A Coruña: presentación de Metal central, de Alfredo Ferreiro

Hoxe venres 5 de xuño na galería Sargadelos da Coruña (Real, 56), ás 20:00, terá lugar a presentación do poemario Metal central (Espiral Maior), de Alfredo Ferreiro. O autor contará coa presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo (autor do prólogo) e Miguel Anxo Fernán Vello (editor).

O caboverdiano Arménio Vieira, Premio Camões 2009

armenioO xurado do Premio Camões decidiu atribuir o galardón deste ano ao poeta caboverdiano Arménio Vieira. “A título pessoal, eu esperava o prémio”, afirmou o escritor despois de coñecer a noticia, “mas por causa de ser Cabo Verde, admiti que fosse ainda um bocado cedo. É pequeno em relação à imensidão do Brasil, que tem centenas de escritores óptimos. E Portugal também”.

Arménio Vieira, o primeiro cabo-verdiano en recibir o Prémio Camões, naceu na cidade da Praia, na Ilha de Santiago, Cabo Verde, o 24 de xaneiro de 1941. Alén de escritor é xornalista e ten colaborado en publicacións coma o Boletim de Cabo Verde, a revista Vértice de Coimbra, Raízes, Ponto & Vírgula, Fragmentos e Sopinha de Alfabeto. O Premio Camões, creado en 1988 polos governos português e brasileiro, distingue todos os anos escritores dos países lusófonos.

Máis información: xornal Público.

Carballo: espectáculo multimedia con Yolanda Castaño

Hoxe venres 29 de maio ás 21 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (Rúa do Pan, s/n) terá lugar a entrega do V Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2009, ao que asistirá a propia autora premiada, María Pilar García Negro. O acto consistirá nun espectáculo poético multimedia de Yolanda Castaño, un novo formato moderno e innovador para a poesía galega da man das novas tecnoloxías e unha moderna posta en escena achegada á música e ao audiovisual.

Rianxo: actos do Premio Faustino Rey Romero

Esta fin de semana terán lugar dous actos enmarcados na programación do Maio Cultural do Concello de Rianxo:

-Presentación do libro Premio Faustino Rey Romero, edición a cargo de X. Ricardo Losada e publicado polo Concello de Rianxo, o sábado 30 ás 12:30 h no Salón de Actos do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo.

– Fallo do xurado e entrega de premios do XI Certame de Poesía Faustino Rey Romero o domingo 31 de maio ás 12:00 h na Casa da República de Isorna.

A Coruña: Manuel Rivas presenta a Homenaxe á cidade da liberdade (Vídeo)

Os libros arden mal. Homenaxe á cidade da liberdade é un acto que combina literatura, música e memoria da man de Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (cantante de tangos), Gastón Rodríguez (guitarra) e Pulpiño Viascón (voz, gaita e serrucho). Está prevista a participación doutros músicos convidados. Será o sábado a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre e de balde.

A Coruña: Ana Salgado participa no ciclo Escrita(s) da Galería Sargadelos

Mañá xoves 21 de maio ás 20 horas comezará a segunda sesión do ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos da Coruña. Baixo o título Pedra e carniza intelixente Ana Salgado enfiará unha achega á poesía de vontade comunal feita nas últimas décadas para pór de relevo os intentos de problematizar algunhas nocións entre as que están identidade, nación, intimidade, clase, xénero ou dominación.

Ana Salgado é licenciada en Filoloxía Galega na Universidade de Santiago. O seu labor profesional desenvolveuse no Servizo de Normalización Lingüística da USC, na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega ou na Compañía Radio Televisión de Galicia. Na actualidade é redactora de Praza das Letras (revista e portal) e coordinadora de Protexta, suplemento literario da revista Tempos Novos.