O
venres 22 de xullo, a partir das 23:00 horas, no Chiringo da Madalena da praia de Moaña, Lucía Aldao e María Lado achegarán o seu espectáculo Moita poesía, pouca diversión, no que se mestura poesía e música nun recital conxunto.
Arquivo da categoría: Poesía
Santiago: Tender a man, con Isaac Garabato e Yolanda Castaño
O
xoves 21 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Yolanda Castaño fusionará os seus versos cos músicos Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, a cantante Mónica de Nut e a danza de Branca Novoneyra no espectáculo Tender a man. Tradicionalmente considerado xénero minoritario e difícil, a poesía faise acompañar aquí de disciplinas creativas máis próximas ao gran público (música en directo, performance, video, danza contemporánea,…)
A Coruña: exposición Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro
Do
mércores 20 de xullo ao domingo 25 de setembro, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, s/n.) da Coruña, con horario de martes a sábado de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., domingos de 11:00 a 14:00 h. (luns pechado), a exposición, comisariada por Antón Patiño, Quen corta os fíos do soño? Lois Pereiro repasa a intensidade da escritura do poeta monfortino, visualizando os seus poemas a través de recursos tipográficos, a iconografía xerada por Lois a través dos retratos fotográficos que lle fixeron moitos compañeiros de xeración, como Xosé Abad, Vari Caramés, Xurxo Lobato, Víctor Echave, Andrés Panaro e Manuel Vilariño. Tamén se contén un impactante retrato expresionista de Lois realizado por Reimundo Patiño e un debuxo do propio Antón Patiño. A mostra conta coa colaboración de Xosé Manuel Pereiro e a familia do poeta. O libro-catálogo da exposición incluirá textos de Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Pereiro, Alberto Ruíz de Samaniego e Antón Patiño. A inauguración terá lugar o mércores 20 de xullo ás 20:00 horas.
Noia: presentación de Luces de soños, de Emilio García Portosín
O
luns 18 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura (Rúa Luís Cadarso, s/n.) de Noia, preséntase o libro Luces de soños, de Emilio García Portosín, presentado por Olga Patiño, Cristina Gufe e Basilio Rodríguez Cañada.
Santiago: actos da Asociación Cultural O Galo para o luns 18 de xullo
O
luns 18 de xullo, a Asociación Cultural O Galo súmase aos actos de lembranza desa data coas seguintes actividades:
– Ás 12:00 h., na Praza do Toural, conxuntamente co Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, exporanse algunhas das estampas de guerra de Castelao, no ano no que ademais celebramos o 125 aniversario do seu nacemento, exposición que se tentará manter na rúa até o domingo 24 de xullo.
– Ás 14:00 h., na Alameda de Santiago, terá lugar un acto de homenaxe popular apoiado polo Galo e o Ateneo de Santiago ás irmás Fandiño, ás Marías, como lembranza tamén a todas as persoas que sufriron a represión do fascismo desde o 18 de xullo do 36. Contarase con intervencións poéticas e musicais, ademais de coa presenza das flores de todas as cores que os e as asistentes levarán ás irmás Fandiño.
Vigo: VI edición de A hostia en verso
O
venres 15 de xullo, ás 22:00 h., no Pub Alma (Rúa Pobladores, 9) de Vigo, terá lugar a VI edición da velada lírica bautizada co lema de A hostia en verso. Desta volta, baixo o título de Capuletos vs. Montescos, revivirán a paixón e a fatalidade shakesperianas Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Elvira Riveiro, Isaac Xubín e Daniel Costas Currás. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, e contará tamén coa intervención musical de Mig Seoane. Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo.
Vilagarcía: VI edición da Mesa das Verbas
Poio: Moita poesía, pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado
Santiago: espectáculo poético-musical Camiños de amor e lúa, de Xosé Carlos Caneiro e Xosé Manuel Salgado
O
xoves 14 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Xosé Carlos Caneiro, acompañado do guitarrista Xosé Manuel Salgado, ofrecerá o espectáculo de poesía musicada Camiños de amor e lúa.
Xavier Rodríguez Barrio: “Hai que quitarlle todos os matices políticos á lingua”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Barrio en Xornal de Galicia:
“(…) – Xornal (X): Esta obra [Calado testamento] conseguiu un premio. Case todos os seus libros gañaron algún galardón. A única forma de poder publicar poesía é gañando algún certame?
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Non é a única forma, pero para a xente nova que comeza si que pode ser o único camiño. Cando eu publiquei o meu primeiro libro en 1973, non había premios que puidesen apoiar un libro. Había algúns como o Xosé María Chao en Vilalba ou o Castelao, pero pouco máis. Moitos deles non levaban nas bases a publicación do libro. Hoxe por hoxe e tal como está o mundo editorial, resulta complicado. Pero non só a nivel galego, senón a nivel estatal. Galaxia atende a poesía a través da colección Dombate, pero non o fai co ritmo que sería recomendable. Xerais publica moi pouca poesía. Hoxe por hoxe, está Espiral Maior. É insólito que chegue a 200 títulos de poesía publicados. É un esforzo incondicional que fai Espiral Maior a prol da poesía galega.
– X: Está a literatura galega un pouco limitada de galardóns poéticos?
– XRB: O Esquío morreu, por exemplo. E morreron outros. O Celso Emilio, comezara nos oitenta e era un premio que estaba consolidado a nivel de autores e contía económica. E desapareceu poucos anos despois de se crear, creo que a finais dos oitenta. Eses e outros acabaron desaparecendo.
– X: Como definiría Calado testamento?
– XRB: Neste libro tratei de facer unha fondísima e serena meditación sobre a experiencia do tempo. Un pouco, o título é contraditorio como a linguaxe que quixen empregar. É un pouco un balance, nestas alturas da vida na que teño cincuenta e algúns ano, do vivido, do pasado e do perdido. Falo da perda da inocencia, pero tamén fago unha lectura do amor e unha lectura da contorna familiar. Recollo un testamento calado, todo o que tes calado que vai formando parte dun suposto testamento, un suposto testamento que implica parte de silencio, parte de reflexión e parte de meditación.
– X: Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
– XRB: Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema Penélope: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.
– X: Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
– XRB: Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.”

