
Arquivo da categoría: Poesía
Samuel L. París: “A influencia da música está presente sempre”
Entrevista de Inés Pena Franco a Samuel L. París en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Os seus inicios no mundo escritor remóntanse a xa hai preto de 20 anos e sempre cunha obra que non deixa de sorprender, pero, quen dirías que é hoxe Samuel L. París? Como se definiría artisticamente?
– Samuel L. París (SP): Pois así como cando empecei era moito máis referencial e trataba de tirar abaixo certas cousas, pois estaba no fondo da aula da creación da literatura soltando chanzas e sinalando cousas que non me gustaban; a día de hoxe estou máis no labor de crear. De conformar as cousas desde un punto de vista máis positivo para poder facer o que aínda non está feito. Igual a evolución na que estou agora mesmo é esa: construír no canto de deconstruír.
Artisticamente definiríame como unha persoa que intenta divertirse en todo o que fai, que trata de estar conectado cos proxectos. Tampouco me insiro nunha cousa en concreto, ao final fixen música, diferentes literaturas… Creativamente a cabeza vaime levando por diferentes sitios que me gusta probar, nuns asento e noutros saio correndo, mais sempre trato de probalos todos. Gústame moito xogar cos formatos, entendelos, experimentar…. Así que si, ese probar cousas novas xunto co humor posibelmente sexa o que máis e mellor me defina.
– ND: Aparentemente xa o título da súa última peza poética, O tenro é o salvaxe, é moi potente, como nace esa tensión antonímica de enfrontar “tenro” e “salvaxe”?
– SP: Pois un pouco do que somos a naturalidade de cada un de nós. Polo menos desde o meu lado, xa no mesmo día a día e mesmo en horas conviven esa parte máis tenra e vulnerábel que agochamos baixo a tona con esa parte máis salvaxe que pretende saír. Ao final a vida está cargada de moitos tenros e salvaxes, e precisamente é iso, para nada as vexo como opostas ou á marxe, senón bastante identificadas. (…)”
A Coruña: presentación de O conto da leiteira, de Vicente Vázquez Vidal
Vigo: presentación de Himno nacional, de Miguel Cavadas
Ourense: presentación de Baobab, de Moncho Iglesias Míguez
O Porriño: presentación de Manual de camuflaxe, de Samuel Merino
A Coruña: encontro poético con Patrícia Cacau
A Coruña: Roteiro Literatura e música: Banda Sonora da Pescaría, con Alberto Pombo, o domingo 21 de setembro
O Roteiro Literatura e música: Banda Sonora da Pescaría é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
Alberto Pombo, escritor, profesor e músico, propón un camiño pola memoria da Pescaría, entre o salitre e a pedra. Un paseo onde a música e a palabra se entrelazan coas rúas vellas, descubrindo os fitos que fixeron da cidade un epicentro do rexurdir literario nacional e da conciencia cultural dun pobo.
Terá lugar o o domingo 21 de setembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será a Praza de San Nicolás. Non é necesaria inscrición previa.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.







