Toda a información aquí.
Arquivo da categoría: Obradoiros
Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Elena Gallego Abad: Pontevedra Ficción
A
Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Elena Gallego Abad: Pontevedra Ficción é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.
Pontevedra Ficción estará a cargo da escritora Elena Gallego Abad e contará cunha lección maxistral a cargo de José Benito García Iglesias.
“Dragóns fantásticos, horribles crimes, apaixonados romances… Todo é posible en Pontevedra. As rúas da cidade, os seus edificios emblemáticos e os seus recunchos esquecidos poden converterse en territorio de novela, permitindo que a creación literaria as transforme ata os límites do maxín.
Neste obradoiro, Elena Gallego Abad conducirá as persoas participantes polos labirintos da escritura creativa e poderán materializar o soño de convertérense en escritoras ou escritores ambientando os seus propios relatos en escenarios, reais ou imaxinarios, da cidade. A creadora da saga literaria Dragal e a novela Sete Caveiras compartirá algúns dos segredos da súa adictiva narrativa, converténdose en cómplice e guiando os trazos desta aventura.
O reto? Coñecer as claves básicas da creación literaria e descubrir as súas potencialidades, materializando un proxecto propio ao remate do obradoiro.”
Información:
– Doce sesións de 2 horas (de 17:00 a 19:00).
– 20 e 22 e 23 de febreiro; 6, 8, 16, 20, 22, 27 e 29 de marzo; 3 e 5 de abril.
– 20 prazas, gratuítas, para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición:
Desde ás 09:00 do día 30 de xaneiro en oficina@aelg.org ou no teléfono 981 133 233
As prazas asignaranse por estrita orde de solicitude.
O obradoiro desenvolverase na Sede do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra (Rúa Padre Amoedo, 1 – Pontevedra)
Todas as sesións pretenden desenvolverse cunha estrutura dinámica e amena. A primeira xornada, de presentación, servirá para fixar os obxectivos persoais de todos os participantes. Con este horizonte, as distintas sesións propiciarán o achegamento a diversas obras de narrativa a través da súa lectura, a realización de exercicios de creación literaria, contarán cun apartado teórico (xéneros, temáticas, técnicas narrativas…) e un último apartado de análise e crítica.
O obradoiro contará coa participación do escritor e investigador José Benito García, divulgador da historia local pontevedresa.
A Coruña: obradoiro de creación O ollo da Arte. Laboratorio 2017, impartido por Antía Otero
O ollo da Arte. Laboratorio é
un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, é un obradoiro de creación artística no que aprender pensando tod@s xunt@s.
Se tes unha idea, un proxecto artístico, un bosquexo que che bule na cabeza e queres participar nun proceso compartido entre máis persoas con inquietudes comúns, ou se posúes inquietudes artísticas, ganas de deixarte levar e aprender dos demais e da deriva, O ollo da arte está aberto para ti.
Na práctica, con ferramentas que nos axuden a colocarnos na experiencia artística xerando dinámicas de grupo nas que tod@s sexamos creadoras e espectadores a un tempo, dende a primeira xornada teremos a oportunidade de colocarnos na pel d@ outr@ e de acompañarnos nos procesos partindo dunha vía de traballo personalizada para cada participante.
Ao longo do laboratorio teremos a visita de dous creadores que traballen en activo e que se achegarán a Normal para compartir co alumnado as súas experiencias, guiar os proxectos e aportar novas ferramentas.
Datas: todos os luns entre o 6 de marzo e o 26 de xuño de 2017.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: NORMAL (Paseo de Ronda, 47. A Coruña).
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía.
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 15 de febreiro ao 3 de marzo de 2017. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña.
Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras
O
Obradoiro de escrita infanto-xuvenil, con Eli Ríos e María Reimóndez: Imaxinar mundos, sementar palabras, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.
– Duración: 12 sesións de 2 horas cada unha (todos os sábados excepto os festivos). A data de comezo é o 11 de febreiro de 2017.
– Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n)
– 25 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos
– Inscricións en inscricions@pontevedra.eu. As prazas asignaranse por orde de solicitude.
Dirixido a persoas con interese en explorar a escrita de literatura infantil e xuvenil nos seus diferentes xéneros.
Obxectivos:
– Explorar as concepcións existentes sobre a literatura infantoxuvenil e afondar en debates relevantes deixando atrás visións estereotipadas desta forma de escrita.
– Utilizar as ferramentas participativas para estimular a creación literaria propia entre as persoas participantes.
– Afondar no entendemento da escrita dende unha óptica crítica que poña en tea de xuízo os relatos e lecturas adquiridas e institucionalizadas dende os discursos hexemónicos para o público infantoxuvenil.
Desenvolvemento:
As dúas primeiras sesións serán de achegamento ás persoas asistentes recuperando as lecturas que lles impactasen ou quedasen na súa memoria. Con elas abriremos o debate sobre o que é a literatura infantil e xuvenil e reflexionaremos sobre o propio xénero partindo sempre desde o texto.
A terceira, cuarta e quinta sesión estarán dedicadas á poesía infantil e xuvenil centrándonos na forma, linguaxe, recursos, etc, e co foco posto na recepción dos textos. Traballaremos poemas da nosa literatura e os que compoñan as persoas asistentes ao longo destas sesións.
A sexta, sétima e oitava sesión dedicaranse á narrativa, centrándonos na súa técnica así como noutros aspectos como o desenvolvemento das personaxes, sentimentos, emocións, descricións, etc
As sesión novena e décima estarán centradas no teatro e nas súas dificultades para enfrontarse ao texto. Non só se recorrerá aos textos senón ás propias dramatizacións do grupo.
As dúas últimas sesións centraranse na posta en común dos elementos traballados, así como na presentación de xéneros escasamente desenvolvidos dentro da literatura infantil e xuvenil galega como pode ser o ensaio.
Cinco sesións serán impartidas por María Reimóndez e cinco por Eli Ríos, mentres que a primeira e a última contarán coa presenza das dúas.
Compostela: Peche do obradoiro de dramaturxia a cargo de Roi Vidal. Disme o corpo. Douche a voz
Este
sábado 11 de febreiro, ás 12:30 horas, no Centro Sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo (Santiago de Compostela) vai haber un acto de lecturas dramatizadas de textos teatrais feitos no obradoiro de dramaturxia impartido polo dramaturgo Roi Vidal neste Centro Sociocultural durante o último trimestre do ano 2016.
Con este acto que se achega ao teatro lido, novas autoras e autores ofreceran unha lectura dramatizada dalgún dos seus textos, que foron elaborados a partir da formación do obradoiro de dramaturxia organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.
Unha ocasión para achegarse ao teatro da man das súas autoras e autores. A partir de aquí ábrense novos camiños para que as obras sexan levadas a escena, modificadas e realizadas a través da súa representación no teatro.
Compostela: Literaria. Curso de escrita creativa, por Apiario
Vigo: curso de escritura creativa para adultos Obradoiro literario Aliteraclara, por Clara do Roxo, desde o 2 de febreiro
Compostela: obradoiro de poesía dirixido por Eduardo Estévez
A Coruña: obradoiro 18 lugares do mundo para acender os sentidos, impartido por Lois Diéguez
O obradoiro 18 lugares do mundo para acender os sentidos, impartido por Lois Diéguez, consiste en catro sesións sobre viaxes, que terán lugar en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, os días 18 e 24 de xaneiro, e 1 e 8 de febreiro, a partir das 20:00 horas. A actividade é de entrada libre e sen preinscrición.
O contido é o seguinte:
– Viaxar aos mundos da emoción para acender os sentidos: 4 obradoiros con 18 lugares elixidos + unha despedida: Galiza.
– 4 sesións de hora e quince minutos cada unha, coa participación d@s asistentes.
– No 1º obradoiro repartirase unha carpeta para ir gardando as 5 fotos de cada sesión.
– En cada foto haberá un espazo para que cada participante escriba unha palabra ou frase sobre o lugar tratado, de xeito que ao final da sesión poidamos comentar os distintos sentires.
– Nas sesións haberá imaxes, vídeos, música, extractos orais ou cinematográficos que axuden á vivencia das emocións e á comunicación entre @s asistentes.
– A última sesión dedicarémola a Galiza como despedida do obradoiro e conclusións das distintas sesións.
– Posteriormente ao ciclo e durante o ano 2017, faranse 2 viaxes: unha por Galiza, e outra a un país do estranxeiro e ao lugar que fose elixido por quen asistisen ás 4 sesións do ciclo.
Lapis, cámaras… acción!, por Celia Parra
Desde
(Abro paréntese…, blog de Celia Parra:
“O pasado mes de novembro, gracias ó convite da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e coa colaboración do Concello da Coruña, impartín un obradoiro de iniciación á videopoesía no Centro Ágora.
Baixo o lema Lapis, cámaras… acción!, puxémonos mans á obra para descubrir, facer e compartir videopoesía. O obxectivo do obradoiro foi proporcionar ferramentas e técnicas para fomentar a creación de videopoemas. Tentamos que cada asistente, logo de aprender sobre o xénero e os seus procesos creativos, crease o seu propio videopoema como produto final do obradoiro.
Lonxe de aspirar á perfección técnica, animouse a empregar as ferramentas ao dispor de cadaquén (teléfono móbil, programas de edición gratuítos, mesmo fotografías libres de dereitos) e a concentrar o aprendido nun exercicio sinxelo e acotado. O importante era ter unha primeira toma de contacto coa videopoesía e os seus procesos, que valese para practicar ou trasladar o aprendido con maior profundidade posteriormente.
Non podo estar máis contenta coa acollida, a curiosidade, os debates, o traballo e os resultados. Saíron do forno videopoemas fantásticos que superaron toda expectativa. E para mostra, un botón. Ou dous: O verbo, de Clara Vidal, e Pegada, de Paulo Fernández.
Graciñas a todas e todos!”
(Fotografía de Mercedes Queixas)







