“A
Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado presenta o cartel e o programa da XXVII ediçom do Festival da Poesia, que se vai celebrar em Salvaterra de Minho os dias 30 e 31 de agosto. O cartaz, que simboliza o berro de Desobediência ao que se dedica o festival, vai-se apresentar nas ruas de Compostela este 25 de julho.
A organizaçom do festival está a desenvolver umha campanha de crowdfunding (micro doaçons) a través da plataforma Verkami para ajudar a financiar o XXVII Festival da Poesia. A campanha, que atravessa esta semana o seu ecuador, conta com o apoio de múltiples personalidades do mundo da cultura e as artes.
O berro de Desobediência nasce da indignaçom generalizada e do roubo constante ao que nos somete este sistema-farsa. Nasce do desejo de umha vida amável e digna. Por isso vai presidir esta ediçom do festival e servir de fio para os conteúdos da mesma. Estes apresentam-se num programa multidisciplinar que inclui poesia, música, actividades para nenos e nenas, cinema, pintura, desenho, artesanato e debates.
Este ano o recital estará protagonizado polas poetas Aurora Ceibe, Elvira Riveiro, Chus Pato, Celso F. Sanmartín, Nolim Gonzalez, Dores Tembrás, Alfonso Pexegueiro, Séchu Sende, Maria Rosendo, Mario Regueira, e polo brasileiro Márcio-André. Os seus textos serám os protagonistas da Antologia poética que, como cada ano, vai editar a SCD Condado.
Apresentados polo colectivo do Gran Compadre, os grupos que vam protagonizar a noite do sábado som a Banda Hospitaleira do Miño (o regresso do trio composto por Rómulo Sanjurjo, Uxía e Víctor Coyote), a Magnifique Band dos Homes sen Medo (treboada de ventos), Malandrómeda (as verbas incendiárias do Hevi junto com os ritmos acelerados de Caldeirada) e Sacha na Horta (para um fim de festa sem parar de dançar). A festa nom vai rematar aí, pois o festival remata com a pinchada Hevi vs. Caldeirada.
Na sexta-feira, e na única actividade de pagamento de todo o festival, Mónica de Nut vai protagonizar a Noite nas Minas. Já se podem adquirir as entradas contactando com a organizaçom do festival. Durante toda a jornada do sábado Salvaterra vai estar cheia de actividades que se podem consultar, polo miúdo, na página web.
Durante o mês que falta para o festval iram-se confirmando algúns detalhes. A SCD do Condado agradece a difusom desta informaçom.”
Arquivo da categoría: Poesía
Vigo: acto contra a megaminaría no Bou Eva
Cerdedo: acto homenaxe a Xosé Otero Espasandín, o 27 de xullo
Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente, o 20 de xullo
Vigo: recital con poesía e música de Elvira Riveiro e Carina Posse
Vilagarcía: edición XXVIII da Mesa das Verbas
Vigo: presentación de As uñas crecen, de Silvia Penas
Aparece unha primeira edición de Cantares Gallegos cun autógrafo, unha foto inédita de Rosalía e a resposta de Fernán Caballero
Desde
Sermos Galiza:
“O libro sae ao público desde un domicilio do seu propietario precisamente grazas á mostra aberta en Vigo. O propietario do exemplar visitou a exposición e decatouse da importancia do documento que tiña na casa, polo que se dirixiu ao presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, para estimar o seu valor. En poucas semanas, a Fundación Rosalía adquiriu o volume que está xa á vista pública na mostra de Vigo.
O volume descobre un texto descoñecido no que Fernán Caballero responde en carta datada o 25 de xaneiro de 1864 á dedicatoria de Rosalía de Castro. Anxo Angueira, no seu estudo dos distintos materiais, sinala como propietario orixinal do volume o escritor e amigo da infancia de Murguía, Ramón Segade, quen probablemente tería copiado a man o texto desde o seu orixinal, legando para a posteridade desta maneira un documento do que até o momento se descoñecía o seu contido.
A Fernán Caballero, pseudónimo da escritora Cecilia Böhl de Faber, Rosalía dedícalle os Cantares Gallegos e é agora, cando se cumpren 150 anos da súa publicación, cando se coñece a súa resposta. Segundo o texto manuscrito, con moita posibilidade polo escritor español Ramón Segade, Fernán Caballero chámalle á poeta “ruiseñor de Galicia” e, ao tempo que gaba a súa obra, chámalle a atención pola súa queixa polo trato que os españois dan aos galegos. Malia non se coñecer até agora esta “reprimenda” de Fernán Caballero, si se sabía da reacción de Rosalía, quen, en carta a Murguía sinala: “Fernán Caballero pórtase efectivamente como unha plebea, pero perdónollo”.
O exemplar inclúe unha imaxe descoñecida de Rosalía, da autoría de María Cardarelly, de quen xa se coñecía unha fotografía da autora. Este novo retrato tirado de perfil dunha Rosalía nova, con toda certeza na mesma sesión que o xa coñecido, incorpora unha nova imaxe ao pequeno álbum de fotos da autora máis relevante das nosas letras, o que fai aínda máis extraordinario o seu achado. A fotografía está datada arredor do ano 1863, no tempo da publicación do libro.
O extraordinario volume recolle aínda unha sorpresa máis, os únicos versos manuscritos pola propia Rosalía que se conservan de Cantares Gallegos, estampados no libro para agasallo do seu autor e asinados pola propia poeta. Pasa a facer parte o documento do tamén pequeno conxunto de autógrafos da poeta.
O exemplar cos distintos materiais que traía no seu interior incorporouse á mostra No principio foi o verso. Rosalía de Castro, aberta ao público na sede de Vigo da Fundación Barrié. Na páxina web da Fundación, alén de reproducións dos achados, pódese ler o estudo de Anxo Angueira sobre os materiais descubertos.”
Alba de Gloria no Pico Sacro 2013, o sábado 20 de xullo
Desde
a Federación de Asociacións Culturais de Galiza, Galiza Cultura:
“Un ano máis como xesto de denuncia da estratexia de destrución cultural que estamos a sufrir diante da ofensiva españolizadora do actual goberno da Xunta e do Estado, a federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 20 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de Gloria, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura. O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura do Alba de Gloria. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata” (é preciso inscribirse previamente, antes do 18 de xullo, aquí.
Durante os estas actividades haberá actuacións poético-musicais coa colaboración especial de Mini e Mero.”





