Santiago: presentación de Caos calmo, de Sandro Veronesi

O mércores 16 de marzo, ás 20:00 h., no Casino de Santiago, o escritor italiano Sandro Veronesi presenta a edición galega da súa novela Caos calmo, publicada en Galaxia, e que foi Premio Novela Europea Casino de Santiago no 2009. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.

Lugo: entregados os Premios da Edición 2010

O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.

Vigo: presentación de Fundación Libélula, de Yashmina Shawki

O venres 11 de marzo a partir das 19:45 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Fundación Libélula, de Yashmina Shawki, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Manuel Bragado e a propia autora.

A Pobra do Caramiñal: presentación de Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva

O venres 4 de marzo, ás 20:30 h., na librería Ler da Pobra do Caramiñal, preséntase o libro Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, ademais da autora, María Xesús Blanco, Alberto Piñeiro e Xesús Laíño.

Vigo: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 24 de febreiro, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Alfonso Eiré, Anxo Angueira, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Vilanova, Rafael Laso, Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador).

Noia: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O venres 25 de febreiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia, preséntase o libro Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, acompañando ao autor, Antón Riveiro Coello, Xerardo AgraFoxo, Encarna Pego, Isabel Santos, e o alcalde de Noia, Rafael G. Guerrero.