Entregáronse os XXII Premios Irmandade do Libro

Desde Sermos Galiza:
““Pola ampliación de horizontes da narrativa galega” a novela A noite branca, de Francisco Fernández Naval, foi recoñecida como Mellor Obra do ano 2012 polo xurado dos premios Irmandade do Libro, galardóns que cada ano convocan a Federación de Libreiros e Libreiras de Galicia e que se entregaron o pasado sábado na Casa de Cultura en Monforte.
O libro e a lectura son os protagonistas desta convocatoria que aplaudiu o traballo desenvolvido por Antonio Reigosa, e as persoas que contribúen no proxecto, diante do web Galicia Encantada por “manter vivo o mundo mítico galego”, alén do seu traballo divulgador e de se ter convertido en referencia nos centros de ensino. No apoio á lectura no ámbito escolar foi precisamente o CEIP de Quintela de Moaña o centro sobre o que o xurado deitou os seus ollos polas actividades desenvolvidas e pola “relación pedagóxica coas librarías e coas biblitecas públicas da zona”.
Un establecemento especializado, a Kómic de Santiago fíxose co premio á mellor libraría, primeira que se dedicou á distribución deste xénero.
As Guías da Natureza de Baía Edicións foi o proxecto recoñecido como Obra Editorial do Ano pola “contribución a que a rica terminoloxía galega relativa á natureza perviva e á divulgación do medio natural como unha maneira de colaborar na súa conservación”.
Os nomes das propostas galardoadas déronse a coñecer no acto de entrega desenvolvido en Monforte o pasado sábado día 20, unha vez con antelación se dera a coñecer o nome de María Xosé Queizán como mellor autora do ano, nestes galardóns outorgados por libreiros e libreiras que teñen como obxectivo destacar o traballo de persoas e iniciativas que contribúen á difusión do libro e a lectura.”

Convocados os XXII Premios Irmandade do Libro

A Federación de Libreiros de Galicia comunica a celebración dos XXII Premios Irmandade do Libro nas modalidades de:

Libraría.
Autor/a.
Libro do ano.
Centro de ensino.
Obra editorial.
Fomento da lectura.

Estes premios pretenden homenaxear a todas as persoas, entidades e institucións que durante o ano 2012 desenvolveron unha actividade salientable a prol do libro e da lectura en galego.
A presente edición terá lugar en Monforte de Lemos o día 20 de abril de 2013. O acto terá lugar na Casa da Cultura da localidade monfortina.
As bases están dispoñibles no apartado da web Premios Irmandade do Libro, e as candidaturas podense presentar a través de email: libreiros@librarias.org, correo postal: Rep. de El Salvador, 28 Entrechán B, 15701 Santiago de Compostela ou por fax: 981591421.

Santiago de Compostela, xaneiro de 2013

Entregados os Premios Irmandade do Libro 2012

“A Federación de Libreiros de Galicia entregou en Lalín os Premios Irmandade do Libro. Resultou galardoada na modalidade de institución, a Real Academia Galega, a Biblioteca Central Rialeda do Concello de Oleiros, polo fomento da lectura, a obra Mitoloxía de Galiza, de Vítor Vaqueiro, na modalidade editorial do ano 2011, o CEIP de Riomaior (Pontevedra), centro de ensino do ano, Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, Libro do Ano 2011. A Libraría Cartabón de Vigo foi recoñecida na modalidade das librerías. No apartado de autor o recoñecido foi Gonzalo Navaza.” Vía Galaxia.

Premios Irmandade do Libro 2011

Asasinato no consello nacional, de Diego Ameixeiras, publicada en Xerais, obtivo o premio Libro do ano 2010, no ditame anual do xurado dos premios Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia, que se fixeron públicos nun acto celebrado en Narón. A colección Di-versos da Editorial Positivas conseguiu o premio á mellor Obra Editorial do 2010, pola súa aposta por un xénero minoritario, como é a poesía, tanto no ámbito nacional como da tradución de autores estranxeiros, e moi especialmente polo descubrimento e aposta cara a autores radicalmente contemporáneos, mentres que no apartado de Institucións, a premiada foi a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Galix.
No apartado de Fomento da lectura, o galardón recaeu na Fundación Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces), polo traballo de promoción cultural no ámbito rural, o fomento da lectura que leva a cabo a súa biblioteca, a aposta polos xéneros de poesía e teatro a través dos seus premios Arume e Estornela e como recoñecemento ao traballo de Anisia Miranda ao longo dos últimos anos. O premio para Librerías recaeu na Aenea, de Santiago, pola súa produción interdisciplinar e por contribuír á difusión do libro a través da súa actividade cultural na propia libraría. Finalmente, o Xurado otorgou o premio para o centro de ensino ao IES Taboada Chivite de Verín pola orixinalidade das súas propostas, o entusiasmo na práctica diaria do club de lectura e a constancia na difusión lectora na mocidade. Estes galardóns súmase ao xa anunciado a Víctor F. Freixanes como autor do ano.

Víctor F. Freixanes obtén o premio Irmandade do Libro na categoría de mellor autor

Os premios Irmandade do Libro, que entrega anualmente a Federación de Libreiros, teñen xa gañador na categoría de mellor autor. Víctor F. Freixanes alzouse con este galardón na vixésima edición do certame pola súa novela Cabalo de ouros, publicado en Galaxia. Os organizadores anuncian que o resto dos vencedores daranse a coñecer o vindeiro 2 de abril, día no que, a partir das 21:00 h. se celebrará a cerimonia de entrega. As categorías pendentes de se coñecer son as do Libro do Ano, Obra Editorial, Centro de Ensino, Libraría, Institución e Fomento da Lectura. Vía Cultura Galega. Tamén reseñado en Galaxia, Galicia Hoxe, Galiciaé, La Opinión e La Voz de Galicia.

Xabier Docampo e Marcos Calveiro, premios Irmandade do Libro 2009

O escritor Xabier DoCampo recibiu onte no Carballiño o premio Irmandade do Libro ao “Autor do ano 2008”, outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia. Na categoría de “Libro do ano 2008” o vencedor foi Marcos S. Calveiro pola novela Festina lente. Tamén recibiron premios Alvarello editora (“Obra editorial 2008” pola Colección rescate), as bibliotecas públicas de Oleiros (“Fomento da lectura”), o IES Blanco Amor de Ourense (“Centros de ensino”), a Asociación Cultural Rosalía de Castro (“Institucións”) e Andel do libro galego e portugués (“Librarías”).

Xabier P. Docampo, autor do ano para a Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros entrega este sábado 28 de marzo no Carballiño os premios Irmandade do Libro, que acadan a súa edición número dezaoito. O autor destacado este ano polos libreiros é Xabier P. Docampo, que recibirá unha estatuíña e máis un cheque por valor de 2.000 € para adquirir libros. Esa noite coñeceranse ademais os gañadores no resto de categorías, cuxos finalistas relatamos a seguir:

Fomento da lectura:
Biblioteca Pública de O Porriño
Bibliotecas Públicas de Oleiros
Asociación Cultural Lonxa Literaria, de Moaña

Institucións:
Casino de Santiago
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Liceo Recreo Ourensán

Librarías:
Andel do Libro Galego e Portugués
Libraría Porta da Vila, de Viveiro
Libraría Paz, de Pontevedra

Mellor libro do ano 2008:
Fin de século en Palestina. Miguel Anxo Murado. Editorial Galaxia.
Festina lente. Marcos S. Calveiro. Edicións Xerais de Galicia.
O xardín das pedras flotantes. Manuel Lourenzo. Edicións Xerais de Galicia

Obra editorial do ano 2008:
As flores do mal. Editorial Galaxia.
Guía das plantas de Galicia. Edicións Xerais.
Colección rescate. Alvarellos editora.

Centros de ensino:
CEIP de Quintela – Moaña
CEIP San Martiño, de Igrexa-Salcedo –Pontevedra
IES Blanco Amor, de Ourense