A Coruña: conferencia Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, de Antonio Gamoneda, nos IV Encontros Cidade da Coruña, e entrega do Premio Escritor Galego Universal pola AELG (ás 12:30 h. comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso)

O venres CARTAZ IV ENCONTRO CIDADE DA CORUÑA29 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a última conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Antonio Gamoneda falará sobre Da natureza e a xeración do pensamento. Linguaxe poética, e a continuación ofrecerá unha lectura poética. A presentación do acto correrá a cargo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, contando tamén coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e da Concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo.
Gamoneda recollerá neste acto o galardón “Escritor Galego Universal“, despois dunha laudatio do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, quen indicou que o homenaxeado “é un home que fala da nosa lingua e da nosa poesía con fraternidade, valorizándoa, por ser, en palabras súas, a lingua galega palabra insurxente por ser necesaria para una realidade que queren sexa sometida, que está a ser minorizada en contra da vontade dos galegos e galegas. En Gamoneda, tan importante como a súa poesía son as súas reflexións sobra a xeración do pensamento poético. Un poeta que defende que a poesía non é literatura, que é una forma de coñecemento. E que na súa poesía fala desde o acto de rebeldía que supón en plena posguerra reivindicarse desde a humanidade dos paseados, da fame, do medo, dos desaparecidos, fálanos dos que negaban os libros da historia. El como poeta revelounos naquel tempo o terríbel segredo do que aconteceu.”
Nacido en Oviedo en 1931. A obra de Gamoneda esténdese desde o 1960 con Sublevación inmóvil até hoxe marcada por unha fonda pegada ética que gaña forza nun exemplo de coherencia e verdade poética. Premio Cervantes en 2006, reivindícase como pertencente á cultura da pobreza: o sufrimento social penetra na súa conciencia lingüística, conferíndolle unha linguaxe poética e semanticamente subversiva. Combina un poderoso dominio do idioma coa permanente actualidade do seu mundo poético nacida da asunción da propia historia persoal e colectiva. O recoñecemento europeo e americano revélase na tradución da súa obra a distintas linguas. Foi tamén Premio Raíña Sofía de Poesía Iberoamericana en 2006 e Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía en 1988.
O propio venres 29 de abril, ás 12:30 h., o autor comparecerá nunha rolda de prensa no Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez), co presidente da AELG, Cesáreo Sánchez.

Crónicas posteriores en Galicia Hoxe, Xornal e La Opinión.

Santiago: presentación de Rúa da Cancela e posterior recital poético

O venres 29 de abril, ás 21:00 h., no Pub Dado Dadá (Rúa Alfredo Brañas, 19) de Santiago de Compostela, preséntase Rúa da Cancela, obra gañadora do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, publicada pola A. C. Caldeirón. No acto desenvolverase un recital no que participarán algúns dos autores e autoras gañadores de edicións anteriores (Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, María Lado).

Gondomar: nova edición de A hostia en verso, recital de poesía e música

O sábado 30 de abril, ás 22:00 h., na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas) de Gondomar terá lugar unha nova edición do singular e itinerante enfrontamento de poetas A hostia en verso. Desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Lara do Ar, Elvira Riveiro, Eduardo Estévez e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: Poetas corruptos versus Poetas mafiosos!. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúo electrónico IgMig.

Fisterra: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez

O venres 29 de abril, a partir das 19:30 h., no Salón de Actos (Rúa Santa Catalina, 1) do Concello de Fisterra, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. No acto terá lugar un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.

Santiago: presentación de A fecha azul do teixo, de Eva Veiga

O xoves 28 de abril, a partir das 19:30 h., na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Teresa Seara, finalizando cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).

Baiona: presentación de As portas ausentes, de Caino Vasconcellos

O xoves 28 de abril, ás 20:30 horas, na Capitanía Marítima de Baiona (Rúa/ Elduayen, 20) terá lugar a presentación do libro de poemas do pintor baionés Caino Vasconcellos, As portas ausentes, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirán, ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o mozo poeta Anxo Ratel ademais de varios veciños e veciñas de Baiona que recitaran textos do libro.

Vilaboa (Culleredo): I debate sobre Estado e retos da poesía na sociedade actual

O mércores 27 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Uxío Novoneyra de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar o I debate sobre o Estado e retos da poesía na sociedade actual, moderado por Miguel Anxo Fernán-Vello, coa participación de Ánxeles Penas, Xavier Seoane, Dores Tembrás e Xulio L. Valcárcel.