Ledicia Costas: “É imprescindible que a mocidade rompa co mito romántico do amor”

Desde Radiofusión:
““É imprescindible que a mocidade rompa co mito romántico do amor, iso é tóxico e é urxente darlle unha volta” afirma a escritora Ledicia Costas, autora de A balada dos unicornios, o libro do que falamos no club de lectura de Radio Fene Radiofusión. “Síntome moi cómoda mesturando a fantasía coa realidade, tiña dúbidas de como o ia recibir a rapazada, pero está a ser estupenda, tiña certo pudor por utilizar moito sangue, pero nos colexios dinme que fun moi brandiña” salienta Costas. Fantasía e ciencia conviven en A balada dos unicornios, o libro de Ledicia Costas que recibiu o Premio Lazarillo 2017.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Eva Mejuto sobre Memoria do silencio

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O libro Memoria do Silencio de Eva Mejuto conta a historia de tres mulleres galegas que salvaron medio milleiro de persoas da persecución nazi axudándolles a cruzar a fronteira con Portugal. A entrevista pode escoitarse aquí.”

“A resistencia ante o silencio”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Cando o silencio é a única opción para sobrevivir, a literatura crea os espazos necesarios para recoller a resistencia. E iso é o que fai Eva Mejuto na súa obra Memoria do silencio. Ficcionada, iso si, porque pouco sabemos das historias (reais) de Lola e Frieda: “Ambas as dúas tiñan moitos trazos en común: a valentía, a afouteza e, tristemente, o feito de que, como mulleres, pasaron de esguello pola Historia.” (páx. 149). Así, Lola, Xulia, Amparo, Frieda,…, falan en primeira persoa sobre o momento que lles tocou vivir, no verán de 1943, cando Ribadavia aínda está presa no medo do franquismo, cando os nazis extraen o volframio das minas galegas. Di Lola que “Hai pouco máis de catro anos que acabou a nosa guerra (nosa non, deles, que nós nunca a quixemos), como non imos ter medo?” (páx. 21) e que “o peor é o medo, que queda atoado no corpo e non deixa vivir, nin pensar” (páx. 22). E ante o terror, a sororidade e a esperanza. A loita pola liberdade.
As mulleres invisibilizadas son as protagonistas desta historia, as irmás Touza, nunha época na que poderiamos pensar que xa está todo contado: a Galicia da II Guerra Mundial. O curioso é que non se trata tanto do que se conta senón de como se conta. Esa é unha das xenialidades desta novela! A perspectiva das mulleres nun conflito no que só se valoran como arma de guerra1 e nun lugar periférico da contenda como Ribadavia. Xusto ese punto no que acontecen realmente as cousas importantes sen que ninguén lle preste atención. E esa fenda é a que permite ás irmás Touza salvar máis que cincocentas persoas dunha morte segura porque ninguén quere, nin pode, nin sequera imaxinar que as mulleres do rural galego teñan a capacidade de tecer unha rede que permita “pasar” persoas xudías a Portugal e que, de alí, embarquen para América. (…)”

Convocatoria do número 13 da revista Contos Estraños

Desde Contos Estraños:
“Abrimos unha nova convocatoria para que nos fagades chegar os vosos relatos, poemas e ilustracións, que formarán parte do novo volume da revista Contos Estraños, “Visitantes de alén da morte“. A nosa procura desta volta vai dirixida a textos e debuxos enmarcados dentro do tema dos aparecidos, pantasmas, casas encantadas, mediums, ouijas e demais fauna e flora que teña algo que ver con esas almas en pena que se resisten a abandonar a nosa compaña despois de mortas.

BASES DE PARTICIPACIÓN
Os relatos e poemas deben estar escritos en galego.
Enviaranse en formato OpenOffice, LibreOffice ou Word ao correo electrónico:
revistacontosestranhos@gmail.com
baixo o asunto: “Contos Estraños – volume 13”.

TEXTOS
Cada relato disporá dun espazo de entre 5000 – 8000 palabras, mentres que no caso dos poemas marcaremos un rango de entre 20 – 150 versos. Podes usar ese espazo como gustes, cun só relato/poema ou con varios, mais deberá cumprir o mínimo de palabras (5000) ou de versos (20).
Cada relato/poema debe ir acompañado dunha presentación da túa vida e obra (prégase o uso do humor e do frikismo para a devandita presentación) de non máis de seis liñas de texto e unha foto que, tamén, sexa unha oda á falta de vergoña (iso si, que poida ser editable). Ambas as dúas cousas, a bio e a foto, serán a túa carta de presentación na revista.
Os relatos e poemas deben ser orixinais, nunca antes publicados (publicacións electrónicas non contan).

ILUSTRACIÓNS
As ilustracións terán o seu propio espazo e lugar na revista polo que deberán ser obras autónomas e non irán supeditadas nin a un relato nin a un poema.

EXEMPLARES
As persoas seleccionadas recibirán un exemplar independentemente do número de relatos, poemas ou ilustracións realizadas, así como un desconto do 40% para a adquisición de exemplares que poderán comercializar pola súa conta.”