

“Good-bye, Galicia é o título co que Mario Regueira reúne para Chan da Pólvora a poesía galega e os ensaios de Euxenio Montes, un dos primeiros escritores vangardistas da literatura galega e, tamén, unha das figuras máis controvertidas da historia do século XX, período no que pasou de admirado activista no galeguismo a impulsor da Falange española. A edición de Regueira preséntase o vindeiro mércores 22 de xullo na libraría Couceiro de Compostela (Praza de Cervantes, 6), a partir das 19:00 h. O volume forma parte dun proxecto de Chan da Pólvora para revisar as vangardas de primeiros do século XX en Galicia.
Entre 1919, data na que publica os seus primeiros poemas en A Nosa Terra e o ano 1930, cando sofre o rexeitamento explícito doutros autores novos, Euxenio Montes foi un participante activo da cultura galega, tanto como creador ou como xornalista, con presenza relevante no debate político e estético da Galiza dos anos 20. Datos significativos da súa traxectoria posterior son a súa candidatura nos socialistas ás eleccións de 1931 e, principalmente, a súa participación na fundación da Falange en 1933.
A edición que agora se presenta en Chan da Pólvora, a cargo de Mario Regueira, céntrase na súa produción poética e nas participacións en cuestións estéticas. No volume, por tanto, está por vez primeira a poesía reunida de Montes e os seus ensaios galegos. A proposta forma parte dun proxecto máis amplo da editorial para ofrecer unha panorámica do momento –primeiros anos vinte do século XX– no que en Galicia se intentou crear un novo suxeito cultural cun discurso literario alternativo. (…)”

Entrevista de María Solar a Tamara Andrés na Televisión de Galicia:
“Resultado dunha investigación persoal, que reconstrúe a memoria dunha poeta. Matilde Lloria naceu en Almansa, Albacete, en 1912; escribiu en galego, valenciano e castelán. A entrevista pode verse aquí.”
Desde Cultura Galega:
“Segundo explica Manuel Ferreiro, catedrático que coordina o proxecto, este “comezou en 2010 coa elaboración dun glosario exhaustivo que ao longo de seis anos obrigou a revisar moitos textos, manuscritos e edicións previas” con vistas a contar cun rexistro sistemático das palabras empregadas nestas composicións e os seus significados. Neste proceso comprobouse como existían moitos erros de transcrición e interpretación nas edicións existentes deste material, todas elas desenvolvidas fóra do noso país. “Ao acabalo vimos como inevitable abordar a edición crítica e repousada das nosas cantigas. Había a necesidade de lermos e interpretarmos eses textos desde Galicia”, asegura. Para este investigador, este conxunto “é a nosa primeira obra literaria, case se pode considerar como fundacional da nosa literatura, e ata o momento fora traballada sobre todo por investigadores italianos e portugueses. A nivel internacional Galicia é coñecida por Santiago e polas cantigas, cando menos en ámbitos culturais. En Italia continúan a traballar sobre elas, fanse teses e edicións dos nosos trobadores” explica a incidir no peso internacional destes fondos.
Unha complexa base de datos que permite desenvolver o traballo de anotar e ligar contidos vencellados ás cantigas e, ao tempo, facilitar a súa consulta, presentouse como unha das primeiras tarefas a desenvolver. Esta ferramenta permite a día de hoxe que os contidos do proxecto estean dispoñibles en aberto para a súa consulta vía web. “Pódese clicar cada palabra dos textos e consultala inmediatamente no glosario”, explica Ferreiro, ademais de consultar anotacións exhaustivas sobre as diferentes interpretacións e edicións existentes destes textos. Para alén do contido web, un primeiro volume impreso recolleu en 2025 a totalidade das cantigas de amor conservadas desta tradición, e neste 2026 viu a luz un segundo centrado nas de amigo. “Agora estamos embarcados na última fase do proxecto que son as de Escarnio e maldizer, e haberá un último volume dedicado a outros xéneros. No web temos xa unhas 1.500 cantigas do total aproximado de 1.670 que existen e agardamos ter o conxunto da lírica profana medieval completa dispoñible nuns meses” con todas estas funcionalidades. (…)”