Arquivo da categoría: Poesía
Vilaboa, Culleredo: presentación do libro Mazás vermellas
O mércores 26 de xaneiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro Mazás vermellas, editado por Espiral Maior e a Concellaría de Cultura de Culleredo, froito do II Taller de Poesía dirixido en 2010 por Miguel Anxo Fernán-Vello. No acto, que contará coa participación de Celestino Poza e o director do Taller, haberá un recital dos poemas recollidos na publicación, acompañado do Dúo de Guitarra e Voz do Conservatorio de Música de Culleredo.
A Coruña: Marinhas del Valle e a lusofonia na sua obra poética, conferencia de António Gil Hernández
O martes 25 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, e con entrada libre, o ensaísta e profesor António Gil Hernández falará, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación da A. C. O Facho, sobre Marinhas del Valle e a lusofonia na sua obra poética.
Sober: presentación de Petroglifa. Poemas a Sober, de Xosé Lois García
O sábado 22 de xaneiro, a partir das 19:00 h., na Casa da Cultura (Praza do Concello, s/n.) de Sober, terá lugar a presentación do poemario de Xosé Lois García Petroglifia. Poemas a Sober, publicado en Toxosoutos. Vía Fervenzas Literarias.
“Mariñeiros de versos”
Ferrol: presentación de Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo
O mércores 19 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, preséntase o libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, intervirán Francisco Pillado e Francisco Rodríguez.
Vilagarcía de Arousa: I Encontro poético A mesa das verbas
Yolanda Castaño: “Entre a perda e a resistencia”, sobre Farruco Sesto
Entrevista a Yolanda Castaño en Galicia Hoxe sobre Farruco Sesto:
“- Galicia Hoxe: O máis complexo foi dar con esta obra tan dispersa, xa que a maioría dos seus libros saíron en Venezuela e chegaron a Galicia de xeito clandestino en plena ditadura, non?
– Yolanda Castaño: Iso é ao que non tiñamos acceso as xeracións máis mozas. Porque iso está un pouco perdido. Hai xente que conserva na súa casa edicións non venais. Farruco emigrou a Venezuela con 18 anos para facer alí os seus estudos de Arquitectura e deseguido entrou en contacto cos intelectuais galeguistas que vivían alí, como foi o caso de Celso Emilio Ferreiro. El sempre cultivou a súa conciencia galeguista, sempre se mantivo en contacto coa cultura galega e tamén cultivou unha literatura feita en galega. Escribiu os seus primeiros poemarios de mocidade que tirou do prelo dun xeito autoxestionado. El lembra que o propio Celso Emilio lle axudou a accionar a multicopista. Facíanse edicións non venais, moi limitadas aos amigos e distribuíanse aquí, por correo postal a destinatarios moi concretos. Aínda poida que haxa xente que conserve algún exemplar pero de acceso moi restrinxido. Houbo un libro que se perdeu a medias e do que só se conservan algúns textos na antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno. Houbo que aplicarlle tamén un proceso de corrección e actualización lingüística imperiosa. Aproveitando a ocasión, aínda que para moitos é un autor seguido e admirado, a pesar da distancia, tamén para moitos mozos e mozas é un descoñecido. Por iso fixemos un pequeno estudo introdutorio sobre o autor. Méndez Ferrín, amigo persoal do propio Farruco e compañeiro en moitos avatares, fixo o limiar. Tamén lle engadimos un glosario para facilitar a lectura.”
A Coruña: presentación de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás
O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase a obra Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás, publicada en Espiral Maior, e que compendia os nove poemarios individuais escritos en galego até o de agora polo autor vigués. No acto intervirán, ademáis do propio autor chegado expresamente de Venezuela, o Presidente da Real Academia Galega e prologuista do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño como responsable da edición e César Portela, colega de profesión do arquitecto e escritor. Crónica posterior en Xornal e La Opinión, e entrevista en La Voz de Galicia, con outra posterior en La Opinión.
A Coruña: presentación do libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo
O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), na Coruña, terá lugar a presentación do libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, intervirán Felipe Senén e Francisco Pillado.