobernarse a si mesmos fronte á destrución industrial da sociedade capitalista”.
“Moito que dicirnos”
Esta lectura exterior sobre Novoneyra abre portas críticas que exceden certos lugares comúns. “É un poeta que ten moito que dicirnos”, di Moure, “aquí tamén hai montes, tradicións e cultura popular rural. Hai traballos e hai historias. O seu minimalismo, a súa atención á palabra exacta, ofrecen riqueza ás poetas de América do Norte”. Pero fíxoo nunha lingua propia sintetizada a partir do galego do país courelao.
“Foi un reto tremendo e un pracer ao mesmo tempo crear unha voz para Novoneyra”, expón, “que leva sotaque canadiano dentro do gran mundo inglés. É unha pequena lingua, mais, como a de Novoneyra, é grande”. A invención de palabras foi unha das tácticas usada por Moure en The Uplands, “algo que non é tan difícil dado o substrato xermánico do idioma inglés”. Así foi pasando o “sentido marabilloso do ritmo, a súa música” do poeta ao universo saxón. (…)”
A Coruña: recital de Luís Valle e Jean Portante no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luís Valle e o poeta luxemburgués Jean Portante. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos xaneiro 2020.