Antón Lopo recibe o Premio Repsol 2018

Desde Galaxia:
“Na noite do luns 3 de decembro, Antón Lopo recollía na Coruña o Premio de Narrativa Breve Repsol 2018, que lle foi outorgado pola súa nova novela: Extraordinario.
No acto, que tivo lugar na sede coruñesa da Fundación Paideia Galiza, estiveron presentes o secretario xeral de Politica Lingüística, Valentín García Gómez, o director da Área Institucional da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez Villanueva, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. Presentado por Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, houbo tamén espazo para a música, que desta volta correu a cargo de Davide Salvado.
Deste xeito, Antón Lopo recibiu o cheque por valor de 12.000 euros, o obsequio conmemorativo desta XII edición do premio e presentou tamén a obra editada na nosa colección Literaria, que está xa nas mesas de novidades das librarías galegas.
Extraordinario é unha novela sobre as relacións familiares e o amor, pero tamén sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer. A obra comeza cando o protagonista debe axudar a súa irmá nos coidados da nai, unha muller de carácter inestable coa que el rompeu toda relación hai máis de trinta anos. A viaxe que emprende non é só á cidade da súa infancia e ao hospital, onde operaron a nai dunha rotura de fémur, senón tamén a un pasado que segue sen resolverse. Narrada como os alustros dun faro sobre a escuridade da noite, Extraordinario posúe unha eficacia narrativa asombrosa, con personaxes que se gravarán na nosa memoria en trazos indelebles, ademais de xogos conmovedores de ironía e humor. Quen entre neste libro non poderá saír ata absorber a última palabra.”

Miguel Anxo Mato Fondo: “Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”

Entrevista de Paula Vázquez a Miguel Mato en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Karen Blixen, Catarina, Teresa e Lorelai son as protagonistas de Adeus, capitán Walton. Porque esta temática feminista?
– Miguel Anxo Mato Fondo (MAMF): Isto é algo que sempre está na miña obra, e non sei moi ben porqué. Quizais por lecturas, xa que as miñas escritoras favoritas son mulleres… Pero digamos que emprego a voz feminina para esconder a miña voz detrás dela.
– QPC: Cal dirías que é o fío condutor dos textos?
– MAMF: Non sei que dicirche aquí, porque os relatos son bastante diferentes entre si. Penso que o fío condutor na literatura sempre é o estilo literario máis que os argumentos. Nos meus relatos creo que é importante resaltar o símil literario que hai, presente en cada un deles. Trátase de relatos que non teñen practicamente argumento. Teñen principio e final, pero ben podería ser o final o principio, e viceversa. Son momentos que presentan unha gran diversidade de técnica narrativa, baseándose na descrición e no monólogo interior en primeira persoa.
– QPC: Entón, como definirías a obra?
– MAMF: Diría que son diferentes momentos da vida de moita xente que, neste caso concreto, son mulleres, pero que tamén poderían ser homes.
– QPC: E máis alá deste libro en concreto, cres que hai espazo para a lectura do libro físico na era do dixital e as novas tecnoloxías?
– MAMF: Este é un tema moi peliagudo [ri]. Eu creo que si! Eu agora mesmo utilizo todos os medios para escribir, xa sexa con pluma estilográfica sobre papel ou no portátil. Cando comezou o boom do dixital eu dicía que non vía iso de escribir un poema nun ordenador, e hoxe en día xa me parece absolutamente normal. A día de hoxe, escribo notas coas pluma na miña libreta e logo pásoa ao ordenador, ou mesmo escribo na aplicación do móbil. Fágoo indistintamente.
E en canto á lectura, de preferir… prefiro un libro de poemas en papel pero, por exemplo, o ensaio é un xénero que leo moito en dixital e descargo moitos textos e teses de doutoramento por este medio. Creo que hoxe en día os escritores somos bastante eclécticos, isto é, movémonos con moita comodidade tanto na galaxia de Gutenberg como na galaxia online.
– QPC: E de cara ao futuro, que proxectos tes entre mente?
– MAMF: Si, estou cun libro que se vai chamar O lector do paraíso, que xa teño moi avanzado. Trátase dun libro de memorias. É literatura memorialista escrita en primeira persoa.”

Manuel Portas: “É un divertimento. Foi a obra que menos tensións me produciu ao escribila”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor e profesor Manuel Portas gaña o Premio de novela Blanco Amor coa obra Por puntos. O certame da Deputación de Ourense e a Fundación Blanco Amor está dotado con 15 mil euros e entregase esta tarde no 39 aniversario do falecemento do autor de A Esmorga. Pode accederse á entrevista aquí.”

Tabela dos libros. Decembro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros do 2018, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e felices festas!”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.

Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 2 de decembro

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 2 de decembro son:
11:00 h. Espazo Libro. Presentacion de As Pessoas do Drama, con Helder Gomes Cancela, vencedor do Grande Prémio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores/Direção-Geral do Livro, Arquivos e Bibliotecas. Camões – Centro Cultural Português em Vigo.
11:30 h. Espazo Foro. Mesa redonda: «A conveniencia das coleccións de literatura infantil con perspectiva de xénero» e presentación das obras gañadoras do I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade. Baía Edicións. Con Ana Luísa Bouza e Montse Pena Presas, representando o xurado, as autoras gañadoras Antía Yáñez con A reconquista e Sabela Losada con Vermella, así como Belén López Vázquez como editora convocante.
12:00 h. Espazo Foro. Presentación do libro-disco A comuna del Barruzo. aCentral Folque. Presentan: Ugia Pedreira, voz, pandeireta, Abel Pérez, acordeón, Pierrot Rougier, frauta, cordofones.
12:00 h. Auditorio Pazo da Cultura. Concerto de Oviravai: Paio e o poder da música. Editorial Galaxia. O teixugo máis querido volve con novas aventuras. Con Suso Feixón, Xacob Welicki, Verónica Santalices, Carlos Gil, Erika Welicki, Federico Welicki, Iván Davila e Noa Covelo. Espectáculo especial: prezo 5,50€. Entradas en www.ticketea.com
12:30 h. Espazo Libro. Conversa sobre a tradución de A cámara do sangue e outros relatos de Angela Carter coa tradutora María Reimóndez, a escritora e prologuista desta edición, Emma Pedreira e a editora de Urco, Andrea Jamardo. Ao acabar, xs escritorxs e ilustradorxs estarán nos stand de Urco Editora asinando exemplares dos seus libros.
12:30 h. Espazo Foro. Galaicos, un pobo entre dous mundos. Alvarellos Editora con Deputación de Pontevedra.
13:00 h. Espazo Libro. Presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico. A Mesa pola Normalización Lingüística. Con Miguel Robledo, autor e
ilustrador, e Mónica Pazos, coordinadora.
13:30 h. Espazo Libro. A cama de meu avó e Carne da minha carne. Apiario . Conversa-recital entre Celso Fernández Sanmartín e Susana Sánchez Arins ao redor dos novos títulos.
13:30 h. Espazo Foro. «O proceso da tradución literaria». AGPTI.
13:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido. Editorial Galaxia. Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes de Luísa Martínez Lorenzo.
16:00 h. Stand Galaxia. Sinatura con Raquel Castro. A formiga fóra do carreiro.
16:30 h. Espazo Foro. Entrega do Premio Meiga Moira a Ánxela Gracián, por As voces da auga e Pere Tobaruela por Auga e Lume. Baía Edicións.
16:30 h. Espazo Libro. Lanzamento de Tu contas e eu conto, de Susana Sánchez Arins. Através Editora.
16:30 h. Salón de Actos. Versogramas. Un documental de videopoesía. Presentan Belén Montero, directora, e Celia Parra, produtora executiva.
16:30 h. Espazo Carpa. Chuches Amil en concerto: novo libro-cd Monstros con ou sen consentimento. Editorial Galaxia.
17:00 h. Espazo Foro. Presentación de Kalandraka TV, canle de televisión dixital sobre literatura infantil e xuvenil. Kalandraka Editora. Con Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, José Miguel Sagüillo e Bea Campos, realizador e presentadora da canle.
17:00 h. Espazo Libro. Conversa con Iolanda Zúñiga e Antón Lopo
sobre as súas novelas Natura e Extraordinario (Premio Repsol 2018). Editorial Galaxia.
17:00 h. Espazo Ate Contemporánea. Contar por amor á arte. 25 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Contacontos con Celso Fernández Sanmartín. Recomendado para persoas adultas.
17:00 h. Stand de Edicións Fervenza. Héitor Picallo asina exemplares de No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos.
17:15 h. Espazo Infantil Deleite. Guendufe o anano. Edicións Fervenza. Con Juan Andrés Fernández, Luís Reimóndez, Gabriel Iglesias, Rosa Costas e Valentín García.
17:30 h. Espazo Foro. Presentación do acto sobre a recuperación do Pazo de Meirás. Deputación da Coruña. Con Goretti Sanmartín e Artur Trillo.
17:30 h. Espazo Libro. Presentación do novo número da revista Contos Estraños, da novela Manuel de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Ahola e da novela O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío. Asociación Cultural Contos Estraños Editora. Con Xosé Duncan, responsable da revista, Fernando M. Cimadevila, editor, e Tomás González Ahola, autor.
17:30 h. Espazo Carpa. Cintaadhesiva. Con Jesús Andrés Tejada,
música, Silvia Penas Estévez, voz, textos.
18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Paseniño, paseniño de Antonio García Teijeiro e Marcos Viso.
18:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación do libro Baila comigo ata o final do amor, de Antón Sobral.
18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A Torre e da Colección Vitamina N. Con Antonio Sandoval, autor, e Ramón Rozas, crítico literario.
18:00 h. Auditorio Pazo da Cultura. Concerto de Xoán Curiel e a Banda do Verán: A Casa do Terror. Editorial Galaxia. Esta casa está chea de monstros e pantasmas que te sacarán a bailar e te farán rir e desfrutar. Ten coidado porque non desexarás saír desta aventura. Espectáculo especial: prezo 5,50€. Entradas en www.ticketea.com
18:15 h. Espazo Foro. Presentacion das gañadoras dos premios de dramaturxia Álvaro Cunqueiro e Manuel María. AGADIC-Xunta de Galicia. Con Avelina Pérez, gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Ás oito da tarde, cando morren as nais e Paula Carballeira, gañadora do X Manuel María de literatura dramática infantil coa peza Somos os monstros. As dramaturgas estarán en Culturgalpara recibir os seus galardóns, nun acto no que participarán a presidenta do tribunal, Laura Tato Fontaíña, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.
18:30 h. Espazo Libro. Presentación da Biblioteca feminista. Editorial Galaxia. Coas autoras Amada Traba, Carme Adán e Inma López Silva.
18:30 h Mercedes Queixas e as ilustradoras Paula Pereira e María Montes asinarán exemplares dos seus libros: Xandra, a landra que quería voar, e A brétema, de María Victoria Moreno.
18:30 h. Stand Kalandraka. Antonio Sandoval asina exemplares de A Torre e A árbore da escola.
18:45 h. Espazo Foro. Entrega do Premio do Público Culturgal 2018.
18:45 h. Espazo Infantil Deleite. Viaxe no tempo con As mulleres e os homes. Catro Ventos Editora. Contacontos ao redor do libro do equipo Plantel e a ilustradora Luci Gutiérrez. Con Silvia Penas, narradora.
19:00 h. Espazo Libro. Premios Xerais 2018. Conversa de Ramón Rozas con Emma Pedreira, autora de Besta do seu sangue, Premio Xerais de Novela 2018; Héctor Cajaraville, autor de Kusuma, Premio Merlín de Literatura Infantil 2018 e Carlos Negro, autor de Aplicación instantánea, Premio Jules Verne 2018. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
19:15 h. Espazo Foro. Presentación do manual Bailegramas, de Sergio Cobos. aCentral Folque.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación de Macedonia de versos e de Pim Pam Pum. Aira Editorial. Con Concha Blanco, autora, Lidia Nokonoko, ilustradora, Pablo Otero, autor, e César Lorenzo, editor.
19:45 h. Espazo Foro. Lectura de Rosalía Fernández Rial arredor de Bonus Track. Editorial Galaxia.
19:45 h. Espazo Libro. Conversa entre Francisco Castro, autor de
Iridium, e Elisabeth Oliveira. Editorial Galaxia.