Cultura levará a Fráncfort edicións en inglés de Pereiro e Cunqueiro

“O mércores comeza a Feira do Libro de Fráncfort e Galicia estará presente a través do traballo de 19 das súas editoras. Ademais, a Xunta presentará a súa colección Galician Classics, e dará a coñecer dúas novidades recentes, como son as traducións ao inglés da poesía de Lois Pereiro, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, e de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, baixo o título de Folks from Here and There. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentará estas dúas novidades o vindeiro venres.” Vía La Voz de Galicia.
A relación de editoriais que forman parte do expositor institucional son: Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora. (Vía Galaxia).

Chegou xa ás librerías Bretemada, poemario inédito de Gonzalo López Abente

Chegou xa ás librarías Bretemada, un poemario inédito do escritor muxián Gonzalo López Abente publicado conxuntamente pola Fundación López Abente e a Editorial Alvarellos na Colección Rescate. O manuscrito orixinal do ano 1922, integrado por cen poemas, atopábase na Real Academia Galega, que permitiu a edición a cargo de Miro Villar con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín. Gonzalo López Abente, escritor e activista cultural a quen en 1971 se lle dedicou o Día das Letras Galegas, escribiu os poemas de Bretemada (unha metonimia de Galicia) entre os anos 1917 e 1922.

Santiago: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O martes 11 de outubro, ás 19:45 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participan Héitor Picallo, Uxío Novoneyra Rei e David González Couso.

Pontedeume: Homenaxe a Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro ás 12:30 horas

Con motivo do terceiro cabodano, o recordado Ramiro Fonte será homenaxeado o próximo domingo 9 de outubro, ás 12:30 horas, na praza das Angustias (en Pontedeume), onde viviu durante a súa infancia. Alí descubrirase unha placa e leranse algúns dos seus poemas por Euloxio Regueira, Cristina Fraga, Ainé Chao Valera e Xosé María Álvarez Cáccamo. Neste acto participará tamén a súa compañeira, Elsa Baluja.
A iniciativa pretende ser unha reivindicación popular do valor literario deste autor e nace coa intención de converterse nunha cita anual. “Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións”, indican os organizadores. “A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos vós, lectores. E como amigos de Ramiro, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza”, engaden. “Ramiro teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir intereses espurios”.
Este acto estará complementado por diversas actividades de divulgación da súa figura.

Salamanca: participación de Miro Villar no XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos

O mércores 5 de outubro, a partir das 19:30 horas, no marco do XIV Encuentro de Poetas Iberoamericanos que se celebrará na Sala da Palabra do Teatro Liceo de Salamanca, terá lugar un recital poético en homenaxe ao poeta arxentino Hugo Mujica, no que participarán, xunto a este autor, Miro Villar, acompañado por Milena Rodríguez (Cuba), Luis Arturo Guichard (México), Paulo de Tarso Correia de Melo (Brasil) e Jesús Losada (España).

Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez

O martes 4 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Incorruptibles, dará comezo o ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a abrir este ciclo de lecturas son Olga Novo, Martin Wu (The Homens) e Lupe Gómez, que agasallarán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. O dicionario di que incorruptible é algo que non se pode corromper, isto é, que non se bota a perder nin apodrece, e tamén que non pode ser subornado nin corrompido. A entrada custa 2 euros.

Vídeo do recital Sulxeitos música, que clausurou o VI Encontro de Escritoras/es Novas/os

Vídeo do recital Sulxeitos música, coa actuación de Andrea Nunes Brións, Berta Dávila e María Rosendo, que clausurou o VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro: