
Entrevista de Manuel Xestoso a Marta Dacosta e Marga do Val en Nós Diario:
“(…) “En moitas ocasións denígrase a vocación política como motor da literatura, nunha contradición manifesta coa vontade das autoras. Sucedeu por exemplo, con Luísa Villalta, sobre a que se elaboraron moitos discursos que puñan o foco naqueles aspectos menos controvertidos da súa obra. Non queremos que suceda isto con Begoña Caamaño, quen declarou por activa e por pasiva que a súa militancia feminista e a prol da lingua galega facía parte indisolúbel da súa obra literaria”.
A escritora Marta Dacosta falaba así con Nós Diario sobre a autora de Morgana en Esmelle pouco antes da súa intervención na palestra Feminismo e literatura. O compromiso na escrita feminina. O exemplo de Begoña Caamaño, que tivo lugar onte no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Compostela e na que interviron Marga Do Val e a propia Dacosta. O acto, segundo esta última, tiña vontade divulgativa, “queremos dar a coñecer a figura de Caamaño en todas as súas moitas facetas. Ela sempre se declarou feminista e aplicou esa definición tanto ao seu traballo de activista como a toda a súa obra literaria”.
Caamaño foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), e militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e na Marcha Mundial das Mulleres -organizadora do acto de onte-, polo que salientar esta faceta da súa figura resulta fundamental para comprender a globalidade do seu traballo creativo.
As dúas novelas polas que é máis coñecida Caamaño inciden nesa necesidade de ter presente o seu compromiso á hora de avaliar a súa obra. Marga Do Val explica que “Circe ou o pracer do azul revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista; Morgana en Esmelle enlaza a materia de Bretaña co mundo de Cunqueiro, desde unha mirada feminina que opón os roles de Morgana e de Viviana aos propósitos e intencións de Merlín”.
Do Val inscribe ese proxecto de “reescribir” os mitos desde a óptica feminina nunha corrente que remonta á novela de Christine Brückner Se tiveses falado, Desdémona, ou a algunhas obras de María Xosé Queizán ou de Xohana Torres, en cuxos versos se apoia Caamaño. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Carballo: seminario de lectura Arredor de si, arredor de nós (3ª sesión), con Luís G. Soto
Gondomar: faladoiro sobre Xornalistas e literatas nas letras galegas, con María Xosé Porteiro
A Coruña: presentación de Cen Ilíadas, de Marcelino Fernández Mallo
Vigo: palestra arredor de Animal Farm/A granxa dos animais, de George Orwell, por Xavier Queipo
A Coruña: Xurxo Souto presenta A novela do Bravú
O 5 de marzo, ás 20:00 horas, na Asociación Veciñal Agra do Orzán (Rúa Entrepenas, 38, soto), na Coruña, Xurxo Souto presenta A novela do Bravú, publicado por Xerais. No acto, o público poderá coñecer de primeira man o proceso creativo, partillar impresións co autor e descubrir os segredos desta nova obra. A entrada será libre até completar a capacidade do local.
Vigo: presentación de Illa de sangue, de Carmen V. Valiña
Monforte: presentación de Alguén ao lado, de Xabier Quiroga
María Canosa: “Con este libro quero mostrar que hai moitos usos nas redes, non todos malos nin bos”
Entrevista de Sergio Casal a María Canosa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que lle interesaba explorar en Dipnoi sobre todo o que non se di na adolescencia?
– María Canosa (MC): O libro é unha pequena análise da sociedade máis nova. Como están tan afeitas e afeitos a comunicarse a través dos teléfonos e das redes sociais, cunha pantalla de por medio, que despois lles resulta complicado mirarse en fite e dicir as cousas. Por outra banda, tamén fala sobre como se están modificando as relacións: o difícil que parece comunicar aos nosos o que sentimos mentres en internet soltamos o primeiro que se nos pasa pola cabeza sobre nós. Isto pasa tamén grazas a esa sorte de coiraza que ofrecen as redes sociais. De todos os xeitos, hai que ensinar tanto os pros como os contras deste tipo de comunicación, porque tamén hai cousas boas na rede.
– ND: Esa rede aparece como un espazo de verdade emocional fronte á vida presencial: é un refuxio ou un xeito de enmascarar identidades e emocións?
– MC: Pola mesma coiraza que un se pode poñer na rede, como un pseudónimo que ninguén ten por que coñecer, si que somos capaces de dicir todo aquilo que tememos dicir na realidade. Pensamos que é un lugar ao mellor máis diverso. Dun xeito ou doutro, xente que ten certos medos, debilidades ou preocupacións é quen de poñelas aí porque é un universo no que non temos cara. É certo que así parece máis sinxelo poder amosar a nosa identidade, pero porque non a ensinamos ao completo. É un pouco unha confrontación, que tamén podería ser un primeiro paso para atopar apoios. (…)”






