Gondomar: nova edición de A hostia en verso, recital de poesía e música

O sábado 30 de abril, ás 22:00 h., na Casa da Lectura (Nogueira, 8, Donas) de Gondomar terá lugar unha nova edición do singular e itinerante enfrontamento de poetas A hostia en verso. Desta volta concorrerán aos comicios poéticos Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Lara do Ar, Elvira Riveiro, Eduardo Estévez e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: Poetas corruptos versus Poetas mafiosos!. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical do dúo electrónico IgMig.

Fisterra: presentación de Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez

O venres 29 de abril, a partir das 19:30 h., no Salón de Actos (Rúa Santa Catalina, 1) do Concello de Fisterra, preséntase o libro Noites, amenceres… e algo máis, de Asun Estévez, publicado en Ir Indo. No acto terá lugar un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz.

Santiago: presentación de A fecha azul do teixo, de Eva Veiga

O xoves 28 de abril, a partir das 19:30 h., na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Teresa Seara, finalizando cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).

Baiona: presentación de As portas ausentes, de Caino Vasconcellos

O xoves 28 de abril, ás 20:30 horas, na Capitanía Marítima de Baiona (Rúa/ Elduayen, 20) terá lugar a presentación do libro de poemas do pintor baionés Caino Vasconcellos, As portas ausentes, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirán, ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o mozo poeta Anxo Ratel ademais de varios veciños e veciñas de Baiona que recitaran textos do libro.

Vilaboa (Culleredo): I debate sobre Estado e retos da poesía na sociedade actual

O mércores 27 de abril, ás 20:00 horas, na Biblioteca Uxío Novoneyra de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar o I debate sobre o Estado e retos da poesía na sociedade actual, moderado por Miguel Anxo Fernán-Vello, coa participación de Ánxeles Penas, Xavier Seoane, Dores Tembrás e Xulio L. Valcárcel.

Santiago: presentación de Flores da Galvana, de Iria Fernández Crespo

O luns 18 de abril, ás 12:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela preséntase o poemario Flores da Galvana, de Iria Fernández Crespo, publicado en Espiral Maior. No acto participan, ademais da autora, Ramón Chao e Miguel Anxo Fernán Vello. Crónica posterior en Xornal.

Ferrol: presentación de A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

O venres 15 de abril, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Nicolás Vidal, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).