Noia: IV Encontro de Creadores no Barbanza

A Asociación Cultural Barbantia, a Colección Bourel e o Concello de Noia convídanvos á celebración do IV Encontro de Creadores no Barbanza, que terá lugar o xoves 30 de abril no Coliseo Noela de Noia ás 21:00 horas.

PROGRAMA

21:00 horas: Intervención de Antón Riveiro Coello, presidente da Asociación Cultural Barbantia, coa que abrirá o IV Encontro de Creadores no Barbanza.
21:05 horas: Intervención de Antonio Piñeiro, director da Colección Bourel, responsable da edición artesá d´As voces da Musa.
21:10 horas: Recital cos poemas que aparecen no libro As voces da Musa, froito do Encontro, cuxos autores son: Eva Veiga, Ana Romaní, Antonio Piñeiro, Xabier L. Marqués, Xesús Rábade Paredes, Íria Gestoso, María do Cebreiro, Anxo Angueira e Helena Villar Janeiro.

*Durante o recital, iranse intercalando as actuacións de Xosé Luís Miranda, PePe Romero e Sonia Lebedynski, coas súas respectivas aportacións musicais, elaboradas ex profeso para o Encontro.

22:00 horas: Inauguración da exposición dos gravados que forman parte do proxecto, realizados polos seguintes pintores vinculados coa comarca: Alfonso Costa, Xoán Fernández, Manuel Ayaso, Paola García, Nacho C. Beiro, Baldo Ramos, Julio Catalán, Fran Blanco Alcaide e Manolo Figueiras.
22:15 horas: Peche institucional a cargo do alcalde de Noia, Rafael García Guerrero.

Ponferrada: Igor Lugrís presenta poesía para Ver/poesía para Ler

O próximo venres 24 de Abril Igor Lugrís presenta a súa exposición poesia para Ver/poesia para Ler na Galeria DOSMILVACAS.arte de Ponferrada. Os cartaces e poemas que forman parte do proxecto xa foron exhibidos antes en Cabanas Raras, Salvaterra, Ponte Areas, Trasancos e Santiago de Compostela. A comezos de maio, e como complemento ao proxecto, Igor Lugrís organizará en Ponferrada un recital de poesía. O acto do venres é de entrada libre.

A Coruña e Vigo: presentación do novo libro de Alfonso Armada

O luns 20 de abril ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo presentarase o libro TSC. Diario da noite, de Alfonso Armada, nun acto que contará coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.

Ao día seguinte, martes 21 de abril, o libro vai ser presentado na Galería Sargadelos da Coruña (R/ Real, 56), coa presenza de Pilar García Negro e Yolanda Castaño. Será a partir das 20 horas. A entrada nos dous casos é libre.

A Constitución Europea en verso

Corenta poetas europeos, entre eles o galego Xavier Queipo, asumiron o esforzo de transformar a Constitución Europea nunha obra literaria. de todo o continente, entre eles un galego, embarcáronse no proxecto de transformar a Constitución Europea nunha obra literaria non exenta de ironía e espírito crítico. O proxecto preséntase mañá venres 27 en Bruxelas. Poden ler máis información neste enderezo.

Xira poética de Yolanda Castaño por España e Francia

A poeta santiaguesa-coruñesa inicia mañá toda unha xeira de citas literarias que a desprazarán pola xeografía de España e Francia ao longo do que resta do mes de marzo. Este venres día 6, Yolanda Castaño participará no IV Festival Internacional de Poesía de Lleida “Mahalta 2009”, ao longo dun programa que culminará no espectáculo poético conxunto que terá lugar no Auditori Enric Granados da cidade ás 21h dese día. Cunha presenza especial de autores e autoras dos Países Cataláns, o Festival Mahalta de Poesía enriquecerase coa presenza doutros poetas europeos estranxeiros, así coma do único convidado chegado da literatura en español, Antonio Cabrera, o autor de poesía en asturiano Antón García e a propia Yolanda, en galego.

A semana próxima Yolanda Castaño será tamén a única autora galega que tome parte no “IV Festival de la Palabra. VERSÁTIL.ES-09” en Valladolid, un evento anual vencellado á Universidade desta capital castelán-leonesa que se estenderá do día 10 ao 12. Obradoiros, presentacións de libros, mesas redondas, recitais e concertos terán lugar en Valladolid cunha atención especial aos aspectos máis prácticos da escrita, coa presenza de nomes coma os de Jordi Doce, María Eloy-García, Alberto Santamarina, Sofía Rhei ou Nacho Vegas.

Xusto a continuación, Yolanda participará no ciclo que dende o ano 1992 desenvolve a Aula de Poesía Díez-Canedo en Badaxoz cunha lectura individual de poemas propios para o público xeral e outra nun Centro de Ensino Secundario da cidade extremeña. Na seguinte semana cidade acudirá á cidade de Elche para tomar parte no I Festival de Poesía “Nosomostanraros” organizado polo Instituto Municipal de Cultura cun espectáculo poético multimedia que terá lugar o día 18 no Centro de Cultura Contemporánea l’Escorxador. Un despregue de videopoesía, performance, música, efectos de luz e son a cargo da poeta galega.

Rematará o mes en Francia cunha conferencia sobre poesía galega dos últimos anos na Universidade da Sorbona en París o día 27, que repetirá na Universidade de Rennes o 30 e o 31 en Lorient, citas organizadas polos lectorados de galego na capital francesa e na rexión bretoa.

Yolanda Castaño está a piques de ver publicada a edición bilingüe galego-castelán do seu último poemario,“Profundidade de Campo, que fora gañador do XV Premio de Poesía Espiral Maior e que verá agora a luz no selo madrileño de Visor para o resto de España e Latinoamérica.

A Coruña: recital poético de Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello

Hoxe martes 10 de febreiro no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (r/ Olmos, 16-18 – 1º, A Coruña) terá lugar unha nova sesión do ciclo de recitais poéticos A palabra na voz de quen a crea, coa participación de Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello. Será a partir das 20:30 e a entrada é de balde até completar aforo.

Ferrol: exposición Os veos da paisaxe

Entre o 6 e o 28 de febreiro a Galería Sargadelos de Ferrol exporá algunhas das fotografías de Eduardo Estévez que conforman o traballo Os veos da paisaxe. Na Galería compartirá espazo con Igor Lugrís, que amosará parte dos seus poemas visuais Poesía para ver Poesía para ler. A inauguración, que incluirá un recital poético, terá lugar o venres 6 de febreiro ás 20 horas. Unha semana despois, o venres 13, presentarán no mesmo escenario a primeira edición en papel d’Os veos da paisaxe, oitenta exemplares artesanais que conteñen, cada un, cinco fotografías orixinais (diferentes en cada exemplar), da mesma serie das que se expoñen.

O grupo poético De Amor e Desamor celebra os seus 25 años

«Durante este ano, os segundos martes de cada mes, a sede da asociación cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, acollerá un recital poético para celebrar os 25 anos do grupo De Amor e Desamor. Esta xeración xurdía na cidade coruñesa en 1984 e reunía a poetas que van desde o falecido Lois Pereiro ata Monterroso Devesa, pasando por Xavier Seoane, Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés, Miguel Mato e Salinas Portugal. Estes autores publicaron entón un poemario actualmente descatalogado.[…]» (La Voz de Galicia)