A Coruña: “As Portas que Abril Abriu”, coloquio, exposición e concurso de reescrita poética, organizadas pola Facultade de Filoloxía da UDC

Estudantes da UDC organizam ciclo de eventos sobre o cinquentenário da Revolução dos Cravos.

Ao longo das próximas semanas irá decorrer na Faculdade de Filologia da Universidade da Corunha o ciclo de eventos As portas que abril abriu, ligado ao 50 aniversário da Revolução dos Cravos em Portugal, acontecida o 25 de abril de 1974. Inclui as seguintes atividades:
– Colóquio sobre os 50 anos da Revolução dos Cravos. 13 de novembro, às 13:00, na Sala de Graus. Moderado por María Bugallo Carro e José Varela Barreiro. Participam Carlos Paulo Martínez Pereiro (Catedrático de Filologias Galega e Portuguesa), que viveu na Universidade de Coimbra os tempos posteriores ao 25 de abril, e Carla Varela Pena, estudante que conheceu em primeira pessoa as comemorações deste cinquentenário na cidade de Lisboa.
– Exposição de livros sobre o 25 de abril na Biblioteca da faculdade, de 18 a 30 de novembro. Será inaugurada no dia 18, a partir das 13:00, com uma visita guiada. Haverá uma segunda visita no dia 22, às 11:30.
– Concurso de reescrita poética. Através da conta de instagram @poesia.udc será organizado um concurso que toma como base um conjunto de poemas ligados à Revolução dos Cravos.
Todas as atividades foram organizadas pelo alunado da matéria Poesia em Língua Galega e Portuguesa, com colaboração da Biblioteca da Faculdade de Filologia e apoio na divulgação da iniciativa Culturarmos. A assistência e participação estão abertas a todas as pessoas interessadas.

***

Estudantes da UDC organizan ciclo de eventos sobre o cincuentenario da Revolução dos Cravos en Portugal.

Ao longo das próximas semanas terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña o ciclo de eventos As portas que abril abriu, ligado ao 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal, acontecida o 25 de abril de 1974:
– Coloquio sobre os 50 anos da Revolução dos Cravos. 13 de novembro, ás 13:00, no Salón de Graos. Moderado por María Bugallo Carro e José Varela Barreiro. Participan Carlos Paulo Martínez Pereiro (Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa), que viviu na Universidade de Coimbra os tempos posteriores ao 25 de abril, e Carla Varela Pena, estudante que coñeceu en primeira persoa as conmemoracións deste cincuentenario na cidade de Lisboa.
– Exposición de libros sobre o 25 de abril na Biblioteca da Facultade de Filoloxía, de 18 a 30 de novembro. Será inagurada o día 18, a partir das 13:00, cunha visita guiada. Haberá unha segunda visita o dia 22, ás 11:30.
– Concurso de reescrita poética. A través da conta de instagram @poesia.udc será organizado un concurso que toma como base un conxunto de poemas relacionados coa Revolução dos Cravos.
Todas as atividades foron organizadas polo alumnado da materia Poesia en Lingua Galega e Portugesa, coa colaboración da Biblioteca da Facultade de Filoloxía e o apoio na divulgación da iniciativa Culturarmos. A asistencia e a participación están abertas a todas as persoas interesadas.

Propostas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal

Estas son as propostas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizado pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, o Camões-Centro Cultural Português em Vigo, e a subvención da Deputación da Coruña.

O 21 de outubro de 2024, tras varias deliberacións a través de medios virtuais, o xurado do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; e Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo, decidiu que as pezas escollidas para esta nova edición do Festival, que terá lugar o 27 de outubro na Coruña, sexan as seguintes:

Propostas galegas escollidas para o VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024 (por orde alfabética do nome da proposta):
A VELHA BERIMBAU, de Sol Mariño.
EN CARNE VIVA, de Andrea González García.
NÉMESE EN TRÁNSITO, de Paula Sanmartín Juncal.
NINGUÉN TIRA FOTOS NOS ENTERROS, de Carlota Mosquera.

Propostas portuguesas escollidas para o VII Festival Peças de um Teatro do Porvir 2024 (por orde alfabética do nome da proposta):
CARTA À MÃE, de Luís Campião.
POR FAVOR NÃO MEXER/POR FAVOR NÃO TOCAR. de Nuna.
UMA HISTÓRIA, de Isabel Milhanas Machado.

O xurado quere manifestar a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, 10 galegas e 4 portuguesas, seguindo as bases da convocatoria, dispoñíbeis aquí.

IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal


A IX Xornada da Sección de Literatura Dramática. VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, organizada pola AELG co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Deputación Provincial da Coruña e Camões-Centro Cultural Português em Vigo, terá lugar o domingo 27 de outubro de 2024 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, baixo o título de As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas. A entrada é libre e gratuíta para calquera persoa interesada que queira acudir como público.

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.
Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.
Co paso do tempo, démonos conta de que o impulso necesario debía poñerse no apoio e fomento de novos proxectos escénicos a través dunha convocatoria e mostra dos mesmos, dentro dunha xornada para compartir, analizar e debater. Así naceu, no seo das xornadas, o Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal. Trátase dun festival único en Galiza para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ao mesmo tempo, tamén se procura tender pontes, dentro do Eixo Atlántico peninsular, coa veciña Portugal.
En todas as edicións deste evento sempre puxemos especial atención en dedicar un espazo para traer algunha personalidade relevante do mundo das artes escénicas que nos brinde o seu coñecemento sobre algún aspecto candente ou de actualidade. Ademais, esa personalidade tamén é convidada a ver e, se así o considera, intervir nas conversas de análise sobre cada un dos proxectos escénicos seleccionados, participando, incluso, no Xurado que vai valorar a posibilidade de premiar cunha estrea nun teatro algún dos proxectos presentados no Festival.
Por tanto, dentro do programa incluímos unha Masterclass sobre un tema relevante. Para esta edición de 2024 propuxemos o tema “As artes escénicas diante do ascenso das ultradereitas”. Unhas das premisas fundamentais para a creación escénica é a liberdade. Por outra banda, no caso das artes vivas (teatro, danza, circo e formas híbridas) a súa esencia é a do encontro comunitario, no que non só se trata de entreter, senón tamén de transcender a nivel de coñecemento e de espírito crítico, fomentando a emancipación das persoas.
Parécenos que é importante reflexionar sobre cales son os desafíos e os perigos que deben enfrontar as artes escénicas neste contexto. Para iso, o noso convidado de honra vai ser Roberto Pascual, dramaturgo, investigador, docente e director artísticos durante unha década e media (2009-2024) da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, quen se ten caracterizado por realizar programacións cun alto compromiso humano respecto aos valores de liberdade, diversidade e inclusión de colectivos marxinalizados. Así o fixo tamén na súa ópera prima, coa que acadou o Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2021, titulada Sophie non é o meu nome de guerra.

VII FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR, GALIZA + PORTUGAL 2024

Estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, queremos procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.
Nesta sétima edición do festival acollemos 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2024: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo, e o convidado de honra, Roberto Pascual, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán proxecto(s) coa posibilidade da súa estrea. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considerase.

PROGRAMA

DOMINGO 27 DE OUTUBRO

10:00 h. Apertura da Xornada a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e representantes das institucións colaboradoras.

VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (mañá).

– 10:30 h. Nuna. Por Favor não mexer/Por favor não tocar.

11:00 h. Intervalo.

– 11:15 h. Paula Sanmartín. Némese en tránsito.

– 11:45 h. Intervalo.

– 12:00 h. Andrea González García. En carne viva.

– 12:30 h. Intervalo.

– 12:45 h. Aula maxistral a cargo de Roberto Pascual.

VII Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática (tarde).

– 16:30 h. Isabel Milhanas Machado. Uma história.

– 17:00 h. Intervalo.

– 17:15 h. Luís Campião. Carta à mãe.

– 17:45 h. Intervalo.

– 18:00 h. Carlota Mosquera. Ninguén tira fotos nos enterros.

– 18:30 h. Intervalo.

– 18:45 h. Sol Mariño. A Velha Berimbau.

– 19:30 h. Deliberación, por parte do Comité de Selección do Festival, formado por Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, Director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español, Célia Guido Mendes, en representación do Camões-Centro Cultural Portugués em Vigo; e Roberto Pascual, contando cos votos emitidos polas/os creadoras/es dos proxectos escénicos presentados.

Xosé Lois García é nomeado membro correspondente da Academia Angolana de Letras

Desde Nós Diario:
“A Assembleia Geral da Academia Angolana de Letras (AAL) acordou por unanimidade nomear Xosé Lois García como novo membro correspondente desta institución.
A comunicación do nomeamento está asinada por Artur Pestana, Pepetela, presidente da AAL e un recoñecido e aclamado escritor universal en lingua portuguesa.
Xosé Lois García (Merlán, Chantada, 1945) é especialista da literatura de expresión portuguesa en África (a este continente viaxou en numerosas ocasións) e autor de antoloxías poéticas de Mozambique, Angola, Guiné-Bissau, Macau e o Brasil. Tamén é antólogo e tradutor. A súa obra está composta por mais de cincuenta libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán.
Nunha opinión publicada en Nós Diario, García afirmaba que “os galegos en xeral descoñecemos bastante cada un dos contextos culturais e artísticos lusófonos, cuxo vehículo de comunicación é a lingua orixinal galaico-portuguesa”.
Neste sentido, afirmaba que “a Lusofonía conforma a estabilidade dun bloque lingüístico que para nós, os galegos, debemos ter conciencia e amparo do mesmo, onde a nosa fala está presente e, non sempre temos o atino de preservala dentro do contexto que nos confina como promotores da mesma”.”