Manuel Portas: “Estamos nunha etapa de resistencia, é preciso facer que a nosa cultura perviva”

EntrevistaManuel Portas a Manuel Portas en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Deixouse vostede levar máis pola ficción ou polo aspecto didáctico [Lourenço, Xograr]?
– Manuel Portas (MP): Aínda que a verdade histórica está presente na ambientación xeral da novela, o tema principal é a loita de Lourenço por tentar que o seu talento artístico fose máis recoñecido pola sociedade. Tratei de deixar nun segundo plano os aspectos técnicos para que poida ser desfrutada tanto por alguén que dispón de coñecementos previos sobre Historia, como por un lector que careza dese tipo de información. (…)
– LO: Como ve a situación actual da literatura galega?
– MP: Un dos grandes problemas actuais é que a literatura, como outras creacións culturais, adoita considerarse como algo superfluo e pouco productivo, e cando a Administración dun país o ve deste xeito, sube o IVE e baixa o investimento en cultura, posicionándoa coma un produto de luxo ao alcance duns poucos. É preciso máis que nunca que resistamos e que fagamos que a nosa cultura perviva nas próximas xeracións.
– LO: Compaxina o seu labor docente co literario. Dalle consellos a aqueles alumnos que queren adicarse a escribir?
– MP: Ante todo, os docentes temos a misión de ensinar a disfrutar da literatura, tanto aos alumnos que queiran orientar a súa carreira a escribir como aos que non teñan este interese. Ás veces o sistema educativo prioriza a memorización de autores e obras pero non do seu disfrute, e para paliar esta tendencia segue a ser moi importante o labor dinamizador dos Clubes de Lectura. (…)”

Pontevedra: presentación de O dobrón de a oito, de Alberto Fortes

OAlberto Fortes venres 12 de febreiro, ás 20:00 horas, n’ A Casa da Luz (Praza da Verdura, s/nº) de Pontevedra, terá lugar a presentación da novela O dobrón de a oito, de Alberto Fortes, publicada por Xerais. No acto, organizado pola editora en colaboración co Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Antón Sobral e Manuel Bragado.

Xerardo Quintiá: “A de Man de Camelle é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical”

Entrevista Xerardo Quintiáde Montse Dopico a Xerardo Quintiá en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que decidiches escribir unha novela sobre Man de Camelle [O viaxeiro radical]? Foi despois da súa morte, polo do Prestige?
– Xerardo Quintiá (XQ): Porque me parecía unha historia moi atractiva, a partir da cal se pode falar de moitas cousas. Ademais, despois da súa morte, Man podía quedar ademais un pouco no esquecemento. Sempre quixen coñecelo, ir visitalo, pero non o fixen. Cando foi o Prestige mesmo estiven traballando como voluntario naquela zona, pero non cheguei a coñecelo. Foi despois do seu pasamento cando decidín escribir esta historia. Nun principio foi bastante difícil porque non sabía desde que perspectiva tratalo. Escribín uns poucos folios e despois tardei anos en retomala. Quixen achegar o que puidera. A historia de Man dá para moito. Fixéronse máis cousas: unha web, unha casa-museo, hai un documental.. É un tema que pode tratarse desde moitas perspectivas. (…)
– P: (…) Ao perigo de que non resulte verosímil. De que o personaxe non resulte real.
– XQ: O máis difícil, en realidade, non foi iso. Foi afastarse dos clixés que había sobre el: o tolo de Camelle que se bañaba espido e ía con taparrabos… Claro que tamén quixen darlle profundidade, emotividade, para que resulte veraz, verosímil. (…)
– P: Gañaches o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Fornelos&Fornelos, segunda fundación. Un libro no que está moi presente a procura do lugar, como en O viaxeiro radical.
– XQ: Fornelos & Fornelos ía ser, en principio, unha triloxía. Pero vai ser máis. Un corpo poético co que vou seguir mentres poida. Fornelos&Fornelos, primeira fundación e Fornelos&Fornelos, segunda fundación, son parte dun mesmo proxecto, nese sentido. É a constatación do lugar, a evocación do lugar, un intento de salvar o lugar a través da palabra. (…)
– P: Fala tamén da poesía como un xeito de salvarse da indixencia. Ten algo metaliterario.
– XQ: Si, a poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma. Mais tamén é un intento de salvar un mundo que se extingue a través da palabra.
– P: Iso estaba se cadra máis presente na primeira parte. O rural que esmorece. Tamén porque estaba máis a infancia.
– XQ: Este libro evoca, non é que fale da desaparición do rural. É un canto a algo que xa non existe, cunha vertente aquí si existencialista, non existencial. Si que é verdade que na primeira parte estaba máis a infancia. Este segundo é máis reflexivo, como dicía.”

Manuel Rivas no Ateneo de Pontevedra, por Manuel Bragado

ArtigoManuel Rivas de Manuel Bragado en Brétemas:
Manuel Rivas deu a benvida ao máis do cento de persoas participantes onte na presentación no Ateneo de Pontevedra d’ O último día de Terranova lendo «A perpetuidade da aldraxe perfecta», o manifesto que publicará nos próximos días no número 26 da revista Luzes. O que Rivas denominou «a aldraxe perfecta» e «a aldraxe das aldraxes», a extensión da concesión de ENCE durante os vindeiros sesenta anos aprobada polo goberno en funcións, chama á mobilización de todas aquelas persoas non adscritas ao partido conformista. Foi, despois, a activista Carme Durán, quen presentou a Manuel Rivas e quen recomendou moi vivamente a lectura d’ O ultimo día de Terranova. Comezou salientando Rivas que «a novela comeza nun intre de apocalipse do que os protagonistas non foron informados, un día de derrota na súa vida, de afundimento». Continuou sinalando que, porén, «nesa derrota da linguaxe e da vida, aparecía a pulsión do desexo, un puxilato con Tánatos, que permite enfrontarse coa realidade». «O último día de Terranova naceu da necesidade de establecer unha simetría, un xeito de adestramento, de autodefensa.»
«A literatura ordena, permite deseñar un mapa onde pousar os principios de realidade, mais tamén é capaz de desequilibrar e cuestionar.» «Na novela existe unha psicoxeografía de espazos interiores, historias de idas e voltas sobre un un espazo de refuxio, que tamén é de asedio.» Reflexionou despois Rivas sobre o que foi aquí a serie negra: «Como sucede coa serie negra en España as chamadas “historias da Guerra” son a nosa verdadeira serie negra. Mais aínda cando a maior organización criminal, durante décadas, foi en España o estado. Na novela está isto presente co caso da poliomelite que demostrou que a ditadura, un estado corrupto, afectou tamén sobre os corpos. Como sinala Vicenzo Fontana, o libreiro narrador da novela, “o meu corpo é un manifesto”.» «Na novela fálase moito dos corpos, hai varios personaxes que son substitutos, que nos mergullan nunha realidade inquedante.»
«O gran drama no que sucumbe Terranova é que a realidade intelixente abanea e, pola contra, camiñamos cara a distopía, cara aqueles tempos difíciles dos que falaba Dickens, onde todo se medía polas cifras, onde todo o que non se pode vender obtendo beneficio non merece existir.» «Fronte a isto, na novela prodúcese unha rebelión das palabras que se converten en imaxes de desexo.» «Como tamén un encontro entre a cultura popular e a cultura literaria, entre iguais. Hai un fío con libros anteriores, sobre todo con Os libros arden mal, ambos os dous historias dramáticas da cultura. Como lembra Walter Benjamin a racionalidade da cultura ten no seu envés a barbarie.»