Xavier Seoane: “Este libro provócame melancolía, lémbrame aos que xa non están”

Entrevista a Xavier Seoane en La Voz de Galicia:
“A de Xavier Seoane é unha vida dedicada á cultura galega. Desde os seus inicios defendeu con vehemencia e elaboradas razóns as creacións dunha terra que alumeou nomes notables en case todas as disciplinas artísticas. Plumas e pinceis e voces e ciceis. Tras estes corenta anos de reflexións e conversas cos seus coetáneos, publica o ecléctico volume A árbore desvelada (colección Tambo, Kalandraka Editora), que presentou o mércores 12 de marzo nun encontro celebrado na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.
«É un libro que se fraguou ao longo de moito tempo. De homenaxes e vivencias. Nel está retratada moita xente que eu coñecín en todos os ámbitos da arte», explica o autor. Pero non só de profundas interlocucións está composta esta obra. Dialogan nas súas páxinas diferentes estilos e formas de abordar a realidade. Mesmo diferentes xéneros. «Hai un apartado dedicado ás viaxes que fixen en coche por toda Europa; outro sobre figuras relevantes non galegas; e, por último, unha recompilación de poesías de diversa temática que tocan desde a traxedia de Gaza ata a loita feminista ou o episodio do Prestige», resume Xavier Seoane (A Coruña, 1954).
As personalidades que desfilan por este traballo son, en boa medida, os sospeitosos habituais da arte galaica. Por todas elas expresa Seoane nos seus versos infinita gratitude e agarimo. Por exemplo, Maruxa Seoane, viúva do pintor Luis Seoane, xunto á que tantas batallas culturais librou noutro tempo.
«Só ler o índice do libro provócame un sentimento de melancolía, porque me fai darme conta de todos os que saen que xa non están entre nós». Amoréanselle os recordos compartidos. As loitas comúns. Incluso os sempre civilizados desacordos. O respecto era a base de todas estas relacións sinérxicas. «Sempre tiven unha posición moi positiva e empática con todos os creadores. Cada un é fillo de seu pai, pero esas diferenzas que había eran estimulantes e marabillosas. Todos tiñamos consideración para as respectivas visións dos outros. O extraordinario daquela realidade era a súa inmensa riqueza. Cada un co seu mundo persoal e específico», evoca. (…)”

María Álvarez Landesa: “Tentamos reter a infancia como un espazo seguro ante unha persoa que vai marchando”

Entrevista de Pilar G. Rego a María Álvarez Landesa no Zig-zag da Televisión de Galicia:
Lambiamos polo de limón. De limón, de limón. E rompían a cantar os grilos co frío que nos queimaba na lingua. Son versos de María Álvarez Landesa. Hoxe, Día da Poesía visítanos aquí no plató co seu último poemario: Os pozos elegantes das clavículas, editado por Alvarellos.
A música ou olor, un arrecendo a limón, a Nivea, a amorodos, a fentanilo, a crema de mans, ou olor dunha nai “que habita aínda na bata fucsia que adoitaba poñer”. Foi nese momento, con esa bata de súa nai, Carmen, nas mans, cando María Álvarez Landesa soubo que tiña que escribir este libro, afondando no proceso de perda dunha nai.
A entrevista pode verse aquí.”

A Coruña: presentación de Cantos de dor e liberdade en Portas Ártabras

Pilar García Rego: “Unha amiga díxome: ‘Nos teus libros falas de min’”

Entrevista de Samuel Pernas a Pilar García Rego en Faro de Vigo:
(…) – Faro de Vigo (FV): Desaparecer é un título moi suxestivo. A que fai referencia esta desaparición?
– Pilar García Rego (PGR): O libro fala da desaparición como un proceso de crise vital. Chega un momento no que o corpo e a mente piden desaparecer, pero tamén é un proceso de loita e de recuperación. Se un se fixa, o título ten dúas intensidades diferentes. Fala dunha caída, pero tamén dunha reaparición. Non é un libro de autoaxuda, pero si fala dese proceso de superación.
– FV: Como naceu este proxecto? Foi traballado ao longo dos anos ou escribiuno nun período concreto?
– PGR: Escribino cando xa estaba saíndo dunha depresión. Durante esa etapa quería escribir, pero non era capaz. No libro aparecen fragmentos marcados como «audios», que eran notas de voz que gravaba no móbil e que logo borrei porque eran moi duras. A obra ten unha estrutura de diario porque está baseada nesas notas, nun intento de recuperar a miña propia voz.
– FV: Ademais de este chamado proceso de recuperación, que outros temas aborda?
– PGR: Cando pasas por unha crise así, inevitablemente reflexionas sobre moitas cousas: o sentido da vida, a morte, a identidade, a dor. O libro está dedicado á miña nai e ás persoas que a rodeaban. Pero tamén é unha homenaxe a todas esas mulleres que, ao longo da historia, tiveron que ocultar a súa dor e a súa culpa, porque non o puideron expresar, pero que estaba aí. Creo que a culpa é un sentimento moi feminino, moi ligado ao papel que tradicionalmente tiveron as mulleres ao longo da historia. (…)”