Entrevista
a Rosa Enríquez en La Voz de Galicia:
‘Rosa Enríquez Noya (Rúa, 1969) presentou onte na Libraría Couceiro de Santiago seu derradeiro traballo literario, Desobediencia, un libro de poemas que fala sobre todo da necesidade de romper as imposturas da palabra e pasar a acción. Para ela, “a desobediencia é un acto ético” e as verbas “ás veces se reducen a exercicios sintácticos e logo non son certos”. Esta escritora galega, licenciada en Hispánicas e profesora de francés no instituto Macías o namorado de Padrón, é un ariete contra todos aqueles que falan por falar. Que finxen comportamentos que logo non cumpren. É contra eses círculos pechados e baleiros de frescura, contra eses ámbitos de grupos impermeables onde non transitan as ideas, contra os que Enríquez desobedece en forma de poema. Desobediencia, editado por A porta verde do sétimo andar, consta de catro partes a modo de capítulos e ten versos en galego, en castelán e máis en francés.’
Arquivo da categoría: Poesía
Vigo: presentación de O enigma do segredo, de María do Carme Kruckenberg
O
venres 30 de setembro, ás 20:00 horas, no Museo Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, preséntase o último poemario de María do Carme Kruckenberg, O enigma do segredo, publicado en Barbantesa. No acto estará acompañada por Marta Dacosta.
Santiago: presentación de Desobediencia, de Rosa Enríquez
O
xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, editado por A Porta Verde do Sétimo Andar, como o número 4 dos Q de Vian Cadernos. No acto estarán presentes, acompañando á autora, Anxo Angueira, Begonha Caamanho e Alberte Momán.
Lugo: presentación da revista oral O pazo das musas
O
xoves 29 de setembro, a partir das 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), presentación do número 27 da revista oral O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo). O sumario é o seguinte:
– Portada musical: Cada vez que considero (trad., arranxo de Fernando G. Jácome), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936: Maruxa Mallo no mar do exilio, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Vals dos Ribas de Miño (trad.), por Tundal (3 minutos).
– A obra de Maruxa Mallo no Museo Provincial de Lugo: por María Quiroga Figueroa (10 minutos).
– Música: Por ir de noite/ Vals de Brea (trad., arranxo de Xan Fuertes), por Tundal (3 minutos).
– Poesía: Lenzos de emocións, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Música: Romance (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936: O desgarro da represión: Mercedes Núñez e Syra Alonso, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Pasei pola túa porta (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Exposición virtual: De unha obra abandonada, por María José Santiso (10 minutos).
– Música: Pandeirada de Viveiro (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936:Modernas e de vangarda: Mª Luz Morales, Amparo Alvajar e María Casares, por Carme Vidal (10 minutos).
– Poesía: Chaira, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Opinión: Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo: por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical: Maneo de Fontela (trad.), por Tundal (3 minutos).
Vigo: nova edición de A hostia en verso, Neofalantes VS. Paleofalantes
O
xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na A. C. Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Fóra, 11), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. O día internacional da tradución inspirou esta pelexa, que enfrontará a Neofalantes VS. Paleofalantes. Os poetas-púxiles que participarán nesta intensa velada son: Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Neves Soutelo, Nolim González, Eduardo Estévez e Ledicia Costas, presentados por María Lado e Lucía Aldao. Todo isto estará amenizado por O Leo i Arremecághona!
Vigo: presentación de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Moreno Díaz
O
martes 27 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo, preséntanse unha edición facsimilar de Soma de craridades, de Álvaro Cunqueiro, e Unha carta a Luís Seoane, de Santiago Montero Díaz, publicados polo Centro Ramón Piñeiro. No acto estarán presentes Anxo Lorenzo, Francisco López e César Cunqueiro.
Lugo: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias
Crónica
de Santiago Jaureguizar en El Progreso:
“Un profesor de Dereito compostelán tiña sona de que corrixía trazando unha liña no chan e lanzando os centos de exames ao aire para que o azar decidise entre aprobados e suspensos. Mero, a metade de Mini e Mero, entregou a un azar máis controlado os 2.000 poemas que escribiu nos tres últimos anos. Imprimiunos, repartiuno o paquete en dous e confiou unha metade a Mini e outra a Alfonso Sanmartín para que cada quen escollese un cento. O resultado desa escolma é No papel que mudo escoita, o poemario que presentou onte na galería Sargadelos de Lugo e que foi editado pola Irmandade Manuel María. Mero sinalou que o lugar para a presentación non era aletorio, “pois está na rúa do Progreso, que foi a onde chegamos dende Vilalba e onde botei a infancia”. Ese Lugo de cando era neno e a figura do seu pai son os dous temas maiores do libro. O autor establece o rueiro que trazan os versos coas as rúas Nóreas ou San Pedro. Mesmo bromea destacando que “teño mesmo un poema dedicado ao carteiro que me traía as cartas da muller cando eramos mozos”. A cidade ten presenza importante no texto, aínda que logo recoñece que “sempre me tirou a natureza, polo que, cando podía, escapaba a Garabolos ou á Fervenza, que aínda eran campo”. Tamén fuxía máis aló, ata Duarría ou mesmo a Vilalba. Outro medio de fugarse era a música, que seu pai sempre fomentou, tanto porque era grande afeccionado como “porque dicía que axudaba a liberar as tensións”. No papel que mudo escoita tamén serviu a Mero para rebaixar a tensión porque a creación do libro avanzou paralelamente á enfermidade e pasamento do pai.”
Galicia Classics homenaxea a Álvaro Cunqueiro
“O
ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.
Vigo: presentación de Pegadas, de A porta verde do sétimo andar
O
sábado 24 de setembro, ás 21:00 horas, en A Cova dos Ratos (Rúa do Romil, 2), de Vigo, terá lugar a presentación de Pegadas, libro colectivo de 37 autores/as de Galiza e Portugal, que constitúe o número 2 dos Cadernos Q de Vián, publicados por A porta verde do sétimo andar.
‘Mil e un Cunqueiros‘
Artigo
de Daniel Salgado en El País (Galicia):
“Na nota ao pé dos Cantos de Hastings, catro poemas redactados nunha visita ás paraxes do sur de Inglaterra, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) esquematizaba unha poética minúscula: “Aquí van algús, en versión ben provisional; son poesía de ocasión, pero toda poesía é de ocasión”. Era a voz do escritor en 1966, cando triunfaba coas súas propostas narrativas en galego e en castelán pero os seus poemas non atinxían repercusión equivalente. E con todo, aproveitaban calquera ocasión e inzaban as páxinas evanescentes de xornais e revistas de pequena difusión, pezas adoito ocultos tras o pano do pseudónimo. Esa etapa, rehabilitada inicialmente polo partisanismo de Méndez Ferrín na década dos setenta, é a que recolle Poesía 1933-1981. Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger encárganse dunha edición, impresa por Galaxia, que presenta en sociedade, entre outros materiais, medio cento de poemas espallados do mindoniense. (…)”