A Coruña: obradoiro Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero

Todos os mércores, de 18:00 a 20:00 horas, a partir do 2 de febreiro, e até o mes de abril, na Librería Cascanueces (Rúa Cordonería, 10, baixo) da Coruña, terá lugar o obradoiro Todo nada poesía, dirixido por Antía Otero. Este obradoiro de creación literaria/artística trata de achegar aos participantes ao entramando poético dende unha visión actual e contemporánea. No proceso aportaranse chaves que axuden a escoitar e mirar dende o aquí e o agora da cotidianidade, do inmediato, do pequeno… facendo pé na grandeza do poético. Para matricularse e ter máis información, pódese chamar ao teléfono da Librería, 881887939, ou no correo eltallerdelcascanueces@zaerasilvar.es

Arteixo: recital poético-musical de Versus, coa participación de Óscar de Souto

O sábado 28 de xaneiro, a partir das 22:00 horas, no Café de Fábula (Rúa Uxío Carré, 17 -Praza do Balneario-) de Arteixo, terá lugar un recital poético musical, coa actuación en primicia de Versus, palabra e guitarra a cargo de Antón Borrazás e Miguel Queipo, e a colaboración, entre outros poetas, Óscar de Souto, que aproveitará para presentar poemas inéditos do seu último traballo literario Laios d´alma.

Vigo: presentación de Crac, de Gonzalo Hermo

O venres 27 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Crac, de Gonzalo Hermo, publicado por Barbantesa. No acto participarán Chus Pato, Oriana Méndez, Fran Cortegoso, Alicia Fernández (que recitará poemas do libro) e o propio autor.

Santiago: nova edición do Picaversos, con Pilar Pereira, Fantoches Baj e Chus Pato

O martes 24 de xaneiro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Loucura. A actriz Pilar Pereira, a compañía de monicreques Fantoches Baj  (co texto Acrobacia Acuática, baseado en textos de Chus Pato) e a poeta Xiana Arias son os protagonistas desta próxima sesión.

A Coruña: presentación de Bretemada, de Gonzalo López Abente

O venres 20 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, terá lugar a presentación do poemario inédito Bretemada, de Gonzalo López Abente,  publicado por Alvarellos editora. No acto, coorganizado pola Fundación Gonzalo López Abente, intervirán X. H. Rivadulla Corcón, Xosé Luís Axeitos, Olivia Rodríguez, Miro Villar e Henrique Alvarellos. Crónica posterior en La Voz de Galicia.

“Que é unha autora? Inquérito a Chus Pato”

Entrevista de Arturo Casas a Chus Pato no 2009, publicada agora en Poesía Galega:
“- Arturo Casas: Chus, en que medida e en que niveis consideras que a poesía que escribes está afectada polo feito de saberes que en distintos momentos terá unha formulación presencial, coa túa voz, o teu corpo, a túa situación diante dun público?
– Chus Pato: A resposta é inmediata e verdadeira: ningunha relación, porque unha e outra vez o acto de escribir é autodeterminado, comeza e remata en si mesmo e non garda afinidade máis que consigo mesmo. Dito isto, as matizacións, tamén verdadeiras, son longas.
Unha e outra vez, e van preto de vinte anos, leo os meus textos en público e en privado. Leo en privado cando preparo unha lectura para o público. Ensaio, por así dicilo. O que sucede é que da propia escritura agroma unha voz e uns movementos corporais que se axustan sen violencia e en harmonia ao texto; móvome, tanto se estou sentada coma se estou en pé, a voz é xeralmente moi lenta, respiro e escoito a respiración, escribo novamente o poema ao dicilo e trasládome ao(s) momento(s) de escritura, sinto un determinado pracer, estou a soas coa miña escritura e sei como debo dobrar o texto coa voz e co corpo.
Cousa moi diferente sucede cando leo en público. Ler en público causoume durante anos unha perturbación intensa, o único que eu desexaba era rematar canto antes, saír de alí, sentía unha vergonza difícil de explicar, tiña que ver con que non me sentía autorizada para ler (impor) ante un público o que eu escribía. Desconfiaba non dos textos, senón de min e —peor aínda— do propio público. Pensaba que seguramente estaban alí por razóns que nada tiñan que ver co que escribía, por razóns políticas por poñer un caso, isto naturalmente ten que ver con feito de pertencer eu a unha literatura de resistencia, feito que fai confusos os límites entre a defensa da lingua e da nación e a soberania do poema (a primeira lectura pública que eu realicei foi nun mitin contra a OTAN). Digamos que sempre sospeitaba que o público estaba alí por razóns extraliterarias. (…)”.