Arquivo da categoría: Narrativa
Entrevista a Ramón Nicolás no Diario Cultural
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O crítico literario Ramón Nicolás estréase como narrador coa novela O espello do mundo. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Ribeira: coloquio con Susana Sánchez Arins arredor de seique
Antonio M. Fraga: “Como outros moitos rapaces da miña xeración, cheguei a Lovecraft grazas a Agustín Fernández Paz”
Entrevista de Alberto Ramos a Antonio M. Fraga en Praza:
“(…) – Praza (P): O Premio Antón Risco é na actualidade o único certame de literatura fantástica que hai en Galicia. Un galardón coma este é fundamental para un xénero que se cultiva pouco?
– Antonio M. Fraga (AMF): A verdade é que penso que cada vez abunda máis. Sempre se fixeron cousas. A xente que lle gusta ir por ese camiño está a emprender na actualidade proxectos variados e interesantes. A existencia dun premio de literatura fantástica é, ademais, un síntoma de normalización para o conxunto do sistema literario. Un sistema literario debe contar con distintos e variados premios, respondendo a diferentes xéneros. Penso que é positivo en todos os niveis. Primeiro para o propio xénero fantástico, xa que ter un premio desta natureza se converte nun acicate para apostar polo xénero. En segundo lugar, para o sistema literario no seu conxunto, que se ve reforzado e enriquecido. (…)
– P: Esa fronteira entre a loucura e a realidade convértese na résgoa por onde entra a literatura fantástica, non?
– AMF: No ámbito temático, eu quería contar [en Querido H. P. Lovecraft] a historia de Howard e que transcendese dalgunha maneira do xénero fantástico. Quería contar a historia da desesperación dese home, de como se vai mergullando nun caldo de cultivo que o leva irreversiblemente cara ao suicidio. Á hora de facelo, si que botei man dalgunhas teimas clarísimamente lovecraftianas como son a xa citada fronteira entre a loucura ou o pesadelo recorrente, que é un elemento moi presente nalgunhas fases nas que está dividida a obra de Lovecraft. É dicir, a fase onírica ten moita presenza. Tamén emprego a cuestión lovecraftiana da imposibilidade de fuxir do noso destino e cúmprese, ademais, o patrón desa persoa formada intelectualmente e escéptica que vive alteracións á lei natural que a levan primeiro á tolemia e finalmente á morte. (…)
– P: Non sei se quere engadir algún aspecto da novela que pasara eu por alto…
– AMF: Unicamente gustaríame dicir que xa no propio título se ve que o texto ten moito de homenaxe a Lovecraft ou máis concretamente á súa obra, seguramente máis merecedora da homenaxe cá súa persoa. A súa obra levou o terror a asumir anovadoras marcas de xénero que despois transcenderon a outros ámbitos como o cinema ou a banda deseñada. Despois, comentar que eu cheguei a Lovecraft, como outros moitos rapaces da miña xeración, grazas a Agustín Fernández Paz, que cultivou o xénero do terror cósmico lovecraftiano en obras como Aire negro. Pódese considerar este libro tamén unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz. (…)”
Madrid: presentación de Contos do Mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O martes 28 de xuño, ás 19:30 horas, no Círculo de Bellas Artes de Madrid (Alcalá, 42), Xurxo Souto presenta o seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Antón Patiño e David Cooney, embaixador de Irlanda en España.
Pontevedra: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón
Anxo Fariña: “A adolescencia ten esa forza que te empurra a cambiar o mundo”
Pontevedra: Cultura que une, actos da cultura galego-portuguesa
“Literaturizar a historia”, por Celia Díaz
Artigo de Celia Díaz no weblog de Galaxia:
“A literatura e a historia son vellas coñecidas e establecen relacións proveitosas para ambas: a literatura reflicte a historia e a historia contémplase nas obras literarias. A literatura, en canto testemuño da sociedade, proporciona información relevante acerca dunha época concreta: as crenzas, os costumes, a mentalidade, os valores, os modos de vida… A historia, á súa vez, é a inspiración da que naceron moitas das grandes obras da literatura universal. Poesía, teatro e, sobre todo, narrativa atopan fértil materia literaria nos acontecementos que viviu a humanidade desde o comezo dos tempos. E non hai dúbida de que a novela histórica é un xénero que goza hoxe dunha extraordinaria vitalidade, tamén na nosa literatura.
Malia esta interrelación entre historia e literatura, moi distintos son os obxectivos que procuran. Mentres o historiador pretende reconstruír o pasado a partir de datos obxectivos analizados e contrastados, o escritor ou escritora converte en ficción literaria as informacións que o rigor histórico lle proporciona e recréaas libremente para transmitir a emoción da que carece o texto erudito.
Unha característica principal da novela histórica é a esixencia de verosimilitude. Para que o imaxinado teña aparencia de realmente acontecido cómpre levar a cabo unha exhaustiva documentación acerca do período e o espazo nos que se sitúa a narración. A xeografía, a economía, a alimentación, o vestiario, as actividades de lecer, as crenzas, a onomástica… son coñecementos que poden obterse a través de documentos históricos, arqueolóxicos, epigráficos ou iconográficos.
A tradición oral proporciona igualmente informacións valiosísimas, por moi inverosímiles ou contraditorias que resulten ao comparalas coas recollidas de fontes científicas. As lendas ou os romances achegan aquilo que a fantasía do pobo transmitiu de xeración en xeración, son materia viva que merece un lugar preeminente no texto literario.
Mais o importante e fundamental, como en calquera novela, é a creación duns personaxes con alma, con vida interior. Criaturas de ficción que van medrando paseniño e transmiten os soños, os conflitos, os temores, as arelas, as decepcións, as traizóns, as anécdotas e peripecias do seu vivir cotián. A presenza na narración de personaxes reais esixe respecto á veracidade e rigor histórico. Mais, ao mesmo tempo, o novelista pode imaxinar os seus pensamentos máis íntimos e tamén pode permitirse determinadas licencias e atribuírlles estes ou aqueles trazos froito da súa fantasía.
Dotar de vida e autenticidade os personaxes, recrear a atmosfera na que ocorren os acontecementos, construír unha trama ben elaborada e transportar o lector a tempos afastados son os difíciles retos aos que se enfronta o escritor de novela histórica. Se o consegue, construirá un relato ameno e accesible, fonte de coñecemento e tamén do goce estético que a literatura ofrece.
Non é tarefa doada, pero si apaixonante.”
Ribeira: acto destacado na Feira do Libro para o xoves 23
O xoves 23 de xuño comeza a Feira do Libro de Ribeira (na Praza do Concello, con horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, co seguinte acto literario destacado para este día:
– 21:00 h. Charla-coloquio de Xosé Manuel Lobato arredor do seu libro Elos de cinza, publicado por Ézaro. Participa, xunto ao autor, Fernando Lavandeira.