O sábado 23 de novembro, ás 21:00 horas, terá lugar un recital de poesía na Casa de Mañas (Calvela, 1 – Vilamor) de Mondoñedo, coa participación de Lucía Novas, Xosé Iglesias, María José Fernández, Modesto Fraga Moure e José Estévez. A actividade inclúe unha cea no propio estabelecemento a base de produtos típicos da zona.
Arquivo da categoría: Poesía
Fontán, Sada: Serán 2013, con música, poesía e teatro
Ferrol: conferencia sobre Persoeiros de Galicia e recital poético
O sábado 23 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, e con entrada de balde, terá lugar unha conferencia sobre Rosalía de Castro a cargo de Jesús Matesanz, seguida dun recital de poesía galega, por Xaime Marí (actor), con este programa:
– A Galicia, de Francisco Añón.
– O maio, A Rosalía e Cantiga, de Manuel Curros Enríquez.
– Dos celtas antigos, de Eduardo Pondal.
– Sobre o sol, de Ramón del Valle Inclán.
– Camiño longo e A rosa que sangra, de Ramón Cabanillas.
– O hórreo, Longa noite de pedra e A Castelao, de Celso Emilio Ferreiro.
– Negra sombra, Castellanos de Castilla e Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía de Castro.
– Himno galego, de Eduardo Pondal.
Compostela: presentación de Noite~Día, de Alfonso Láuzara
O xoves 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Noite~Día, de Alfonso Láuzara, publicado pola Porta verde do sétimo andar. No acto, xunto ao autor, participa Rosa Enríquez.
Un libro recolle a obra poética de López Abente, “a alma de Muxía”
Desde La Voz de Galicia:
“«Imos empezar cun poema de López Abente, Muxía; este é un acto moi muxián». Isto dicía na noite do venres Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, na presentación do libro Poesía completa (Espiral Maior). O acto tivo lugar en Portas Ártabras, na Coruña, e Corcón apuntou que así como Luís Seoane dicía que «os galegos queremos coas nosas diferenzas enriquecer o mundo, os muxiáns queremos coas nosas diferenzas enriquecer Galicia». Para Corcón, todo o escrito neste volume «é a alma de Muxía», e lembrou como López Abente ingresou na Real Academia Galega en 1941 «cun discurso en galego sobre a obra de Pondal». Era algo moi pouco habitual que así se fixera, anotou antes de rematar cun poema sobre o monte Corpiño que «os nenos de Muxía o tiñamos como un himno».
Miguel Anxo Fernán Vello, editor deste libro de máis de 600 páxinas, recordou que foi Manuel María quen lle falou de López Abente e que fora precisamente o poeta da Terra Chá o que presentara a Antoloxía de López Abente publicada en 1995.
O editor salientou que a foto da portada do libro é de Ramón Caamaño Bentín, fotógrafo muxián, que «a obra do poeta é algo vivo, palpitante» e que tiña unha gran riqueza lingüística e «ese sabor a mar que recorre todos os seus libros». Para Fernán Vello, López Abente é «un clásico intemporal, con versos que son actuais, como se falara hoxe», sinalou antes de ler un poema que fala do corvo negro petando na alma. Era unha alusión, como xa antes fixera Corcón, á sentencia do Prestige e as manifestacións de Nunca Máis.
A fouce, un dos poemas de López Abente que pertence ao seu libro Escumas da ribeira, foi recitado, de memoria, por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e quen relatou aos asistentes como aprendera de neno os versos dese libro, axudado pola súa nai, e por iso, «cando non había galego na escola», el lía e falaba en galego. Evocou como aquel libro foi o que lle descubriu a poesía e concluíu: «Gonzalo López Abente, para min, é o primeiro poeta; despois viñeron outros».
Miro Villar, autor da recolleita da obra de López Abente, dixo que foi «unha honra chegar a este punto, poder xuntar a súa poesía completa», e confesou que cando descubriu a súa lírica sentiuse deslumbrado. Apuntou que a tarefa non foi fácil, xa que o poeta empezou a escribir con só 21 anos, pero en ducias de revistas e xornais, sobre todo da emigración, de Bos Aires. Villar lembrou que Vicente Risco cualificaba a López Abente de clásico, e o chamaba «o poeta do mar», aínda que «non no mesmo sentido que Manuel Antonio».”
Madrid: presentación de Cantares gallegos, hoxe, de Pilar García Negro
Lugo: presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure
Maside: nomeamento de Víctor Campio como Socio de honra 2013 do Foro de Estudos das Terras de Maside
Bueu: presentación de Noite~Día, de Alfonso Láuzara
A Coruña: presentación de Ningún precipicio, de Olalla Cociña
A sexta feira 15 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase Ningún precipicio, de Olalla Cociña, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto á autora, participan Iago Martínez e Dores Tembrás.