“A letra miúda, Revista de sociolingüística para o ensino, é unha publicación dixital da Coordinadora Galega de ENDL que trata de facilitar a autoformación en aspectos de sociolingüística básica aplicada ao ensino. Non busca ser unha publicación academicista, senón que ten vontade de cubrir necesidades formativas do profesorado, contribuíndo a capacitalo para a toma de decisións metodolóxicas, pedagóxicas e didácticas de maneira crítica e reflexiva e a axudarlle no deseño de modelos de intervención encamiñados á normalización do galego no ámbito educativo.
A revista ofrece artigos inéditos de cualificados especialistas nos que se tratan temas moi variados que van desde fundamentos teóricos sobre ensino de linguas ata experiencias educativas desenvolvidas en situación de contacto entre linguas. Achéganse tamén descricións e análises de modelos lingüísticos educativos e información significativa sobre a situación sociolingüística de Galicia e doutros territorios con linguas minorizadas. Ademais conta cun apartado de Recomendacións no que se van ir recollendo artigos que se poden consultar na rede, recensións de publicacións básicas e ligazóns de interese, todo relacionado co ámbito que nos ocupa.” Desde a
Arquivo da categoría: Internet
Unha cadea pola cultura galega. Comparte o Aturuxo* do Dragón
Evento creado en facebook
por Elena Gallego:
“Obxectivo: Axudemos como galegos para que se manteña aberto un espazo de difusión da nosa literatura, música e artesanía na capital española, Aturuxo Tenda Galega.
Convidados: Todos os galegos do mundo, de nacemento, adopción ou corazón que aposten pola nosa cultura e nestas datas se deixen caer por Madrid.
E que podo facer eu? Se vives ou tes amigos que residen en Madrid, presume de galego nestas festas. Non é preciso que merques nada. Só por pasarte fisicamente pola tenda (Vallermoso 104 Madrid, m
etro Canal ou Islas Filipinas) recibirás un boleto para participar no sorteo que se celebrará na Festa- Presentación da triloxía Dragal (ed. Xerais) en Madrid o sábado 9 de marzo de 2013.
Que gañamos todos? A crise non se pode seguir levándose por diante a nosa cultura. Se segues a cadea do Aturuxo estás colaborando para que se manteña aberto un espazo galego en Madrid.”
Poesiagalega.org: Un final de etapa
“poesiagalega.org
é unha iniciativa do GAAP que se materializou polo apoio inicial do Consello da Cultura Galega e pola obtención posterior de financiamento público a través dunha convocatoria da Xunta de Galicia (Programas Sectoriais de Investigación Aplicada: Sociedade e Cultura). O 4 de decembro de 2012 remata o ciclo trianual do proxecto de investigación vinculado e ábrese unha xeira nova na que a produción e actualización de contidos do repositorio dixital diminuirá sensibelmente por mor da dispersión do equipo, que nalgúns casos supuxo ademais a perda de postos de traballo.
O anterior non supón que o repositorio e base de datos deixen de estar operativos. Todas as ferramentas de procura e a totalidade de arquivos dispostos seguirán conservando plenamente as súas funcionalidades. A diferenza coa etapa anterior é que non se incrementarán contidos co ritmo que até agora se puido manter. (…)”. Desde poesiagalega.org.”
Pere Tobaruela: “Propoño un debate arredor do mundo da edición”
Entrevista
a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿De onde xurde a idea da novela por entregas [Sempre perden os mesmos]?
– Pere Tobaruela (PT): Dunha reflexión sobre o momento da literatura galega. Custa que público en xeral merque narrativa para adultos. Quitando un par de excepcións, como poden ser Os fillos do mar ou os premios Xerais, non é doado que un libro en galego pase da primeira edición. Penso que hai algo que non funciona ben, e é unha crítica que estendo a min mesmo. Non conseguimos enganchar co lector ou ben o público non está afeito a ler en galego. Así que decidín saír pola tanxente: aquí non hai a escusa do prezo, trátase dunha novela por entregas, de balde, que segue a idea decimonónica que xa usaban algunhas revistas en Inglaterra.
– LVG: E funciona?
– PT: Fíxeno máis por intuición que por convencemento. O día 23 saíu o primeiro capítulo e, cada venres, engadirei un novo, así durante doce semanas. O contador que inclúe o blog xa leva máis de mil visitas, iso dá idea de que está a ter boa resposta, é unha iniciativa que esperta curiosidade.
– LVG: E economicamente resulta?
– PT: Non é unha ruína. Eu estou vendendo a marca, a Pere Tobaruela. Evidentemente, as miradas curtopracistas poden pensar que non saco rendemento económico, pero quen sabe, nun futuro (…)”
Congreso sobre Rosalía para conmemorar o 150º aniversario de Cantares Gallegos
“A
saída do prelo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro cumprirá o ano vindeiro o 150º aniversario. A saída desta obra, datada por algúns un 17 de maio, servira a Francisco Fernández del Riego a principios dos anos sesenta para propoñer o Día das Letras Galegas. Con este referente da nosa literatura o Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu celebrar entre os meses de febreiro e xuño de 2013 un congreso dedicado a súa figura. O anterior congreso sobre a figura de Rosalía de Castro celebrárase en 1985. Ramón Villares, presidente do CCG, explicou na presentación desta iniciativa que terá lugar o ano vindeiro que agora hai outros obxectivos. “Buscamos outras olladas”, asegurou, “procurando a vixencia de Rosalía no século XXI”. Os tempos mudan, hai máis información e máis medios. Por este motivo unha parte do Congreso será virtual, un xeito máis económico e produtivo de que participen investigadoras e investigadores de todas partes do mundo. Despois de tantos anos desde o anterior congreso as achegas serán importantes “mais non revolucionarias”, como indica María do Cebreiro, membro da comisión organizadora. Como exemplo puxo o traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con nova documentación ao redor das figuras materna e paterna de Rosalía. “Achegará novas informacións”. O Congreso celebrarase as últimas quintas de cada mes desde febreiro até xuño de 2013 de maneira presencial no propio CCG e tamén de forma virtual. Na Comisión organizadora figuran, ademais de María do Cebreiro, Rosario Álvarez, Anxo Angueira e Dolores Vilavedra.” Desde Sermos Galiza.
Sempre perden os mesmos, de Pere Tobaruela, novela por entregas na rede
Pere Tobaruela irá
publicando, a partir do venres 23 de novembro, capítulos da novela por entregas Sempre perden os mesmos no blog creado expresamente para ela, e da que hai un evento creado en facebook. Segundo o autor, “Nesta novela participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor… Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.”
Se non vos namorastes de Gaia en @ViasDeExtincion é que non tedes sensibilidade nin corazón! ;) #ParaGaia
“O
xoves 15 de novembro celebrouse en Pontevedra a presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez. No acto, celebrado na Libraría Paz, participaron, xunto á autora, Eva Mejuto e Fran Alonso. Na presentación da novela tivo lugar o sorteo de dous libros de María Reimóndez, Usha e O club da calceta, entre todas as persoas que enviaron tweets á conta de Twitter @ViasDeExtincion. Unha persoa entre o público escolleu o tweet gañador, que pertence a @luchinhagz. (…)” Desde a web da novela.
Santiago: XIII Xornadas de expresión oral
“Tíralle da lingua é
un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”
XIII XORNADAS DE EXPRESIÓN ORAL
PROGRAMA
Venres 16 de novembro
– De 16:30 a 17:00 h. Recepción e entrega de material.
– De 17:00 a 18:30 h. Para que serven as imaxes?, Eva Mejuto, OQO Editora.
– De 18:30 a 20:00 h. O berro de Lord Byron (poesía e sonoridade), Carlos Negro Romero, docente no C. P. I. Eusebio Lorenzo Baleirón e escritor. Obradoiro poético orientado a descubrir as potencialidades da linguaxe poética como expresión oral, como xogo fónico, como boca colectiva da imaxinación.
Sábado 17 de novembro
– De 10:00 a 11:45 h. En galego, todo vai rodado, Anxo Gómez Sánchez, docente no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral. O relatorio pretende ensinar a traballar con programas informáticos moi básicos, como o Moviemaker, parar realizar dobraxes de trailers e películas.
– De 12:00 a 14:00 h. Expresión audiovisual dos nativos dixitais, Manuel González Álvarez, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, guionista e investigador cinematográfico.
– De 16:00 a 17:30 h. Os proxectos Ponte na fala e Canto Conto, Xosé Antonio Formoso Lado, filólogo, integrante do proxecto Fabaloba.
– De 17:30 a 19:00 h. Canto conto!, Raúl Piñeiro Fernández, filólogo, animador sociocultural e dinamizador. Como peche da sesión Raúl Piñeiro presentará o seu último traballo de narración oral: Os graxos da Burga.
– 19:00 h. Clausura.
Solicitada a homologación por 10 horas lectivas. A matrícula é gratuíta, realizarase a través da web da AS-PG, no apartado de Formación. O número de prazas é limitado e cubrirase por rigorosa orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoa que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.
Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro
O
venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.
O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:
Venres, 9 de novembro
– 16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
– 17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
– 19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.
Sábado 10 de novembro
– 10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
– 11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
– 12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
– 16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
– 18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.
A entrada é de balde.
Camiños de letras en Compostela
“Un percorrido virtual por Compostela a través de once escenarios nos que transcorren cinco obras de xénero negro. Esta é a proposta que presentaba o pasado 24 de outubro, Día Mundial da Biblioteca, a Consellaría de Cultura na Biblioteca Ánxel Casal. O proxecto, que está albergado no propio web da Biblioteca, toma pasaxes das obras Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa; Ambulancia, de Suso de Toro; Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras; O crime da rúa da Moeda Vella, de Román Raña; e Seis cordas e un corazón, de Roque Morteiro. A través de textos destas obras xeolocalizados en cadanseu espazo, e acompañados da opción de escoitalos na voz de actores de dobraxe habituais nas nosas pantallas, o proxecto propón achegarse á cidade do Apóstolo mediantes as letras, con versións en galego e en castelán.” Desde Cultura Galega.
