A Vilerma (Maside, concello de Sarria): Homenaxe da AELG a Xela Arias

OXela Arias pasado ano 2013 cumpríronse 10 anos do pasamento da poeta Xela Arias. Por este motivo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que xa o pasado marzo lembrara a autora nunha homenaxe en Vigo, organiza para o vindeiro sábado 6 de setembro, ás 12.00, na Vilerma (parroquia de Maside, concello de Sarria) un novo acto para testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica.
Descubrirase unha placa na casa familiar, na que viviron a autora e mais seu pai, Valentín Arias, quen foi cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos. Despois da intervención do presidente de AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, continuarase coa lectura de textos de Xela Arias por parte das escritoras e o escritor Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e Xulián Maure. Seguiremos así facendo memoria dos seus versos e transmitindo ese herdo inmenso que é a obra dunha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua; unha escritora que non se pode conter nas marxes da xeración que a viu nacer, que transcendeu as lindes da escrita e puxo a palabra en contacto con outras disciplinas artísticas. Polifacética, xenerosa e implicada, desde a súa mocidade estivo vinculada ao mundo do libro, primeiro como editora, despois como escritora e tradutora.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

O autor acompaña o lector: Xabier P. DoCampo

DesdeXabierDoCampo 2 o blogue Trafegando ronseis:
“Dende hai dous cursos tiña en mente este proxecto, unha serie de vídeos que amosasen que o autor está detrás das páxinas que lemos, que imos avanzando polas liñas que el escribe para cada un de nós. Pero para levalo a cabo os atrancos foron máis dos esperables.
Desta volta, un par de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a amabilidade e xenerosidade de axudarme a que este proxecto vexa a luz e editaron unha serie de vídeos que vos irei presentando ao longo destes días. Pouco a pouco, de seguro, iremos mellorando. Teremos que ir superando algunhas eivas obvias.
Nesta ocasión será Xabier P. DoCampo que nos preste a súa voz mentre lemos O país adormentado.

Libro galego: S.O.S. Hai alguén aí?, desde Letra en Obras

DesdeLetra en obras Letra en Obras:
“(…) Decidimos lanzar as seguintes preguntas:
1- Está a callar a idea de que o libro galego está a vivir un momento especialmente crítico que incluso abre dúbidas sobre o seu futuro. Como ves a situación?
2- Que precisa para saír deste estado anémico e gañar terreo?
Eis as primeiras respostas.

– Paco Macías (fundador e propietario de Positivas, proxecto que ten tras de si 24 anos de traxectoria).
1- O libro, en papel, está a diminuír en todo o mundo. Galicia non está á marxe. Ao contrario, aquí está peor. As empresas son febles, tanto as editoras, como as distribuidoras, ou as librarías. O único que non perdeu vitalidade son os creadores. A mostra máis clara desta debilidade é a ausencia de debate, de preocupación pública, de lanzamento de iniciativas conxuntas… etc.
2- Pois recoñecer o evidente, unirse, e traballar máis conxuntamente que nunca. É o principio. E lanzarse aos novos espazos dixitais. Non hai fórmulas máxicas.

Mercedes Queixas Zas (escritora, profesora e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). En resposta única ás dúas cuestións:
– Vivimos unha realidade moi ambigua e distorsionadora. Por unha banda, a pluralidade, diversidade, calidade e recoñecemento interior e exterior dunha gran parte da literatura galega confirman o bo momento creativo. Por outra banda, no entanto, é insuficiente o nivel de compromiso da sociedade á hora de consumir produtos culturais en galego en xeral, e literarios en particular, moitas veces debido á non superación de prexuízos que fan de menos as formas de expresión cultural na lingua propia. É parte corresponsábel no presente a propia Administración ao gravar impositivamente cun IVE inxusto e inxustificábel o libro, así como ao non elaborar unha planificación cultural que realmente teña como centro de gravidade o libro e a lectura, entendida como ferramenta de formación, instrución, ademais de lecer, para a sociedade, nomedamente a infancia e a mocidade, substrato crítico lector do futuro. Con certeza, o futuro do libro galego correrá a mesma sorte que a lingua que lle dá as palabras para a escrita.

Francisco Castro (Escritor e traballador da Editorial Galaxia).
1.- Sen dúbida estamos nun intre crítico. O recente informe do Gremio de Editores deixa claro que volvemos ao nivel de hai 20 anos en facturación. No caso concreto do libro en galego, estamos editando aproximadamente a metade do que editabamos hai seis anos. Mais o peor da crise, ao meu entender, é que non estamos fabricando lectores. O galego necesita lectores. De nada sirve ter unha industria editorial se non hai lectores. E non parece que teñamos moitos máis alá da prescrición educativa. Pero iso vale tamén para o teatro ou a música ou os xornais e para toda aquela manifestación cultural que teña o galego como lingua vehicular.
2- O primeiro que necesitariamos sería un país detrás. Lectores e lectoras que aposten pola nosa produción editorial. Os índices de lectura son baixos. En galego, máis que baixos. Como saír desta? Entre outras cousas, promovendo políticas que fagan lectores, que lle aprendan á cidadanía que a lectura é un pracer, que é algo útil. Que se fagan campañas que vaian máis aló da cosmética e a maquillaxe. Que se aposte polas bibliotecas. Que non se recorte en educación. Que se forme aos futuros profesores en animación á lectura e no coñecemento da nosa literatura.

Marcelino Fernández Mallo (escritor)
1- Véxoa en situación límite, o libro galego na marxinalidade dentro dun sector xeral en grave crise de seu.
2- Estratexia de lingua e de literatura próxima ao cidadán que integre edición, distribución e promoción.”

O Consello da Cultura difunde o Sempre en Galiza cun acto institucional e varias accións polo 70 aniversario

Desde o Consello da Cultura Galega:
““Sempre en Galiza é un libro, pero tamén é un texto que pode ser comentado, twitteado, retwitteado e difundido de múltiples formas” apuntou Ramón Villares na rolda de presentación das diferentes accións encamiñadas a dar a coñecer esta obra. Unha proposta que conta coa colaboración da Fundación Castelao, cuxo presidente, Carlos Mella, destacou a súa pertinencia porque “Castelao cítase moito pero non sempre se entende ben e invéntase un Castelao para cada ocasión”. Foi Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, quen situou a obra no seu contexto. “É un dese libros de referencia que marcou a varias xeracións” incidiu Freixanes ao tempo que destacou que “pouco libros tiveron tanta influencia política e emocional”. Ademais, o director da editorial Galaxia fixo referencia ao carácter poliédrico da obra, que “pode ser un libro de memorias, de pensamento político, pero sobre todo é un libro de aposta de futuro e de propostas que segue a ter unha dimensión mobilizadora”.
Co gallo do 70 aniversario da primeira edición da publicación, terá lugar no Parlamento de Galicia un acto institucional o vindeiro 4 de xullo. Alí, Xusto García Beramendi, Ramón Máiz e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, explicarán o significado da obra. Nese acto terá lugar unha lectura colectiva de varios extractos e servirá de mostra das lecturas realizadas por personalidades galegas ou descendentes de galegos que viven fóra de Galicia, como son Miguel Cabanela, prestixioso traumatólogo; Nadia Calviño, directora xeral de presupostos da Comisión Europea, ou Francisco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires.
Outra das iniciativas é a edición dixital aumentada do texto. Unha app para tablets e móbiles Apple e Google Android, de descarga gratuíta, editada polo Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela. A app contén o Sempre en Galiza completo e numerosos contidos adicionais, como estudos sobre o proceso de creación e documentación da obra, materiais adicionais, biografías de Castelao, fotogalerías, vídeos, etc.
Todo estes contidos están a disposición dos usuarios no web conmemorativo preparado especificamente para a ocasión e que estará operativo a partir do vindeiro 4 de xullo.
As actividades de difusión arrincaron o pasado 20 de maio cunha acción encamiñada a difundir a obra de Castelao nas redes sociais. Co hashtag #sempreengz todos os días, a través do twitter do Consello da Cultura Galega e de culturagalega.org, así como do Facebook das dúas webs, ofrecemos unha escolma de frases extractadas da obra para facilitar o seu coñecemento e que se difunden a máis de 15 000 persoas.”

Sementes de letras

Reportaxe en Cultura Galega:
““Comezamos a traballar en materiais para o fomento da lectura no 2005”, indica Cristina Novoa, asesora das Bibliotecas Escolares de Galicia, “pero atopabámonos co tema de que cando chegas a secundaria o tema dos materiais é secundario. Ou consegues a implicación do profesorado e do alumnado ou non hai nada que facer”.
Os asesores da Consellería de Cultura e Educación propuxeron entón, nunha guía de lectura sobre libros de viaxes, a posta en marcha de Clubes de Lectura. E tres botáronse a andar, en Gondomar, Vigo e Betanzos. A xeito experimental, no ano seguinte a Consellería de Educación lanzou unha convocatoria de axudas para os clubes de lectura de centros de ensino secundario.
Para o ano seguinte, os asesores conseguiron crear unha convocatoria para dar axudas a clubes de centros de ensino secundario. Tratábase dun proxecto secundario, na medida en que se realizarían fóra dos horarios lectivos e laborais, e polo tanto cun importante factor experimental. Pero a resposta dos institutos foi ben exitosa. Nesa primeira convocatoria 2007-2008 chegaron peticións de máis de cen centros. “O que fumos vendo”, asegura Novoa, “é que os clubes de lectura convertéronse nunha peza fundamental para a dinamización da lectura en secundaria”. Na actualidade, Galicia xa dispón de máis de douscentos clubes de lectura, nunha auténtica explosión do que se coñece como “lectura social”, lectores que se acompañan os un aos outros na experiencia de ler un libro completo. Segundo a Consellería de Cultura e Educación, máis de 7.000 mozos e mozas participan nestas experiencias lectoras. (…)
Algúns autores son auténticos trotaclubes de lectura, coma é o caso de Marcos Calveiro e Rosa Aneiros. “Eu creo que despois do que é escribir, nunca agardas o que é a creación dos teus personaxes nas cabezas de quen te le, e iso é o que descubres cando vas aos clubes de lectura. Esa é a verdadeira lectura”, di Rosa Aneiros. “As lecturas deles son moi distintas ás túas, e moitas veces as lecturas da túa obra son contraditorias entre os propios lectores. Eu como escritora vou aos clubes de lectura sobre todo a escoitar”.
“Eu vou a saber de verdade o que son os meus personaxes, ideas que pensaba que estaban moi claras despois non o eran tanto, e ao revés”, continúa Rosa. “Agora, á hora de escribir, iso inflúeme. Eu antes que o 90% da obra literaria era cousa miña, pero agora xa estou nun 30% ou 40%”, hai unha parte da historia que está nas súas cabezas. Eu sigo construíndo as miñas historias igual pero sabendo que unha significativa parte dela vaise montar na cabeza dos lectores”. (…)”

Carballo: actividades de Contos de taberna

Continúa en Carballo a actividade, organizada polo Concello, dos Contos de taberna, co seguinte programa para esta semana:
– Martes 13 ás 20:00 horas, na Pedra, Paco Souto e Emi de las Heras.
– Mércores 14 ás 20:30 horas, na Bombonera, Xosé Antonio Andrade.
– Xoves 15, ás 20:30 horas, no Bodegón O Pescador, María Canosa e O’Mighelo no Bodegón o Pescador (xoves 15).
Até o 17 de maio, Día das Letras Galegas, as persoas que acoden a un dos 14 bares participantes no proxecto e fan un gasto mínimo de 15 euros -ou completar un vale de tres almorzos no caso das cafetarías-, levan de agasallo o texto e a ilustración propia dese bar (cada un dos bares ten o seu relato, e a súa ilustración, personalizados).