Luz Pozo Garza, Filla predilecta de Ribadeo

Desde o Concello de Ribadeo:
“O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán no Concello ás 12 do mediodía. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe.
A edil declarou que “o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, é festa en Ribadeo. É festa porque se nomea filla predilecta a Luz Pozo Garza, cume na literatura galega contemporánea”.
Pilar Otero contou que “o acto terá lugar ás 12:00 no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo e contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas”.
A concelleira de Cultura anima “a toda a sociedade ribadense a celebrar e homenaxear a unha das voces máis destacadas da nosa poesía”. (…)
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.”

Tabela dos libros. Xaneiro de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros do 2020, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

A Coruña: recital de Luís Valle e Jean Portante no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luís Valle e o poeta luxemburgués Jean Portante. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos xaneiro 2020.