Ferrol: presentación de Dez anos de poesía nas Pontes

O venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro titulado Dez anos de poesía nas Pontes, publicado en Galebook. No acto participan Santi del Moral, Ofelia López, Gloria David, Mari Carmen Freire, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela, Eduardo Estévez e Medos Romero.

A Coruña: recital de Román Raña e Tal Nitzán no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 11 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Román Raña e a poeta hebrea Tal Nitzán. Máis información aquí: Poetas di(n)versos novembro 2013.

A Coruña: recepción como académico de honra de Arcadio López-Casanova

O sábado 9 de novembro, ás 12:00 horas, no salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña), terá lugar a recepción como académico de honra de Arcadio López-Casanova, quen dará lectura ao discurso de ingreso: A modernidade poética de Rosalía: unha interpretación, e a quen responderá en nome da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero.

Non Somos Nós: “Non hai moita diferenza entre ilustrar un poema cun bolígrafo ou cunha guitarra”

Entrevista de Ramón Blanco en Sermos Galiza:
“Hai un par de semanas botou a andar a Xira Xuntos e Revoltos, do dúo poético-musical Non Somos Nós, formado polo poeta Manuel L. Rodrigues e o músico Manuel Mariño Reino (entre eles chámanse Manuel e Manolo). O primeiro é membro do Colectivo Literario Sacou e responsábel de Acha Escrava Editora; recita versos do seu libro Antítese nativa. O segundo, antigo baixista da banda noiesa 7 LVVAS (unha das pioneiras do rock galego), pon guitarra, harmónica e voz. O resultado desta simbiose, hora e media de actuación, poderá comprobarse en diversos lugares do territorio galego (pode consultarse o calendario no seu blog). Falamos con eles poucas horas antes da segunda posta en escena, que tivo lugar en Noia, na antiga igrexa de Santa María a Nova. (…)
– Sermos Galiza: Como foron tecendo a combinación de poemas e cancións?
– Manuel Mariño: Digamos que foi Manuel quen se encargou de seleccionar os poemas afíns a cada canción, sen orde ningunha. O xeito de mesturalas coa música procuramos varialo para que non lle sexa monótono ao público (nin a nós, claro).
– Manuel L. Rodrigues: Si, e buscamos que teñan puntos temáticos comúns os poemas e as pezas musicais. (…)”

A Coruña: presentación de kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez

O xoves 7 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase o poemario kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez, publicado por Fabulatorio. No acto, xunto á autora, participan Cibrán Rico, Suso Vázquez e Yolanda Castaño.

Pontevedra: presentación de Raíz da fenda, de Berta Dávila

O xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29) de Pontevedra, preséntase Raíz da fenda, poemario de Berta Dávila, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, que fará un agasallo a cada un dos asistentes, participa Luca de las Heras.