A páxina web da AELG superou os 24 millóns de visitas

UNHA WEB AO SERVIZO DA NOSA ESCRITA

OsAELG Logo 1-2015 datos de que dispomos constatan un crecemento progresivo (superáronse os 10 millóns de visitas en febreiro de 2012, os 15 millóns a finais de 2014 e os 20 millóns a fins de 2015) desde a súa creación en 2003.

Para nós, a web é unha casa aberta á espera de recibir convidadas e convidados a calquera hora, pois temos sempre dispoñible este espazo para fecundar o coñecemento e a paixón pola nosa escrita. Aquí tedes un pequeno roteiro:

No Centro de Documentación pode accederse aos materiais xerados polos escritores e escritoras, así como á súa actividade social; a Fototeca permite axudar á súa visibilización; a Videoteca achéganos a presenza audiovisual, con lectura das obras e entrevistas ás autoras e autores; a Literatura na rede conéctanos cos seus outros espazos persoais en internet, ao tempo que podemos coñecer a información sobre os premios literarios de interese e achegármonos tamén ás obras editadas pola propia AELG.

Se queredes coñecer mellor a asociación, aquí explicamos que é, como asociarse e os servizos que prestamos. Tedes tamén información sobre as nosas actividades, os manifestos e comunicados e, entre outras cousas, a nosa repercusión nos medios.

Para alén do anterior, podedes visitar e dar uso ao Espazo Didáctico, as actividades da Escola de Escritoras/es, a sección do Territorio do/a Escritor/a, o espazo de Palabra Audiovisual, o universo da Sección de Literatura de Tradición Oral ou o traballo de recuperación das Palabras con Memoria, entre outros apartados da web.

As seccións máis visitadas até agora son, por orde, o Centro de Documentación, dentro da que destaca nomeadamente a Fototeca, seguidas pola dedicada aos Roteiros Literarios no Territorio do/a Escritor/a, e a continuación a sección de Escritores/as do mes.

Desde 2005, data en que se puxo en marcha o Centro de Documentación e foi desenvolto un entorno de administración para o mantemento e xestión dos seus contidos, así como o Espazo Didáctico, a páxina recomezou a súa andaina tal e como a coñecemos hoxe, enriquecéndose progresivamente con diversas actualizacións e novos contidos. Para 2016 o esforzo centrarase na ampliación da sección “Fototeca”, para convertela noutra de maior entidade, “Arquivo fotográfico dos/as escritores/as”, que permita xunguir os contidos existentes na web, tanto na propia Fototeca como nas respectivas galerías fotográficas das actividades da AELG. Esta nova plataforma permitirá a socios/as e visitantes da web, ao estilo do que se fai nunha rede social como Facebook, subir e etiquetar fotos relativas ao sistema literario galego, contando cun sistema de administración que permita revisar os contidos achegados antes de se faceren públicos.

Na AELG parabenizámonos por terse convertido xa a páxina web nunha ferramenta central para o coñecemento e divulgación da literatura galega entre todas aquelas persoas e entidades que manifestan interese polas nosas letras, ás que agradecemos as visitas que lle dan vitalidade e un uso crecente deste espazo, razón fundamental da súa creación e mantemento. E, evidentemente, convidamos a toda a cidadanía a coñecer máis e mellor a creatividade cultural que enriquece, desde a nosa lingua, o desenvolvemento individual e colectivo, mostrando a capacidade de indagación e reflexión sobre o existente e, ao tempo, dándolle corpo á imaxinación para iluminarmos o futuro desde a escrita.

A Coruña: obradoiro Letras en Rede, de Eli Ríos, o venres 3

O Eli Ríosvenres 3 de xuño, de 20:00 h. a 22:00 h., na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo), na Coruña, Eli Ríos impartirá o obradoiro Letras en Rede.
“Trae o teu teléfono, tableta, computador, etc, con conexión a internet e desfruta da literatura desde xa mesmo. E se non queres/podes deixa voar a imaxinación nunha folla e poderás facelo cando máis che apeteza. Anímaste?”
O prezo é de 9 euros. Precisa inscrición previa aquí.

A Chave, proxecto na rede impulsado por Silverio Cerradelo

Silverio Cerradelo A Chaveimpulsa o proxecto na rede A Chave.
Segundo as súas palabras:
“O proxecto da Chave súmase ao esforzo colectivo de lle dar valor e prestixio á lingua galega. A Chave quere contribuír a que abandonemos os vellos prexuízos lingüísticos e, antes polo contrario, que sexamos unha sociedade con maior consciencia lingüística, máis animada a coñecer e a usar o galego.
E logo, por que A Chave?, por que este nome? A Chave quere abrir portas e achegar luz. É un dos propósitos da Chave que a cidadanía sexa máis consciente da dimensión comunicativa da lingua galega, da súa riqueza léxica e expresiva. Que a cidadanía poida ter chaves para entrar nunha nova dimensión lingüística e descubrir o pracer de se comunicar en galego.
Para principiarmos o proxecto da Chave procedemos á compra do dominio achave.gal, que nos parece o máis apropiado para a parte do proxecto que se desenvolve na Internet. A pesar de que aínda habemos tardar anos en atinxir os obxectivos máis importantes, dispomos xa do noso nome no .gal e podémoslle mostrar ao mundo esta presentación e uns contidos introdutorios.
No actual sitio web, alén das liñas máis importantes que definen o proxecto, vai encontrar algúns recursos léxicos elaborados pola Chave e algunhas ligazóns da Internet que nos parecen ben interesantes para o coñecemento da lingua galega e da realidade galega e do mundo, en galego. Os recursos elaborados pola Chave comezan con diversos léxicos relativos á fauna e á flora, que é unha das liñas que se desenvolven no proxecto. Nos vindeiros anos, estes recursos léxicos vanse ir acrecentando tanto nese como noutros ámbitos.
Na súa actividade, A Chave baséase nas Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega (NOMIG) aprobadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega no ano 2003. A partir de aquí, A Chave achega as súas preferencias ou propostas na escolla entre dúas ou máis opcións válidas, no tratamento dos empréstitos lingüísticos (palabras que se toman doutras linguas) ou no ámbito da terminoloxía (ou linguaxe de especialidade).”

A Real Academia Galega pon en marcha o proxecto web Primavera das Letras

DesdePrimavera das Letras RAG a Real Academia Galega:
“(…) A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre. (…)
Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que “o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día”. De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.
As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Henrique Monteagudo. (…)”

A enciclopedia sempre actualizable das letras galegas

DesdeHistoria da Literatura Galega AS-PG Radiofusión:
“A Historia da Literatura Galega é unha enciclopedia completa sobre a arte literaria feita na Galiza e en galego. Coñecela é coñecer o país que lle deu vida. A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) presenta agora en versión dixital, e da man de especialistas indiscutíbeis, unha obra para coñecermos o mellor que escribiron as galegas e os galegos que nos precederon ou que, afortunadamente, aínda conviven connosco. A web, que está en proceso de actualización e incorporación de elementos multimedia, pódese consultar no enderezo de internet literaturagalega.as-pg.gal. Aquí pode escoitarse a entrevista a Xoán Costa.”

Nace lermos.gal, punto de encontro da literatura en galego

“LogoLermos.gal dun longo tempo de traballo, o equipo de lermos.gal, formado por Alex Bayorti, Xosé Duncan e Martinho Terrafria, temos a honra de inaugurar este novo web, unha revista en liña dedicada ao mundo das letras en lingua galega.
A nosa intención é informar e divulgar de xeito programado e ordenado sobre os acontecementos literarios máis sobranceiros, as últimas novidades editoriais e todos aqueles temas que sexan susceptíbeis de se converter en noticia. Asemade, contamos cunha sección de entrevistas a profesionais do mundo do libro e a lectura, un apartado de recursos destinado a divulgar determinados coñecementos relacionados co ámbito literario, e unha axenda de eventos, na que se irán actualizando datas de presentacións, premios literarios, feiras etc.
Lermos.gal nace tamén cunha clara vocación de cara ás redes sociais, a través das que traballaremos pola difusión dos contidos literarios na nosa lingua.
Como lermos.gal é un proxecto colaborativo e aberto, todas as achegas a ampliar o contido e a mellorar calquera aspecto do site serán benvidas.
Para contactares connosco pódelo facer no correo electrónico lermos.gal@gmail.com ou nos teléfonos 615451703 e 655451464.”

A Casa de Rosalía disponibiliza o seu arquivo informatizado

DesdeRosalía de Castro Sermos Galiza:
“A Casa de Rosalía vén de estrear o seu arquivo informatizado no que recollen boa parte do material recompilado polo Padroado así como documentos históricos vencellados á poeta.
Os traballos de catalogación e informatización contaron co apoio económico da Xunta de Galiza, que achegou 4 mil euros procedentes da Consellaría de Cultura, explican desde a Casa de Rosalía cuxo obxectivo foi xerar “un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galiza”.
Así, “calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos”, acrecentan.
Entre os fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros salientan a serie de Correspondencia, na que se atopan as cartas intercambiadas cos responsábeis dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana… e outras con personalidades ilustres como Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey ou Valentín Paz Andrade.
Aliás, no arquivo atópanse as actas e documentos constitutivos do Padroado, informes e memorias da actividade que veu desenvolvendo desde a adquisición da Casa de Rosalía e mesmo dosieres de prensa.
Así mesmo, atópase un fondo gráfico con fotografías da autoria e a súa familia e documentos manuscritos da propia Rosalía.”

Chus Pato leva coa súa voz poética o galego á Poetry Room de Harvard

DesdeChus Pato e Erín Moure a Real Academia Galega:
“A voz poética de Chus Pato soa xa xunto á de T. S. Eliot, Seamus Heaney, Borges, Elizabeth Bishop ou Kerouac. A da creadora ourensá vén de sumarse á listaxe de gravacións de grandes figuras das letras universais convidadas á Woodberry Poetry Room, o que a converte na primeira poeta da nosa terra que leva a lingua galega a este emblemático espazo. Pato recitou xunto a Erin Moure, con quen asina Secession-Insecession. Nesta obra, a tradutora canadense de orixe galega non se limita a verter ao inglés os poemas da primeira e engade versos de seu como eco e homenaxe aos de Pato.
O poemario Secesión saíu á luz en Galicia no ano 2009 con Galaxia, pero desde 2014 ten unha nova, ou dobre vida, Secession-Insecession, obra publicada pola editorial canadiana BookThug. “Ademais de traducir Secesión, Erin Moure escribiu por cada un dos meus poemas outro texto, o que ela chama ecolación. Isto interpretouse como unha proposta de tradución moi innovadora e o libro forma parte dos libros de lectura deste curso do Seminario de Tradución de Harvard”, explica Chus Pato. E esa foi a razón pola que as dúas foron convidadas a finais de setembro a recitaren xuntas Secession-Insecession na Woodberry Poetry Room, nun acto que se pode ver nesta ligazón.
O recital repetiuse no campus de Amherst, da Universidade de Massachusetts, onde acollida foi “inmellorable”, asegura. As dúas autoras foron tamén entrevistadas no blog da Poetry Room, onde Chus Pato salienta que para ela escribir en galego é “unha cuestión de xustiza e, xa que logo, de liberdade”.
Neste especial proceso de ecolación o texto que fala dos domingos de choiva nas Galerías Centrales do Ourense da infancia de Pato reflíctese desde a outra beira do Atlántico noutro no que Moure, da mesma xeración, recorda os grandes almacéns de Calgary aos que ía coa súa nai. E onde Secesión fala dos mártires de Carral, Insecession escribe sobre as revoltas indíxenas, conta como exemplo Pato, que confesa que recibiu con asombro a invitación de Harvard. “Pero unha vez alí vívelo con normalidade, porque chegas e es unha poeta máis que vai ler a súa obra”, engade a autora.
A lectura conxunta incluíu ademais algúns poemas tanto do último libro de Erin Moure como do de Pato, Carne de leviatán (Galaxia, 2013), que se publicará en inglés nos Estados Unidos a vindeira primavera. Será o seu quinto libro vertido ao inglés pola tradutora canadense, autora dun importante traballo a prol da visibilización da cultura galega no contorno anglófono.”