Inspiraciencia: “Narrativas do carbono. Obradoiro para humanos sobre literatura e ciencia”, impartido por Estíbaliz Espinosa

Para conmemorar Sant Jordi, desde Inspiraciencia, proxecto coordinado pola Delegación do CSIC en Cataluña e financiado pola FECYT, ofrécese este obradoiro de escritura creativa científica gratuíto en liña.
A profesora será Estíbaliz Espinosa, escritora galega de poesía, ensaio e tradución, cantante, comunicadora de ciencia e astrónoma amadora. A actividade realizarase grazas á colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O obradoiro repetirase en dúas sesións diferentes. As prazas son limitadas!

NARRATIVAS DO CARBONO. OBRADOIRO PARA HUMANOS SOBRE LITERATURA E CIENCIA

Formato: en liña – Zoom. A ligazón enviarase o día da sesión
Prazas: 10 por sesión
Data sesión A: martes 25 de abril | 18:30-20:30
Data sesión B: mércores 26 de abril | 18:30-20:30
Inscrición sesión A (25/4/23): https://www.eventbrite.com/e/617010413757
Inscrición sesión B (26/4/23): https://www.eventbrite.com/e/617013904197

Podes atopar máis información sobre os obradoiros nesta noticia.
Contacto: info@inspiraciencia.es / ana.yeste@dicat.csic.es

Vídeo do Centenario de Luz Pozo Garza na Cátedra Valente

Yolanda Castaño lanza o seu primeiro audiolibro, Materia

“O pasado xuño e tras oito anos sen publicar un novo libro de poesía para público xeral adulto, vía a luz en Edicións Xerais Materia, o sétimo título de Yolanda Castaño. En poucas semanas esgotábase a edición de mil exemplares e o poemario da autora compostelano-coruñesa alcanzaba unha segunda edición, un feito pouco usual para as cifras da poesía culta en Europa.
Como vén sendo habitual na traxectoria da tamén xestora cultural, o poemario está a piques de saír do prestixioso selo de Visor Libros para o resto de España e Latinoamérica. Farao nunha edición bilingüe galego-castelán que inclúe a tradución da propia autora e unha fermosa portada dos artistas galegos de puxante proxección internacional Los Bravú.
Pero, ademais, o libro –que trata en verso o tema da familia na súa proxección pretérita, presente e futura– alcanza agora unha edición en Audiolibro: un formato baseado na escoita dos poemas que o compoñen, recitados pola propia Castaño sobre suxestivas atmosferas sonoras expresamente creadas para cada peza polo seu irmán, Alberto Castaño, a carón doutros colaboradores.
Este formato audible é de acceso libre e gratuíto a través da propia páxina da poeta. O proxecto recibiu a finais do pasado ano unha Axuda á Creación Artística do Concello da Coruña cuxo resultado agora poden gozar todas aquelas persoas interesadas en escoitar os poemas.”

A Coruña: conferencia “A proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais”, con Inma Doval Porto

O 23 de marzo, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), dentro do ciclo Aula Aberta coa UDC, Inma Doval falaranos da proxección autoral das poetas galegas nas redes sociais dixitais: catro casos representativos. A consolidación das redes sociais dixitais facilita a comunicación e a relación entre as persoas, ao tempo que supón a creación dun novo espazo público para a (re)presentación do Eu, en moitas ocasións, cun carácter performativo. Nesta palestra analizarase a proxección autoral de catro poetas galegas contemporáneas (Helena Villar Janeiro, Dores Tembrás, Afra Torrado e Estíbaliz Espinosa) nas redes sociais dixitais e como as utilizan para se (re)presentar ante a mirada dunha audiencia múltiple e heteroxénea e para crearen un espazo (auto)biográfico cohesivo para a elaboración e recuperación da memoria individual e colectiva. As autoras empregarán estas esferas públicas conectadas como lugares de ciber-activismo e empoderamento co obxectivo final de-construíren o discurso hexemónico. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.