Vídeo da intervención de Rafa Yáñez en Poesía en galego desde Madrid

Desde o blogue Galego en Madrid:
“Rafa Yáñez Jato, un poeta novo da Terra Chá que vive en Madrid, visitounos o día 13 de decembro. Podedes ler aquí a intervención de Rafa Yáñez, os seus poemas, e lembrar o encontro tamén con estes vídeos:”

Arteixo: coloquio sobre o Colectivo Literario Sacou e recital poético

O luns 18 de febreiro, as 21:00 horas, na Libraría A lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, terá lugar un coloquio sobre o Colectivo Literario Sacou coa participación de Ramón Blanco, Anxo Otero e Manuel L. Rodrigues, onde falarán sobre os seus proxectos individuais e colectivos. O acto finalizará cun recital poético.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VIII)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

– Sábado á noite: CPR plurilingüe Montesol, Vigo.
– -Compadre, desque un vai vello: CEIP plurilingüe San Marcos, Abegondo.
– Prólogo: IES Illa de San Simón, Redondela.
– Nasín cando as prantas nasen: CEIP Alexandre Bóveda, Chapela-Redondela.
– -Cantan os galos pra o día: CPI da Cañiza.

Vigo: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

O sábado 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Carnia Haikai, de Elvira Riveiro, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto á autora, participan Silvia Penas, Héitor Picallo e a DJ alemá Carina Posse, no que será un acto que combine a reflexión sobre os textos, o discurso arredor da xénese das ilustracións que acompañan os poemas, o recitado, a música e o vídeo.