Vigo: Mesa redonda de narrativa con Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello, no VII Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 4 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, continúa o VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, cunha Mesa redonda de narrativa, que contará coa participación de Xosé Neira Vilas e Antón Riveiro Coello.

Querido Balbino

Memorias dun neno labrego é, xunto con O lapis do carpinteiro, o libro máis traducido da literatura galega. Con 600.000 exemplares en 17 idiomas (estase a preparar unha tradución ao xaponés) é un referente da cultura galega. Agora, cando se cumpren cincuenta anos da súa publicación, unha exposición achégase á traxectoria do libro e da vida do seu autor. Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Siro López, Damián Paio, Esperanza Lema, Antón Pulido, Xoán Domato, Xaquín Marín ou Sabela Arias inspíranse en Balbino para ofrecer trece retratos do rapaz da aldea máis popular do campo galego na exposicion titulada Querido Balbino. Canda isto, cóntase cun catálogo explicativo ilustrado que documenta os comentarios que xerou esta obra na súa traxectoria así como a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario. A exposición, que leva itinerando desde abril, abandona hoxe o concello da Laracha para continuar o seu percorrido.” Desde Cultura Galega.

Santiago: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez

O martes 2 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, preséntase En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Manuel Bragado.

Gondomar: coloquio sobre Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O martes 2 de outubro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, o clube de narrativa Sete vidas comeza o mes de outubro cunha sesión na que se falará da novela Laura no deserto, publicada en Galaxia, coa asistencia do seu autor, Antón Riveiro Coello.

Noia: presentación de Trampa de luz, de Agustín Agra

O venres 28 de setembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultural Avilés de Taramancos de Noia (Rúa Luís Cadarso, s/n), a Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Edicións Xerais, e o Concello de Noia presentan o número 77 do suplemento cultural A Voz de Barbantia, e a obra Trampa de luz, de Agustín Agra. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Laíño, Milagros Torrado e Rafael García Guerrero.

Vigo: presentación de Sete de Biblos

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno), preséntase o libro Sete de Biblos, obra que recolle cadanseu relato das cinco autoras e dous autores que gañaron as primeiras edicións do Premio Biblos-Pazos de Galicia: Iria López Teijeiro, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García Martínez, Elena Veiga e Iria Morgade. O acto, ao que asistirán a maioría dos autores, será presentado por Agustín Fernández Paz e Tucho Calvo.

Vigo: presentación de Da Máquina, de Alberto Lema

O venres 28 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Socio-Cultural Bou Eva (Rúa Tercio de fóra, 11, baixo A) de Vigo, preséntase a novela Da Máquina, publicado en Galaxia. Xunto ao autor, interveñen Carlos Lema, Iago Castro e Francisco Sampedro.

Pontevedra: presentación de 15.724, de Xesús Constela

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra (Rúa Padre Sarmiento, 51), o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais presentan o libro 15.724, de Xesús Constela. No acto, xunto ao autor, participan Adolfo Caamaño, Xaime Toxo, Ana Isabel Vázquez Reboredo e Manuel Bragado. Posteriormente terá lugar unha actuación musical do Grupo de Pandeireteiras A Buxaina de Coruxo.

Vídeo de Carapuchiña e o Pobo Feroz, curtametraxe baseada nun relato de Males de cabeza, de Fran Alonso

Desde Xerais:
“Xa se pode ver na rede o vídeo de Carapuchiña e o pobo feroz, curtametraxe producida por Que conto producións baseada nun relato co mesmo título de Males de cabeza, de Fran Alonso. A película, que logrou o Sacho de Ouro á mellor curta no Festival Curtello 2011, está dirixida por José Araújo e protagonizada por Toni Salgado (lobo) e María Roja (Carapuchiña), Gloria Sampedro (avoa), Nani Matos (pai), Graciela Riobó (bruxa), Antonio Barreiro e Alberto Ardid. Na páxina de Que conto producións en Vimeo poden verse tamén as versión dobradas ao italiano, ao inglés, ao francés e ao castelán. Trátase da segunda curtametraxe baseada nun relato de Fran Alonso que se pode visionar ao longo deste ano 2012, logo de que na pasada primavera Urban Pig Films ofrecesen na rede o vídeo de Luz verde, baseado en 01 AM do libro Cemiterio de elefantes.