Arquivo da categoría: Narrativa
Nova York: coloquio coa participación de Francisco Álvarez-Koki
O venres 27 de setembro, de 18:00 a 19:30 (hora local), na Mid-Manhattan Library de Nova York, terá lugar o coloquio Tres autores, un mundo, coa participación de Francisco Álvarez-Koki, Jacqueline Donado e Teresa Nasarre Abizanda, cuxas obras están relacionadas coa cidade estadounidense.
Manuel Portas: “Cando nunha sociedade hai machismo, haino nos homes e nas mulleres”
Entrevista de Montse Dopico a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): Faneca Brava vai pola segunda edición…
– Manuel Portas (MP): Si. A primeira saíu en abril e vamos pola segunda. Está a funcionar ben: parece que a xente o recomenda… E non é unha lectura recomendada nos institutos, como tantas veces se di da literatura galega. O problema é que os rapaces teñen, moitas veces, a percepción de que a literatura galega é unha cousa antiga, doutro tempo… (…)
– P: Dixo Fernández Paz do seu libro Non hai noite tan longa que quería retratar a miseria moral da sociedade das últimas décadas do franquismo. Faneca Brava é tamén así…
– MP: Cando nunha sociedade hai machismo, haino nas homes e nas mulleres. E a avoa é un tipo de muller machista que pasou toda a vida xogando ao xogo do nome dos Pereira, do clan, da estirpe, aínda que para iso tivese que sacrificar a neta. Ás veces pensamos que este tipo de comportamento só se daba nas familias burguesas, pero non é así. Na novela, é unha familia de mariñeiros e carpinteiros. Lela ocupa, porén, como diciamos antes, un lugar intermedio entre a avoa e a neta. E Encarna é o alter-ego de Concha, que representa outro tipo de muller. Deste xeito, grosso modo, falo dun abano de mulleres que reaccionan de xeitos diferentes ante os feitos. É evidente a miseria moral de tapar un crime como o que se comete contra Concha. (…)
– P: E o tema do galego [na educación]? Que ocorre na práctica?
– MP: O que si se nota é que agora os profesores teñen moita máis formación. Por iso, se houbese apoio, a galeguización sería maior. Con máis apoio legal poderíase avanzar moito, sen que pasase, desde logo, nada traumático.”
A Coruña: presentación de Viaxe en círculo, de Concha Parga
Portugal despede Ramos Rosa, um seu grande escritor
Desde Sermos Galiza:
“Em Lisboa, aos 88 anos, morreu António Ramos Rosa, um dos grandes escritores das letras portuguesas com uma ampla obra de poesia e ensaio que fecha o livro Em torno do Imponderável do passado ano. Deixou pegada nas letras galegas, em especial no fascínio que por ele sentia o poeta Eusébio Lorenzo Baleirón.
A editora Espiral Maior dirigida pelo poeta Miguel Anxo Fernán Vello publicou em 1994 um livro inédito do poeta intitulado O Navio da Matéria. Ramos Rosa teve relação literária e pessoal com o poeta Eusébio Lourenzo Baleirón que mesmo fizera um estudo sobre a sua obra e visitara o escritor em Lisboa. Outros autores galegos como Miro Villar confessam a presença da obra de Ramos Rosa no seu imaginário poético.
Uma ampla obra poética, além de livros de ensaio de referência arredor do feito poético, compõem a trajetória literária de um dos escritores mais valorados em Portugal que trouxe para a sua língua também grandes nomes da literatura universal e pôs a andar diversas revistas literárias.
Ramos Rosa ganhou o Premio Pessoa em 1988, além de outros galardões como o Prémio Associação Portuguesa de Escritores ou o Internacional de Poesia, aliás de dar ele próprio nome a um prémio poético. Autodidata -deixou os estudos sem rematar a secundária-, mais de grande formação leitora e domínio de diversas línguas que o fizeram um reconhecido tradutor literário. Em 1958 publica o seu primeiro livro, O Grito Claro, ao que seguiram quase um cento de títulos até Em torno do Imponderável do passado ano. O Ciclo do Cavalo, Figuras Solares, Sobre o Rosto da Terra, Volante Verde, Nomes de Ninguém ou As Palavras são alguns dos títulos da sua larga trajectória.
Segundo conta a imprensa portuguesa, o poeta teve fôlegos mesmo no último momento para escrever em papel o que está considerado o verso mais conhecido e emblemático de toda a sua obra: “Estou vivo e escrevo sol”, que marca também o espírito que presidia a sua condição de escritor, claramente social, mais poética em estado puro, numa harmonia que levou à teoria mais à prática.
A morte de Ramos Rosa acontece pouco depois da desaparição de outro grande vulto das letras portuguesas, o narrador Urbano Tavares Rodrigues, dois grandes autores case do mesmo tempo que partilharam também na biografia a condição de se opôr ao regime salazarista.
O corpo de Ramos Rosa será sepultado no Jazigo dos Escritores, no Cemitério dos Prazeres.”
Vigo: mesa redonda Ser ou non ser posmoderno?, no VIII Ciclo Escritores/as na Universidade
O xoves 26 de setembro comeza o VIII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o título de Unha outra literatura para un outro tempo, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A partir das 12:00 horas, no Salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución, coa presenza do Secretario xeral de política lingüística, Valentín García, da escritora Rexina Vega, vogal da AELG en Vigo, e da Decana da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, María Rosa Pérez Rodríguez, iniciarán o ciclo conversando sobre a relación coa posmodernidade Alberto Lema e Samuel Solleiro, baixo o título: Ser ou non ser posmoderno? As oportunidades perdidas e os ciclos pechados.
Entrevista a Hixinio Puentes en Fervenzas Literarias
Entrevista en Fervenzas Literarias:
“Hai historias terribles que compre contar para que a forza do Lethes non arromben con elas e as súas augas as leven corrente abaixo, lonxe de nós. Acontecementos que son precisos coñecer, onde se fai necesario saber o que pasou. Entre esas historias que algunhas persoas queren sepultar baixo múltiples capas de indolencia e de apatía está a historia dos irmás cariñeses Pita Armada, e para contala temos a un narrador posuidor dunha das prosas máis áxiles das nosas letras: Hixinio Puentes.
Winnipeg (Xerais) amosa ao lector -a xeito de crónica- a peripecia vital da familia Pita Armada. Propietarios de varios negocios na vila ortegana de Cariño, entre eles unha fábrica de conserva, amósanse activos na mellora das condicións de traballo dos empregados desta puxante industria a través do Sindicato da Industria Pesqueira. O estoupido da guerra vailles poñer no gume da navalla de insidiosos e de malpocados. Seica houbo un momento na nosa historia recente onde axudar ao veciño pagábase coa morte.
O levantamento militar, a fuxida, os anos da guerra, a botadura do Winnipeg na costa francesa e, finalmente, o golpe militar chileno son algúns dos pasaxes debuxados con estrema mestría por Hixinio Puentes. (…)”
Manuel Veiga: “Como autor, non me gusta a cultura da queixa”
Entrevista de Montse Dopico a Manuel Veiga en Praza:
” O novo libro de Manuel Veiga é unha novela de xornalistas. Dun tipo de xornalismo que naceu coa Transición, coas esperanzas postas no futuro e nunha transformación real da realidade. Mais tamén é a crónica dun desencanto. Dunha xeración que pasou da ilusión á decepción, non sen complicidades co que veu despois. Alén dun retrato social, político e cultural da evolución dun país que houbo un tempo no que pechou en falso demasiadas portas. E até hoxe. Chámase Os xornalistas utópicos. E mestura a memoria do autor coa ficción. O autor presentará o libro este mércores 25 de setembro en Compostela, na libraría Couceiro, coa presenza de Manuel Bragado e Mario Regueira.
– Praza: Os xornalistas utópicos achéganos unha visión bastante crítica do xornalismo actual. Di que non interesa a verdade senón facer literatura economicamente rendíbel: coa súa trama, o seu malo, a súa vítima… Era ese un dos obxectivos principais da novela?
– Manuel Veiga: De primeiras, eu non tiña vontade de facer ningunha crítica. Eu quería só escribir e facelo o mellor posíbel. Pero un, como autor, responde a un carácter, a unha biografía. Non podes evitar ser quen es, aínda que o intentes e escollas o xénero da ciencia ficción. Detrás sempre está o mesmo pulmón alentando. En concreto, eu son xornalista de profesión e sempre tiven unha perspectiva crítica, desde que me presentaba aos concursos de redacción no bacharelato. Incluso a ironía xa estaba naqueles textos. O libro, é certo, vai de xornalistas, como outros van de detectives. (…)”
Berta Dávila: “Esta é a historia dos que nada fixeron para ter unha historia”
Unha web conmemora os 25 anos do premio de novela García Barros
Desde Fervenzas Literarias:
“Co gallo do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros presentouse a web deste premio, desenvolvida polo concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este portal repasa a historia do premio ao longo dos 25 anos mediante unha escolma dos títulos gañadores e unha descrición dos seus autores e, ademais, recolle a vida e a obra de García Barros, entre outros puntos. (…)
A presentación da web do premio García Barros complementarase -neste ano no cal celebra as súas vodas de prata- con outras actividades. Deste xeito, no mes de outubro terá lugar un evento conmemorativo no que se reunirán os gañadores das 25 edicións do premio, así como representantes das distintas editoriais que publicaron as novelas vencedoras.
Contra finais de ano celebrarase o tradicional evento de entrega do premio á escritora Anxos Sumai, gañadora desta vixésimo quinta edición, coa novela A lúa da colleita, que será publicada por Galaxia.”