Lois Pérez: “Quixen escribir unha aventura que conecte coa adolescencia e a xuventude”

Entrevista de Chus Gómez a Lois Pérez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): A novela conta as historias do francés Olivier, dos ugandeses Moses e Denis, que escaparon das bestas do LRA do seu país natal e de Amira, historias que conflúen en Catar, a onde tamén vai parar a estrela mundial do reggaeton, Aluma, e a súa moza, Ann Drolla Ice. “Quixen escribir unha aventura que conecte coa infancia, coa adolescencia e a xuventude, o que buscaba eu daquela nun libro”, conta o autor. “Busco a aventura de escribir”.
Non foi casualidade que esta novela a creara xusto despois de A tribo do mar (Xerais, 2023), que conecta África e Burela. “Tiña o de África moi presente. Quería falar de certas cousas”. De aí que uns dos protagonistas sexan uns irmáns ugandeses, separados “nun contexto durísimo” no seu país natal. “Arrastran un pasado de nenos soldado”. O cerne foi o documental Invisibles, de Javier Bardem e Fernando León de Aranoa, “que debería ser visionada en Secundaria” e na que se fala “do grupo paralimitar fascista PRA”, do que Moses e Denis fuxen para evitar ser secuestrados e se refuxian na Arca de Noé. “Acaban en Catar”.
Chegan a este país de Oriente Medio en plena preparación do Mundial de Fútbol. Alí é onde vive Amira. “Se a situación da muller xa é difícil, en Catar moito máis” e esta rapaza é bo exemplo. “Olivier é un rapaz europeo fillo dun eurodeputado corrupto”, ao que acompaña ao Mundial.
Lois Pérez sinala que é unha aventura literaria “que pode enganchar ao potencial lector” nun tempo no que a literatura “ten que competir con outros estímulos como a tecnoloxía” e é “unha arma cargada de esperanza e utopía” para conseguir “un mundo distinto”. “Ler e escribir son actividades esenciais como respirar, comer e durmir”, sostén. (…)”

David Cortizo: “Non tiña ningunha présa por publicar”

Entrevista a David Cortizo Conde en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Por que decide publicar agora [Púrpura Tero]?
– David Cortizo Conde (DCC): Decidir publicar decidiuno a editorial Galaxia, cando recibiu o texto con alegría. Por que me decidín eu a mandarllo? Supoño que cheguei a esa fase vital. Comecei a escribir esta historia hai anos, pero non pensara en publicala, entre outras cousas, porque estaba metido en labores editoriais. Nun momento no que quedei desvinculado dos selos foi cando me decidín a acabar a historia. Deixeina durmindo un tempo e despois foi cando lla enviei a Galaxia, a editorial decana de Galicia. Así que non decidín publicar, decidín enviar un libro a ver se mo publicaban.
– DP: A sociedade actual parece empurrar a facelo todo canto antes. Sen embargo, vostede agardou aos 46 anos para debutar na literatura.
– DCC: Si que é verdade. Pero eu dende neno sempre quixen facer estas cousas.
– DP: É deses autores que escribe e vai gardando os textos nun caixón?
– DCC: Non exactamente. Porque nunca rematei nada. Por varias razóns. Unha pode ter que ver con que lía moitísimo e vía que o que eu escribía non chegaba a ese nivel de literatura que tiña nas mans. Pero fun rebaixando o nivel de esixencia. Despois de doce anos como editor pensei que xa había un nivel ao que podía chegar. Por iso a tardanza: durante anos pensei que non chegaba ao nivel e agora penso que si. E, á parte, si que son unha persoa que adoita ter bastante calma e paciencia. Penso que hai que ir poñendo un pé diante doutro e que as cousas van chegando unha por unha. Non tiña ningunha présa por publicar. (…)”