Arquivo da categoría: Narrativa
Vigo: entrega do Premio de Narrativa Illa Nova 2017
Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do sábado 6
O
domingo 7 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 6:
– 19:30 h. Presentación de O caso Quintana, de Miguel Alonso, publicado por Belagua.
– 20:30 h. Presentación de Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez, publicado por Belagua.
Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do venres 5
O
venres 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 12:00 h. Presentación de A morte do meu pai, de Afonso Eiré, publicado por Hércules.
– 19:30 h. Presentación de Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville, publicado por Baía Edicións.
Madrid: presentación de O penálti de Djukic, de Carlos Taibo
Amadeo Cobas: “Hai que acompañar a calidade literaria coa busca de lectores”
Entrevista
de César Lorenzo Gil a Amadeo Cobas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Co’A cacería, vostede gañou o Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Que foi primeiro, o libro ou a convocatoria?
– Amadeo Cobas (AC): Non. Eu tiña o libro escrito e andaba nesa fase de dárllelo a ler ás miñas amizades. E foi a miña grande amiga, tamén escritora, Clara do Roxo, quen me falou deste certame. Xa te podes figurar como é presentarte a un premio. Ti deixas alí o orixinal, esperas, case que te esqueces da historia e de repente un día chámante e dinche que es o gañador. Para min foi unha grande alegría porque me permitiu publicar con Xerais, unha editorial coa que levaba tempo querendo traballar. Eu fun editor e sei do importante que é, como autor, estar no catálogo dunha das grandes.
– B: Como xorde esa historia prehistórica que se conta n’A cacería?
– AC: Xorde no Pireneu. Cando vivín en Aragón, ir á montaña pirenaica foi o meu xeito de aproximarme a Galicia. Aragón é un lugar máis ben árido, moi influído polo deserto dos Monegros. Así que o verde haino que ir procurar ás serras. Alí encontrei unha paisaxe que, por unha banda, me recordaba ao da miña terra e tamén descubrín unha afección que me acompaña até hoxe: camiñar. E nesa experiencia foi aparecendo esta historia, na que a montaña está moi presente. (…)
– B: Cal é a súa rutina creativa?
– AC: Depende do momento no que a obra estea. No primeiro momento vou construíndo o relato na miña cabeza. Doulle forma dun xeito primeiro desordenado, que se vai sistematizando pouco e pouco. Aproveito moito as camiñadas para ordenar ideas. Moitas veces vou polo medio do monte e teño que parar para anotar unha cousa. Incluso houbo veces de suspender unha excursión porque tiña que voltar á casa con urxencia e escribir.
Cando a obra xa está máis ou menos documentada e xa teño unha idea do que quero facer, escribo, a man, o primeiro texto, case toda a primeira escritura fágoa así, nun caderno e lonxe dunha mesa. Só cando está case todo rematado, paso o manuscrito ao ordenador.
– B: É vostede un escritor que estrutura o traballo ou vai creando a dinámica da obra conforme a vai escribindo?
– AC: Eu antes de poñerme a escribir unha liña sei como empeza, como acaba, cantas páxinas (máis ou menos) vai ter, que van facer os personaxes… Necesito ter todo controlado. Por unha sinxela razón: non quero sentir nunca a síndrome da folla en branco, notar que non sei cara a onde vou. (…)”
Betanzos: presentación de Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira
Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do martes 2 e mércores 3
O
martes 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o martes 2 e mércores 3 de maio:
Martes 2
– 19:30 h. Presentación de Once portas, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Presentación de Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón, publicado por Xerais.
Mércores 3
– 19:30 h. Presentación de O Códice esmeralda de Alberte Blanco, publicado por Xerais.
– 19:30 h. Presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Francisco Castro e David Vázquez, director do documental Asolagados.
Xabier Paz: “Non podemos vivir en perpetuo estado de alarma. Os soños e a beleza son tan necesarios coma a mantenza”
Entrevista
de Marcos Pérez Pena a Xabier Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): Como nace a historia? En que momento comezaches a trazar a novela e as figuras de Artemisia e Aníbal?
– Xabier Paz (XP): Todo comezou cando dei cun cadro en Internet. Era a reprodución dun dos mitos bíblicos máis representados, Susana e os vellos. O cadro, para min descoñecido, era de factura impecábel, algo estuario nas figuras; o corpo de Susana contundente e desprovisto de calquera traza de erotismo, a diferenza da meirande parte das representacións dese tema. Por outra banda, semellaba obra dun mestre tardo-renacentista nas cores brillantes e na perfección das dobras. Procurei o autor e resultou ser autora e para a miña sorpresa, unha moza de dezasete anos nacida en 1593. O cadro datado en 1610 fora pintado por Artemisia Gentileschi. Fun tomado por unha curiosidade insólita que durou non menos dos seis anos nos que fun enchendo o oco da miña ignorancia sobre a pintora, o tempo que tardei en escribir Aníbal e a Pintora. O personaxe de Aníbal xurdiu cando me puxen a escribir, representa a conciencia dunha obsesión, o intento imposíbel de aprehender o pasado, neste caso a vida enteira de Artemisia, de escribir a biografía total de alguén. (…)
– P: A novela histórica engancha, ten lectores fieis e achega elementos que sempre enriquecen os relatos. Mais, ao teu xuízo, que vantaxes e que riscos ten o xénero histórico para os autores?
– XP: Supoño que de cando en vez a todos nos gusta visitar escenarios máis ou menos exóticos e, de camiño, deprender cousas coa lectura. Non sabería falar en xeral de vantaxes e riscos para os autores. O certo que novela histórica é un concepto onde caben cousas tan diferentes coma as Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar; El recurso del método de Alejo Carpentier; ou a máis filosófica e densa A Morte de Virxilio de March Broch ou La catedral del mar de Ildefonso Falcones e unha morea de supervendas. Para min a peripecia histórica é unha pauta, un molde onde verter preocupacións atemporais, digamos universais. Neste caso a violencia sobre a muller, idea reforzada co capítulo dedicado a Beatrice Cenci; a impotencia da arte para aprehender totalmente a realidade; a fantasma de incesto; o papel do traballo e da actividade profesional e artística na emancipación persoal…
Para min o importante en toda novela é o tratamento literario. Alén da linguaxe, do manexo do idioma, cousa da que non se adoita falar moito, valoro o equilibrio entre o de dentro e o de fóra, é dicir entre os sentimentos e paixóns e a realidade social e histórica ou sexa entre a definición dos personaxes e a descrición da época. Nas narracións históricas existe o perigo de deixarse seducir pola época e perder alento narrativo por caer no ensaístico. Ou, por mencionar outro risco, talvez un dos máis presentes, o anacronismo, esquecer a mentalidade do momento con todas as súas facetas e adxudicarlle aos personaxes valores quer morais quer sociais impropios da época. (…)”
Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do sábado 29 e domingo 30 de abril e luns 1 de maio
O
sábado 29 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 29 e domingo 30 de abril, e luns 1 de maio:
Sábado 29
– 19:00 h. Concerto-presentación de Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas, publicado por Galaxia.
Domingo 30
– 19:00 h. Espectáculo musical O mundo de Carliños, de Luís Vallecillo, baseado na figura de Carlos Casares.
Luns 1
– 18:00 h. Obradoiro de escrita, por Fernando M. Cimadevila: “Claves para a escrita e a publicación dunha novela”.
– 19:00 h. Presentación e recital sobre Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, libro coordinado por Miro Villar e Xosé M. Lobato, e publicado por Alvarellos.
– 20:00 h. Presentación de Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), de Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez, publicado por Ouvirmos.



